Un imputado no caso dos ERE vendeu en Luxemburgo as accións do presidente de Pescanova

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es

A Xustiza belga está a investigar se o presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, se serviu do financeiro Eduardo Pascual Arxé -encarcerado desde o 23 de marzo pola súa implicación no caso dos ERE de Andalucía- para vender o 6,95% da multinacional galega, a metade da súa participación, por uns 32 millóns de euros ocultándollelo ao resto de accionistas e á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A Xustiza belga invetiga se Sousa utilizou o financeiro Arxé -agora na cadea- para vender o 7% de Pescanova

A venda das accións de Fernández de Sousa transcendeu despois de que o propio presidente de Pescanova fixese pública a operación e de que o xigante pesqueiro, que ten máis de 10.000 empregados, se declarase en concurso de acredores. Fontes moi próximas á Administración de Xustiza belga e da acusación particular nos procedementos que se seguen contra Pascual Arxé naquel país aseguran que o financeiro mantén unha relación privilexiada coa familia Tesch, unha das 10 principais fortunas de Luxemburgo, que foi quen lle facilitou a creación dunha aseguradora no país, algo practicamente imposible sen un aval como o que apoiaba ao financeiro catalán.

En 2000, o fondo de investimento da familia Tesch, Luxempart, creou unha aseguradora en Luxemburgo, Le Foyer Key, da que posuía un 51%. O seu socio naquela aventura non era outro que Eduardo Pascual Arxé. Cando a compañía foi bendicida polas autoridades financeiras de Luxemburgo, os Tesch vendéronlle toda a súa participación en Key a Pascual.

Aos reguladores do principado sorprendeulles a operación. Cando pediron explicacións aos Tesch, aseguraron que crearan a aseguradora coa intención de entrar no mercado español. Pero finalmente descartaron entrar en España e ofreceron a Pascual que se fixese co 100% da aseguradora Key. Pascual fíxose con todo o capital e cambioulle o nome por Excel Life Internacional.

Sorpresa en Luxemburgo

Tras a saída dos Tesch do capital de Key, os operadores dos mercados de Luxemburgo non saían do seu asombro cando o seu fondo, Luxempart, anunciou a adquisición do 5,8% do capital de Pescanova. Analistas financeiros belgas aseguran que, naquel momento, atribuíron a operación ás excentricidades de François Tesch, o responsable de Luxempart, que, afirman, adoita ter unha razón oculta para xustificar as súas operacións.

Os operadores dos mercados de Luxemburgo ficaron sorprendidos cando Luxempart anunciou a adquisición do 6% de Pescanova

O presidente de Pescanova desfíxose dos case dous millóns de accións da compañía nunha vintena de pequenas operacións para evitar chamar a atención. Sousa empezou a vender en decembro de 2012 e realizou a última venda o pasado 27 de febreiro, o mesmo día que se celebrou o consello de administración previo á xunta xeral de accionistas ao que se presentaron as contas da compañía. Contas que os outros dous socios de referencia de Pescanova, o grupo Damm e o Luxempart, negáronse a asinar á luz das irregularidades achadas pola auditora BDO. A máis rechamante, a desaparición do balance de 50 millóns de euros.

Os investigadores belgas temen que as vendas do paquete de Sousa se realizasen fóra do mercado, a través de Pascual Arxé

Agora, os investigadores belgas temen que as vendas do paquete de Fernández de Sousa se realizasen en realidade fóra do mercado, a través de Pascual Arxé, aos seus antigos socios da familia Tesch, que rexistrarían unhas perdas contables de 20 millóns de euros.

Fernández de Sousa asegurou ao anunciar que se desprendeu da metade da súa participación en Pescanova que o seu obxectivo era obter liquidez para inxectar na propia compañía. Con todo, dos 32 millóns de euros que obtivo, só nove millóns de euros entraron na caixa de Pescanova. Ademais aparecen en realidade como un crédito cun tipo de interese que supera o 5% anual.

A presidenta da CNMV, Elvira Fernández, xa anunciou unha investigación sobre a venda realizada por Fernández de Sousa. Non só por non comunicar a operación, senón por se o presidente de Pescanova podería ser acusado de uso de información privilexiada. As accións que vendeu por 32 millóns de euros valen hoxe menos de 12 millóns.

As accións que vendeu o presidente de Pescanova por 32 millóns valen hoxe menos de 12

Ata que a titular do xulgado de instrución número 6 de Sevilla, Mercedes Alaya, encargada do caso dos ERE falsos da Xunta de Andalucía, ordenou o seu ingreso en prisión, Pascual Arxé púidose permitir implicarse en escuros negocios, a pesar de todos os procedementos xudiciais que ten abertos.

Pascual é o principal imputado no caso Eurobank, un pequeno banco catalán que logrou presidir antes de que fose intervido polo Banco de España en 2003, e de cuxas arcas espoliou, segundo as acusacións, máis de oito millóns de euros. O titular do xulgado de instrución número 5 da Audiencia Nacional, Pablo Ruz, ditou a primeira semana de novembro auto de apertura de xuízo oral contra Pascual e os seus colaboradores, especialmente a súa man dereita, María Vaqué, encarcerada como el por orde do xuíz Alaya.

Sete anos de prisión

A Fiscalía Anticorrupción pide para o financeiro unha pena de sete anos e oito meses de prisión, unha responsabilidade civil de máis de oito millóns, ademais da devolución doutro cinco millóns de euros que cobrou do banco en concepto de comisións.

Ademais, o xulgado de instrución número 6 da Audiencia Nacional, tamén investiga a xestión de Eduardo Pascual no seu grupo de mutuas e aseguradoras, do que forman parte Excel Life, Vitalia e Apra Leven.

A xuíza Alaya encarcerou a Pascual porque considera acreditado que dous das aseguradoras de Pascual, Vitalia e Apra Leven, cobraron 4,5 millóns de euros en concepto de comisións ilegais en relación coa falsificación de Expedientes de Regulación de Emprego que santificaban as aseguradoras como asesoras da Junta de Andalucía.

E, finalmente, os tribunais de Bélxica e Luxemburgo tamén investigan as actividades do financeiro. Sospeitan que algunhas das operacións das súas aseguradoras en ambos os países responden, en realidade, ao branqueo de diñeiro procedente dos supostos delitos cometidos en España, ademais do baleirado de fondos dalgunhas das compañías do grupo que contan con socios autóctonos.

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.