Gas Natural Fenosa decidíu eliminar a atención o cliente da comercializadora Unión Fenosa Comercial dende o vindeiro 1 de xuño de 2013, facendo desaparecer dita comercializadora, e trasladando os clientes da mesma a Gas Natural Servicios, segundo denuncia o comité de empresa de Teleperformance, que presta este servizo á compañía catalá.
"Os galegos deixarán de ter a posibilidade de seren atendidos en galego", advirte o comité
"A atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial préstase dende Galicia a todo o territorio estatal, mentres que non é así no caso de Gas Natural Servicios", aclara o comité de empresa nun comunicado, no que explica que deste xeito os galegos "deixarán de ter a posibilidade de seren atendidos en galego", xa que Gas Natural Servicios non presta este servizo. "Isto sucederá cos servizos de avarías que se prestan a todos clientes en Galiza en breve se non poñemos remedio", advirte.
En Teleperformance A Coruña prestan servizos de atención ao cliente para Gas Natural Fenosa 311 persoas, dedicadas a varios departamentos. No caso concreto de Unión Fenosa Comercial, 105 persoas "están a preguntarse que vai acontecer cos seus postos de traballo a partires do 1 de xuño, e máis ante a falta de información que están a sufrir por parte da empresa Teleperformance", engaden os representantes dos traballadores.
Segundo o comité, a propia Teleperformance trasladou o persoal afectado que o Grupo Gas Natural Fenosa está "altamente satisfeito co servizo que se presta dende A Coruña", e que ambas as dúas empresas tentarán de "minimizar o impacto da decisión empresarial sobre o persoal". No entanto, os traballadores denuncian que a día de hoxe "aínda non está concretada ningunha medida que poida garantir os postos de traballo ou minimizar o impacto sobre deles". "Tampouco se descarta que medidas coma esta se tomen no futuro para o resto de servizos que se lle prestan ao cliente", insisten.
Os traballadores de Teleperformance preparan xa mobilizacións para as vindeiras semanas
"Desexaríamos que a valoración tan positiva que se fai do noso traballo viñese traducida na conservación dos nosos postos de traballo e non só en louvanzas sobre o noso desempeño", reivindican. Na última reunión que mantivo a empresa co comité, Teleperformance segue sen aclarar medidas concretas, "deixando patente a súa desconsideración cara ao persoal".
Ante esta situación, o comité de empresa xa convocou distintas mobilizacións, a primeira delas de delegados o vindeiro 7 de maio ás 12 do mediodía diante da sede de Gas Natural Fenosa na Coruña, na rotonda da Agrela. O día 14, tamén os delegados se concentrarán diante da sede de Teleperformance na rúa Newton.
"As empresas punteiras e representativas de Galicia van desaparecendo ou deslocalizándose", lembra o comité
"As empresas punteiras e máis representativas de Galicia van desaparecendo ou deslocalizándose; coa venda de Unión Fenosa vemos como os nosos recursos naturais xeran beneficios e dividendos fóra de Galicia sen deixar beneficio aquí", denuncia o comité, que cre que agora "nos toca presenciar como se levan tamén os postos de traballo das empresas colaboradoras que foron creados en paralelo ao crecemento da antiga Unión Fenosa".