O sistema aeroportuario galego, ou o reparto da miseria

Os tres aeroportos galegos suman 16 rotas distintas, fronte ás 15 de Asturias e as 64 de Porto © Aena

A comezos de setembro, mentres algúns agardaban do Ministerio de Fomento unha acción decidida, nun ou noutro sentido, para frear o continuado descenso de pasaxeiros dos tres aeroportos galegos, o Executivo, a través de Aena, apostou por non alterar o status quo. Mantíñase un sistema aeroportuario galego "a tres", con esforzos fragmentados, locais, e escasamente especializado. Dicíase, iso si, que Compostela se centraría en voos internacionais e que na Coruña e Vigo primarían as liñas "de negocios".

Nas últimas semanas vimos asistindo a continuas novidades nos tres aeródromos do país, moi ben publicitadas nos medios de comunicación, algúns novos destinos e recuperación de rotas perdidas por Peinador e Alvedro, e a boa nova do voo diario entre Lavacolla e Estambul (vía Bilbao nalgúns casos). Porén, na meirande parte dos casos, os novos destinos gañados por algún dos tres aeroportos supoñen tan só duplicidades con voos xa existentes nalgunha das outras dúas cidades. Mentres, as conexións internacionais, en devalo nos últimos anos, poden caer este inverno a tan só seis: Londres, París, Lisboa, Xenebra, Basilea e Estambul, se finalmente se consuma a perda dos voos de Ryanair por parte de Lavacolla. Xa se consumou a supresión de Málaga, Alicante, Sevilla e Milán. E en xaneiro podería desaparecer o de Frankfurt.

Os datos son claros. A Coruña e Vigo perderon nos últimos tres anos un 20% dos seus pasaxeiros; Alvedro pasou de 1.068.823 en 2009 a 845.452 en 2012, e Vigo de 1.103.291 a 828.720. Lavacolla mantén unha tendencia positiva, cun leve ascenso (de 1.944.068 a 2.194.611). Na nosa contorna, sistemas aeroportuarios menos fragmentados enfrontan mellor a crise. O aeroporto de Asturias mantense estable por riba dos 1,3 millóns de pasaxeiros, e o Sa Carneiro de Porto superou o ano pasado os seis millóns de viaxeiros (fronte aos 4,5 millóns de hai tres anos). En 2007 os tres aeroportos galegos superaban, sumados, o de Porto, agora moven dous millóns de pasaxeiros menos cada ano.

Neste tempo, os tres aeródromos galegos acometeron obras de reforma ou ampliación, dende a nova terminal de Lavacolla, con capacidade para acoller máis catro millóns de pasaxeiros cada ano (o dobre que agora), e que custou 230 millóns de euros, á ampliación da pista de Alvedro (120 millóns de euros), pasando pola ampliación da terminal de Peinador (outros 60 millóns de euros). En total, un investimento de 410 millóns de euros, superior ao custe total da Cidade da Cultura, cifrado en 400 millóns de euros.

Na actualidade, dende Compostela pódese viaxar a 14 destinos, cinco internacionais (Londres, Frankfurt, Estambul, Xenebra e Basilea) e doce domésticos (Alacante, Barcelona, Bilbao, Gran Canaria, Lanzarote, Madrid, Palma de Mallorca, Tenerife Norte, Tenerife Sur e Valencia, aos que se sumará Málaga). Dende Vigo hai un destino internacional (París), ademais de Madrid, Barcelona e Bilbao; e en breve comezarán os voos a Tenerife Sur (dende o 7 de decembro de 2013), Palma de Mallorca (agosto de 2014), Valencia e Ibiza (ambos os dous en xuño de 2014). Dende A Coruña hai voos a Londres, Lisboa, Barcelona, Bilbao, Gran Canaria, Madrid, Sevilla, Tenerife Norte e, nun tempo, a Valencia.

En total serán 18 destinos distintos (descartando as duplicidades), e polo de agora non pasan de 16. Non moitos máis daqueles cos que conta o aeroporto de Asturias (15), e sen punto de comparación cos que ofrece o aeroporto Sa Carneiro de Porto, situado a unha hora da fronteira de Galicia. Porto ofrece 64 destinos, a meirande parte internacionais, comezando pola práctica totalidade das principais urbes europeas (Bruxelas, Florencia, Milán, Amsterdam, Munich, Roma, Marsella, Nantes, Dublín, Lyon, Liverpool...), e mesmo conexións con Nova York, Toronto, Rio de Janeiro, Caracas, Sao Paulo ou Luanda.

As novas que van chegando este inverno non convidan a pensar que a situación global dos tres aeroportos galegos vaia mellorar. Todo o contrario, á vista da incerteza que se observa nas negociacións con Ryanair, que en 2012 moveu o 49,4% do tráfico aéreo de Lavacolla. Iso si, a Xunta gastou 30 mil euros en encargar un plan estratéxico para a xestión aeroportuaria, nunha materia na que non ten competencias.

Aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos
Vista do aeroporto de Vigo © Aena Aeropuertos
Aeroporto de Alvedro CC-BY-NC-SA Wicho
Vista do interior do aeoporto Sá Carneiro, no Porto © Aeroportos de Portugal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.