A crise e o desemprego alimentan as manifestacións do 1º de maio

Manifestación de CC.OO. e UGT en Vigo Dominio Público Praza Pública

Contadas por xunto ou por separado, as manifestacións convocadas neste primeiro de maio por CC.OO. e UGT por unha banda, a CIG pola súa, e centrais coma CUT, CGT ou CNT pola outra, tiveron unha participación moi numerosa. A CIG celebrou a súa manifestación central en Vigo e CC.OO. e UGT na Coruña e en ambas as dúas a participación roldou as 20 mil persoas, segundo os organizadores.

En total, CC.OO. e UGT cifran en case 100.000 persoas as que participaron nas nove manifestacións convocadas baixo o lema Non teñen límite. Loita polos teus dereitos. José Antonio Gómez (UGT) e Xosé Manuel Sánchez Aguión (CC.OO.) destacaron que "a de hoxe é unha xornada de solidariedade e reivindicación internacional, que este ano se celebra nunha difícil conxuntura marcada por unha forte crise que está acarreando graves consecuencias, non só no eido económico, senón tamén no laboral e social" e denunciaron "o xeito de actuar da Unión Europea, obedece os ditados da chanceler Merkel e insiste nas súas fracasadas e inútiles receitas neoliberais".

Os últimos datos de paro coñecidos -a enquisa da EPA que situou o número total de desempregados por riba dos seis millóns- e o malestar xerado polo anuncio do Goberno de que a taxa se manterá por riba do 25% até o 2016 marcaron as manifestacións. Todas as centrais sindicais viron na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros do pasado venres a "constatación" do "fracaso das políticas de austeridade". Sánchez Aguión e Gómez destacaron que "a rúa é o lugar que lles queda aos traballadores e traballadoras e á cidadanía" e salientaron que se trata dun momento "crucial", pois "estamos perdendo as conquistas sociais que foramos perdendo durante xeracións e podemos deixarlles aos nosos fillos un mundo moito peor do que nos tocou vivir".

Para Xosé Manuel Sánchez Aguión, "a resposta que está dando Galicia amosa un rexeitamento xeral ás políticas ineficaces e inxustas do Goberno, unhas políticas que condenan ao paro e á pobreza ao 99% da poboación". Na mesma liña, José Antonio Gómez destacou a "resposta clara, masiva e contundente contra o austericidio" e sinalou que "hai alternativas" e que se pode "facer unha política diferente". Un e outro coincidiron en que a mobilización vai continuar "constante, sostida e inclusiva para a maioria da poboación". Avogaron tamén pola unidade de acción coa CIG, "para dar unha resposta colectiva unitaria e forte contra estas políticas" e lembraron que lle fixeron á central nacionalista o ofrecemento para acudir xuntos a este primeiro de maio. Gómez manifestouse "confiado" en que a unidade de acción regresará pois "son moitas máis as cousas que nos unen que as que nos separan".

Tamén lembraron que moitas persoas foron resistindo os golpes da crise en boa medida polas "reservas animicas e familiares", pero que esas resevas "se están a esgotar". "Esta situación", critican os sindicatos, está a provocar "unha gran desafección cidadá, que ve como os poderes públicos non dan solucións aos dramas cotiáns, acelerando así o descrédito e crise das institucións, precisamente cando son máis necesarias que nunca as políticas públicas". As marchas de CC.OO. e UGT contaron en toda Galicia cunha nutrida participación de representantes do PSdeG-PSOE -entre eles Pachi Vázquez e Francisco Caamaño na Coruña- e de Esquerda Unida.

 

"A Galiza que nós queremos non ten cabida nesta Unión Europea"

A CIG celebrou a súa manifestación central en Vigo, onde participaron de xeito activo algúns dos principais dirixentes do BNG, coma Xavier Vence, Bieito Lobeira, Carme Adán e Olaia Fernández Davila. O propio Vence, en declaracións aos medios de comunicación, chamou por un "cambio de orientación" das políticas económicas. Vence afirmou que "o PP está contribuindo máis á desaparición do capitalismo en Galicia que todos os comunistas xuntos", e acusouno de asistir como "mera testemuña" á "desaparición de empresas importantes todos os días" e de "non facer absolutamente nada". Neste senso criticou o "proceso de desmantelamento industrial acelerado que se está producindo en Galicia".

Unha mensaxe na que incidiu Suso Seixo no seu discurso no que afirmou que "podemos vencelos e lograr avanzar cara outro modelo económico e social ao servizo da clase traballadora". Seixo tamén clamou contra calquera tipo de "pacto social co PP e a oligarquía" e sinalou que "temos que botalos dos gobernos" e que "a Galiza que nós queremos non ten cabida nesta Unión Europea", unha crítica ás políticas da UE que foi constante na manifestación.

De feito, o lema escollido pola CIG para ese 1º de maio foi Partido Popular–Unión Europea: menos dereitos, máis pobreza. "O goberno está en mans da banca e do capital financeiro, sobre todo dos bancos alemáns", sinalaba Suso Seixo este mesmo luns, denunciando que “a UE e o goberno español, o Partido Popular, seguen a insistir nas mesmas políticas desde o inicio da crise. Medidas todas elas dirixidas contra a clase traballadora e os sectores máis desfavorecidos da sociedade". A CIG fixo igualmente un chamamento a superar o "pesimismo" ao que convida esta situacion e a "acumular forzas" na esquerda para acadar "unha mobilización maior". Para Suso Seixo "a saída da crise hai que conquistala. Hai que tirar abaixo este goberno, forzar a súa dimisión, e levar ao poder en Galicia e no Estado a forzas que sexan sensibles aos intereses da clase traballadora". 

Seixo sinalou que "razóns obxectivas hai de sobra para a convocatoria dunha nova folga xeral, sen que haxa que seguir agardando a que sigan recortando dereitos". Afirmou tamén que a división sindical que se deixou ver este mércores nas distintas manifestacións é unha "desgraza" pero apuntou que "a unidade sindical debe darse a diario nos centros de traballo". Tanto Seixo como Vence rexeitaron a posibilidade de calquera "pacto social" co PP. Vence apuntou a este respecto que "o único pacto nacional posible é o das forzas que se opoñen ás políticas neoliberales".

Como nota curiosa, na marcha da CIG puido verse a David Reboredo, que declarou que "hoxe é un día para saír ás rúa". Tamén foi moi visible en todas as manifestacións convocadas en Vigo a presenza dos afectados pola estafa das preferentes e tamén dos colectivos que loitan contra os desafiuzamentos, coma a PAH, e tamén dos traballadores e traballadoras de Pescanova.

 

Outras cidades

En Compostela, en Lugo, en Ourense, en Pontevedra ou Ferrol a participación nas marchas convocadas polas centrais sindicais tamén foi moi numerosa. Especialmente en Ferrol, unha cidade na que a crise e o desemprego inciden con maior virulencia, cun sector naval paralizado e unha taxa de paro superior ao 32% da poboación activa. A pesar da chuvia, ao redor de 6.000 persoas participaron na marcha convocada por CC.OO., UGT e USTG e unhas 2.000 fixérono na da CIG. A crise do sector naval centrou as marchas, o mesmo que a proposta lanzada polo sindicato nacionalista de convocar unha xornada de folga xeral na comarca antes do verán.

 

Outras marchas 

As manifestacións convocadas por outras centrais, como CUT, CNT ou CGT, rexistraron unha participación superior á doutros anos. Na Coruña a marcha convocada por CUT e CGT reuniu case dúas mil persoas e a asistencia foi mesmo superior na que en Vigo lideraron CUT, CGT, STEG, SF-Intersindical e XG. Ricardo Castro, xecretario xeral da CUT di “estar satisfeito" co feito de que "a alianza do sindicalismo de clase e asembleario vaia tomando corpo para defender con claridade e fortaleza os intereses da clase obreira galega". Tamén houbo manifestacións en Ourense (CUT, CNT e CGT) e Compostela (CUT, CNT e Asembleas Abertas).

Manifestación da CIG en Vigo © CIG
Marcha da CIG na Coruña Dominio Público Praza Pública
Manifestación de CC.OO. e UGT na Coruña Dominio Público Praza Pública
Manifestación de CUT e CGT en Vigo Dominio Público Praza Pública
Manifestación de CUT e CGT na Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Manifestación de CC.OO. e UGT en Ferrol Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.