Máis de 13.000 euros ao mes por vixiar o pavillón do Xacobeo

O pavillón, no barrio compostelán de San Lázaro © Turgalicia

No inicio dos anos 90 a exposición universal de Sevilla, a Expo 92, foi presentada xunto aos Xogos Olímpicos de Barcelona como unha icona dun Estado español que se incorporaba á modernidade e deixaba atrás a lousa do franquismo. Apenas un ano antes de que comezase a crise económica que marcou en boa medida aquela década as Administracións públicas non escatimaron esforzos nin cartos para presentarse ante o mundo coas súas mellores galas. No caso da Xunta, presidida por Manuel Fraga dende tres anos antes, a representación consistiu en erguer o Pavillón de Galicia no recinto sevillano, unha estrutura de granito e cristal que, tras e exposición, colleu o camiño de volta. Foi desmontado e construído de novo no barrio compostelán de San Lázaro, onde permanece albergando unha exposición permanente Galicia, presencias e esencias dunha cultura, e exercendo como sede da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. Manter segura esa instalación custa uns 13.000 euros ao mes.

Dentro do seu plan de "racionalización" da Administración paralela, os coñecidos como chiringuitos, o Goberno galego, agora dirixido por Alberto Núñez Feijóo, anunciou a súa intención de facer desaparecer o ente público que xestiona o Xacobeo pola vía da integración na Axencia Galega de Turismo, Turismo de Galicia, ao tempo que reduce notablemente as súas funcións: limitarase ao Camiño de Santiago en sentido estrito, deixando de lado a organización de eventos, os patrocinios ou outras vías de promoción turística, labores que, teoricamente, se coordinan dende o devandito pavillón. Malia este recorte a instalación segue sendo igual de grande e tendo as mesmas necesidades. Hai escasas datas o propio organismo en vías de extinción iniciou os trámites para contratar os seus servizos de seguridade e limpeza.

O contrato de seguridade do pavillón supera os 80.000 euros

Para protexer a que foi casa simbólica do malogrado Pelegrín a Xunta reserva 68.700 euros, que unha vez sumado o correspondente IVE chegan a 83.127 euros para financiar un contrato de ata seis meses de duración. Polo tanto, o custo supera os 13.800 euros mensuais. Con estes cartos finánciase un servizo que a empresa adxudicataria prestará entre as tres da tarde e as oito da mañá, de luns a venres, e as vinte e catro horas do día os domigos e festivos. Ademais de asumir o servizo a compañía gañadora do concurso público ten que facerse cargo da subrogación dos contratos indefinidos de cinco vixiantes, un deles "con incapacidade permanente absoluta revisable", que se incorporaron a traballar ao recinto entre 1995 e 1999. A eles e ao persoal que a empresa decida incorporar correspóndelle a "colaboración coas forzas e corpos de seguridade", tendo sempre en conta que os traballadores e traballadoras deben ser "persoas de recoñecida responsabilidade e absoluta confianza".

Ata 42.000 euros en limpeza

A Xunta esixe limpeza diaria da instalación que representou a Galicia na Expo 92

Ademais da seguridade o Xacobeo está tamén a tramitar o contrato de servizos de limpeza para o propio Pavillón de Galicia e, no mesmo trámite, para unha oficina de información no centro de Santiago e unha pequena nave no polígono do Tambre, tamén na capital galega. Neste caso o importe de licitación -o máximo que a Administración está disposta a pagar- chega aos 42.350 euros para un contrato que tamén durará seis meses, sen prexuízo de posibles prórrogas. Como no caso da seguridade, a empresa adxudicataria do servizo ten que asumir os contratos do persoal que xa realiza estas funcións, a saber: unha limpadora para a nave do Tambre, con xornada de tres horas semanais e antigüidade dende 2005, outra traballadora na oficina turística, con 15 horas á semana e antigüidadade dende 2004, e dúas máis no antigo pavillón da Expo, neste caso con 35 horas semanais e antigüidade dende 1999.

O pavillón é, precisamente, o que concentra os labores de limpeza contratados. De luns a venres a Xunta esixe a limpeza diaria de "pisos, escaleiras, ascensor, alfombras, moquetas, mobiliario e accesorios, papeleiras e aseos". Ademais, "unha vez ao mes" reclama a "limpeza de crsitais, entrepanos e azulexos" e, cada seis meses, "limpeza de escaleiras e terrazas exteriores, cortinas e persianas". Para a oficina de información reclama tamén limpeza diaria de luns a venres -con limpeza de cristais unha vez á semana-; no acso da nave do polígono, pide que se limpe "dúas veces á semana", tanto as oficinas como os aseos que dan servizo ás mesmas.

O pavillón, no barrio compostelán de San Lázaro © Turgalicia
O pavillón, en Sevilla © Expo92.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.