De Guindos opta por sacar á venda NGB "o antes posible"

Novagalicia Banco © NGB

Terceira reforma financeira. Esta será a definitiva para Novagalicia Banco. Para as caixas do país. Para unha empresa financeira que aportan directamente o 4% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e ata un 7% inducido. Un pulmón económico que afoga despois de tres torniquetes aplicados en menos de ano e medio. Primeiro foi a fusión, aprobada por Madrid e avalada por unha auditoría contratada ad hoc pola Xunta que costou un millón de euros, a que obrigou a Caixa Galicia e Caixanova a pedir 1.192 millóns ao Fondo de Reestruturación Bancaria (FROB). Crédito cun tipo de xuro do 7,75%, seis puntos por riba do Euríbor e outros tantos sobre o interbancario. Os xuros páganse cada trimestre detraéndose dos beneficios da propia entidade.

Despois foi o chamado decreto de reforzamento financeiro, presentado hai menos dun ano, o que empurrou a Novacaixagalicia cara á bancarización tras detectar un déficit de capital de 2.622 millóns de euros. Tivo que pedir ao FROB, previo traslado de todo o negocio a un banco, 2.465 millóns de euros canxeados por accións. O propio FROB valorou a entidade en apenas 181 millóns tras aplicarlle un desconto case absoluto, o que supuxo a nacionalización do banco malia á insistente promesa de José María Castellano, novo presidente da empresa, de ter apalabrados os investimentos de empresarios galegos e estranxeiros por ata 500 millóns.

"O Goberno intentará sacar ao mercado as entidades nacionalizadas o antes posible"

E agora chegou Luis de Guindos. Un ministro pragmático que debuxou onte con lapis e bisturí a fin da viaxe. Da quimera. "O Goberno intentará sacar ao mercado as entidades nacionalizadas o antes posible". A única solución é a venda. Nada de contemplacións. "Punto e final", refrendaron fontes internas da empresa crediticia. De Guindos foi preguntado, durante a rolda de prensa na que presentou o plan que será aprobado este venres, polo caso específico de Novagalicia Banco. E é que Castellano obtivera un pequeno aval por parte do Banco de España que lle ía permitir, en principio, gozar ata o mes de setembro para captar os investimentos prometidos. Non quixo responder De Guindos. O proceso de subhasta afectará ás catro entidades nacionalizadas.

Non haberá un plus de tempo

Segundo aclarou na rolda de prensa, o ministro de Economía e Competitividade facilitará a certas entidades a circulación por un camiño ben complicado. Que camiño? O de realizar provisións inxentes por todos os activos denominados problemáticos (dubidosos ou de dubidoso cobro, por exemplo) inmobiliarios, especialmente o solo. Haberá que realizalas sobre os activos con problemas e sobre os que aínda non son morosos na actualidade. Como xa explicou Praza este mércores, a exposición inmobiliaria de Novagalicia Banco era, a 30 de setembro, superior aos 11.100 millóns de euros.

O volume de activos inmobiliarios adxudicados (que forman parte do balance de NGB) é de 2.850 millóns de euros. Unha situación insostible que, de cumprirse a pretensión do ministro De Guindos, nin sequera precisará de ser revisada. Non vai importar, parece, que o banco presente algún plan de viabilidade para intentar sufragar, con cargo a beneficios, ese nivel de provisionamento. Simplemente se optará pola poxa dunha entidade que se chama Novagalicia Banco, antes NCG Banco, antes Novacaixagalicia, antes Caixa Galicia e Caixanova... e antes ducias de anos da historia do aforro dos galegos.

 

Julio Gayoso, Alberto Núñez Feijóo e Mauro Varela © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.