Un imposto aos centros comerciais para protexer o pequeno comercio?

Primeiros clientes dun centro comercial en Santiago © As Cancelas

Galicia ten corenta e tres centros comerciais que ocupan 997.538 metros cadrados, un para cadra tres habitantes do país. Os anos de bonanza económica alteraron por completo a vida comercial das grandes cidades galegas e das principais cabeceiras de comarca, especialmente nas provincias atlánticas, que acumulan trinta e seis destas grandes superficies. As dúas principais urbes, A Coruña e Vigo, teñen nove centros cada unha, con 379.127 e 144.247 metros cadrados de superficie, respectivamente, segundo o anuario económico de La Caixa. Mentres algunhas destas grandes áreas abrían as súas portas, entre 2008 e 2011 -último dato dispoñible no Instituto Galego de Estatística-, 2.200 empresas dedicadas ao comercio retallista pechábanas, o que implica un descenso do 7%. Neste contexto, debe a Administración tomar cartas no asunto?

Esta é, precisamente, a pregunta que estivo este mércores sobre a mesa no pleno do Parlamento. Alternativa Galega de Esquerda, a través do seu deputado Antón Sánchez, defendía unha proposición non de lei encamiñada a regular a instalación e desenvolvemento das grandes superficies comerciais e, máis concretamente, a posta en marcha dun réxime tributario máis estrito para elas, proposta que, con matices, tamén defenderon durante a pasada campaña electoral os outros dous grupos da actual oposición, PSdeG e BNG. Concretamente, a proposta de AGE implicaría a "creación dun tributo autonómico de carácter periódico, anual e finalista, cuxa recadación quedaría afectada e destinada ao fomento e apoio do pequeno comercio".

Galicia ten corenta e tres centros comerciais que ocupan case un millón de metros cadrados

Ademais do novo imposto, a iniciativa defendida por Sánchez observaba tamén a necesidade de aprobar un plan sectorial de equipamentos comerciais "que ordene e planifique a implantación das grandes superficies con criterios de impacto económico, territorial, social e de afectación do pequeno comercio". Mentres este plan non estivese aprobado, abondaba, debera pesar unha "suspensión cautelar do procedemento de outorgamento de licenzas para grandes superficies". Ademais, a Lei de Comercio Interior tería que ser modificada para que antes de autorizar a apertura dun centro comercial se valore o seu "impacto económico", especialmente no pequeno comercio, así como os custes indirectos para a Administración: "en ocasións -lembra- se sufragaron con cartos públicos os accesos viarios ás grandes áreas, privatizando as plusvalías e socializando os custos".

A iniciativa reclamaba un tributo ás grandes superficies para "apoiar" o pequeno comercio e unha suspensión cautelar de novas áreas

A proposta de AGE atopou apoio no BNG, cuxa voceira na materia, Montse Prado, lembrou que a formación frontista tamén vén defendendo iniciativas semellantes para que "os que fan negocio en Galiza deixen beneficio en Galiza" nun contexto no que o Goberno galego está "a favor do libre mercado agás cando toca lexislar para os seus". Tamén o socialista Manuel Gallego se amosou favorable á iniciativa, coincidente en esencia coas reclamadas polo PSdeG nos últimos meses. Pero a voceira do PP, Cristina Romero, deixou claro que nada vai cambiar, dado que en Galicia o pequeno comercio ten "indicadores máis favorables que os do conxunto do Estado" e a redución de comercios "é menor malia á profusión de grandes superficies". Esa "profusión", non obstante, debe ser desligada do actual Executivo, xa que estiveron "fomentadas polos gobernos bipartitos na Xunta e nos concellos".

Segundo a conservadora a socialistas e nacionalistas "o único que lles preocupaba era que os comercios estivesen rotulados en galego" mentres que o gabinete Feijóo aprobou a nova Lei de Comercio, "tan necesaria para o sector" e puxo en marcha plans como o Ágora para "mellorar a competitividade". Todo isto permitiu que, mentres "no conxunto do Estado" o comercio retallista "cae un 11%", en Galicia "o volume de negocio se mantén". "A min non me interesa vir debater do bipartito", repuxo Antón Sánchez, quen rebateu ademais que a caída da "taxa media de ocupación" no sector foi do 1,4% no conxunto do Estado "e en Galicia, do 3,1%". Así as cousas, os centros comerciais seguirán sen pagar máis impostos.

Antón Sánchez, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.