O 50% das cooperativistas galegas son mulleres, pero estas só presiden o 2% das entidades

Constitución da Asociación de Mulleres de Cooperativas Agro-Alimentarias © AGACA

A metade das persoas socias das cooperativas agrarias galegas son mulleres, pero elas só ocupan o 12% dos postos nos seus consellos reitores e apenas o 2% destas entidades están presididas por mulleres. Nos últimos tres anos o estudio A participación das mulleres nas cooperativas, no marco do proxecto Integra do Ministerio de Agricultura, procurou afondar nas causas desta situación, e achar solucións para derrubar os obstáculos que aínda impiden o acceso de mulleres a cargos de decisión nas cooperativas. O estudo foi realizado en Galicia pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA). Os resultados desta investigación serán presentados este xoves nas instalacións da cooperativa adegueira Martín Códax, dentro das xornadas Participación e Liderazgo de la mujer en cooperativas

"O obxectivo é trasladar ese protagonismo que teñen nas explotacións ás cooperativas e convertelo en participación e dirección"

"O obxectivo principal era indagar na maneira en que as mulleres participan nas cooperativas e tamén darlles visibilidade ás mulleres que son socias destas entidades", explican dende AGACA, que salientan igualmente que "en Galicia a muller ten moito peso na cooperativas, porque en xeral teno no mundo rural, polo seu intenso traballo nas explotacións agrarias e gandeiras, sendo titular delas en moitos casos, ou realizando o traballo principal". Tamén sinalan que nos últimos anos se veu detectando unha tendencia positiva, no sentido de que cada vez máis mulleres se converteron en titulares, comezando a cotizar, despois de anos de traballar sen facelo.

"O obxectivo é trasladar ese protagonismo que teñen nas explotacións ás cooperativas e convertelo en participación e dirección" -din "O que sucede é que cando hai unha asemblea da cooperativa, moitas veces o que fan as mulleres é delegar a súa voz e o seu voto noutra persoa, nun home, por exemplo nos seus maridos. E, por suposto, as mulleres non chegan a presidir as cooperativas nin a ocupar postos nas súas directivas, nos consellos reitores". 

A metade dos socios de cooperativas en Galicia son mulleres, pero tan só o 2% das cooperativas agrarias de Galicia teñen como presidenta unha muller, e ningunha nas cooperativas vitivinícolas ou de horta

A metade dos socios de cooperativas en Galicia son mulleres, pero tan só o 2% das cooperativas agrarias de Galicia teñen como presidenta unha muller, e ningunha nas cooperativas vitivinícolas ou de horta. E tan só o 12% dos membros dos consellos reitores son mulleres, aínda que é certo que esta cifra é moi superior á media española, que se sitúa no 5%.

"Non se senten capacitadas para dar a súa opinión na asemblea ou para ocupar cargos directivos. Ademais, declaran que se senten infravaloradas con respecto ás opinións dos homes"

O estudo comezou hai tres ano. Na primeira fase detectouse que hai "unha serie de obstáculos e de trabas para que a muller participe na actividade da cooperativa, ben sexa nas asembleas, ben sexa como cargo directivo". O obstáculo máis relevante é a percepción que as propias mulleres teñen sobre a súa formación ou capacidade: "non se senten capacitadas para dar a súa opinión na asemblea ou para ocupar cargos directivos. Ademais, declaran que se senten infravaloradas con respecto ás opinións dos homes". Tamén afirman que non teñen tempo para ocuparse desas funcións: "os roles que están establecidos levan a que a muller, ademais do seu traballo na explotación agraria, teñan que traballar na casa ou que atender a nenos ou persoas maiores. Non hai corresponsabilidade nos fogares do medio rural. As poucas que están nos órganos directivos están sobreexplotadas". Tamén se fixeron uns grupos de debate para recoller informacións máis cualitativas, para recoller as visións dos homes sobre a participación da muller nas cooperativas.

A raíz dos datos e experiencias recollidas, elaborouse unha Guía de medidas de igualdade, que se comezarían a poñer en práctica nunha serie de cooperativas, como experiencia piloto. En Galicia unha das cooperativas nas que se aplicaron estas medidas foi Martín Códax. Precisamente, na xornada deste xoves, Noemí Nogueira, de Martín Códax, explicará como implantaron as súas medidas nesta experiencia piloto e como elaboraron a raíz desa experiencia un plan de igualdade entre traballadores e socios. Vai ser a segunda cooperativa galega cun plan de igualdade en marcha, despois de Feiraco en 2010.

"Ás mulleres tentábase convencelas de que tiñan as capacidades suficientes para ocupar eses postos, tratábase de empoderalas"

Se se detectaba que había unha baixa porcentaxe de mulleres asociadas, buscábase incrementar ese número. Se o problema era o acceso a postos directivos, buscábase que homes e mulleres fosen conscientes da situación e da importancia de que se acadase unha situación de igualdade de xénero. "En concreto, ás mulleres tentábase convencelas de que tiñan as capacidades suficientes para ocupar eses postos, tratábase de empoderalas", afirman en AGACA. 

En Galicia hai 1.141 cooperativas, das que 363 son agrarias, é dicir, un 31%. Estas cooperativas facturan máis de 1.500 millóns de euros e teñen 36.800 socios e socias, o 46% do total de socios cooperativistas en Galicia. Por provincias, A Coruña é a que conta cun maior número de cooperativas agrarias, cun 39,4% do total de Galicia, seguida de Lugo, cun 32,5%. En total as cooperativas que operan en Galicia contan con arredor de 80.000 socios e son responsables duns 28.000 postos de traballo. A crise non freou o seu crecemento e, de feito, hoxe hai en Galicia un 3% máis cooperativas que en 2009.

Celebración do Día do Cooperativismo en Galicia, en Compostela © cooperativas de galicia
Constitución da Asociación de Mulleres de Cooperativas Agro-Alimentarias © AGACA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.