A débeda da Xunta xa é un 94% superior á que atopou Feijóo

Fonte: Banco de España CC-BY-SA Praza Pública

"Hai gobernos que prefiren gobernar a costa de deixar débedas aos seus cidadáns". Esta frase, repetida a xeito de mantra polo presidente da Xunta ao longo dos seus anos de mandato, segue a colisionar coa realidade se é empregada, a xeito de crítica, para sacar peito económico a respecto dos anteriores Executivos galegos. O endebedamento do gabinete de Alberto Núñez Feijóo aumenta de xeito galopante dende o retorno do PP á Xunta e, malia ao leve descenso do segundo trimestre do ano a respecto dos tres meses anteriores, este indicador xa case duplica ao que deixou o anterior Goberno.

Segundo os datos do protocolo de déficit excesivo publicados este venres polo Banco de España Galicia acumula actualmente unha débeda de 9.397 millóns de euros. Isto quere dicir que o endebedamento da Administración autonómica é un 94% superior aos 4.842 millóns de finais de 2009, último ano no que o bipartito tivo responsabilidades na Xunta -entre xaneiro e mediados de abril- e no que os Orzamentos que rexían eran aínda obra do gabinete de PSdeG e BNG.

A débeda baixou entre o primeiro e o segundo trimestre pero experimentou unha suba interanual do 22,7%

Dende aquel ano a débeda subiu en todos os trimestres con só dúas excepcións: entre o segundo e o terceiro trimestre de 2012 rebaixou en catro millóns, de 7.659 a 7.654, e entre o primeiro e o segundo de 2013 minorou en en 128 millóns de euros. Non obstante, esta rebaixa puntual contrasta co indicador interanual, toda vez que a débeda galega ao remate do segundo trimestre de 2013 é 1.738 millóns de euros superior ao mesmo momento do ano anterior, o que deixa a suba interanual nun 22,7%.

A suba da débeda en termos absolutos ao longo dos últimos anos tivo tamén a súa correspondencia no peso do endebedamento sobre o PIB galego. Así, sempre segundo o Banco de España, a finais de 2009 este indicador estaba no 8,7%, sendo o primeiro ano no que subía tras estar baixando ano a ano dende comezos da década. Dende ese ano comezou unha escalada que o situou no 10,9% a finais de 2010, no 12,4% no remate de 2011 e no 14,7% na fin de 2012. No segundo trimestre de 2013 a ratio débeda/PIB quedou no 16,8% despois de comezar o ano no 17%.

Malia á suba sistemática da débeda nos últimos anos a baixada entre o primeiro e o segundo cuadrimestre sérvelle á Xunta para ofrecer unha diagnose netamente optimista. Así, segundo un informe da Consellería de Facenda tratado no Consello da Xunta do pasado xoves, o que cabe destacar é que Galicia "logra rebaixar o seu nivel de endebedamento nun momento en que crece no conxunto das autonomías" e, a este ritmo, "rematará o ano cun diferencial positivo de 3 puntos a respecto da media autonómica". A previsión é do 16,1%, sete décimas menos que na actualidade.

"Galicia vén mantendo unha posición responsable e de prudencia na súa política de endebedamento", di a Xunta

Do mesmo xeito, e na liña do mantido polo presidente nos últimos anos, Facenda insiste en que "Galicia non precisou nin un só euro dos mecanismos de axuda postos en marcha polo Estado", como o fondo de liquidez autonómica ou o mecanismo de pago a provedores". Así, subliña que a autonomía "segue tendo os mercados abertos" para financiarse por libre, con operacións como unha recente subscrición dun préstamo do Banco Europeo de Investimentos por 100 millóns de euros a vinte anos. "Galicia vén mantendo unha posición responsable e de prudencia na súa política de endebedamento", conclúe a Xunta sobre si mesma.

Reunión do Consello da Xunta © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.