Unha manifestación masiva sinala en Ferrol o incumprimento das promesas do PP sobre o naval

A manifestación polo centro da cidade CC-BY-NC Susete

Por primeira vez dende os anos noventa non hai un só barco nas gradas dos estaleiros da ría de Ferrol. E a escasa carga de traballo actualmente existente rematará en poucos meses. O pasado mes de xuño case trinta mil persoas saíron á rúa en Ferrol con demandas semellantes ás dez hoxe. Dende entón os estaleiros non recibiron un só encargo novo pero si moitas promesas por parte dos gobernos galegos e español, sobre todo durante a campaña electoral de outubro.

Este domingo novamente milleiros de persoas -ao redor de 30 mil segundo os convocantes- reclamaron carga de traballo para os estaleiros da comarca, nunha manifestación que contou co apoio e representación de todas as forzas políticas e sindicais e que percorreu as rúas da cidade entre a Praza do Inferniño e a Praza de Armas. As críticas tiveron un destinatario claro: os gobernos do PP, e iso deixouse ver nas consignas, nas faixas e mesmo nun Pinocho que lle imitaba a Mariano Rajoy. Houbo tamén algúns sombreiros mexicanos en alusión a Pemex e un barco de cartón coma o que hai unhas semanas se queimou diante do Parlamento. A marcha pechouse coa lectura dun manifesto unitario por parte da poeta Medos Romero e o canto do himno galego. Na manifestación tamén participaron Beatriz Sestayo, Yolanda Díaz ou Francisco Jorquera, entre outros representantes políticos.

Ignacio Naveiras, voceiro do comité de empresa, valorou moi positivamente a manifestación e anunciou que se está traballando nun novo calendario de mobilizacións, que se decidirá o vindeiro martes nunha xuntanza. Tamén foi positiva a valoración de Manuel Grandal, da CIG, para quen os cidadáns da comarca "son concientes de que o futuro da comarca pasa polo naval, se morre o naval non haberá saída". Grandal reclamou a aprobación do dique flotante e demandoulle ao Goberno "que por unha vez faga unha aposta seria ante Europa para levantar o veto e que poidamos comezar a traballar nos mercados que todo o mundo entende de futuro: o civil ou a eólica". Engadiu que "non se pode crer no que di o Goberno español", do que afirma que non realizou as xestións necesarias diante da UE. Finalmente, chamou a priorizar o dique ante calquera outra reivindicación: "se non poñemos prioridades ao final créase unha confusión tremenda".

 

Meses de promesas incumpridas

En Ferrol agárdanse dende hai meses respostas sobre o dique flotante ou os floteis de Pemex. Pero os meses pasan e os encargos non chegan. Unha situación dramática para toda unha cidade e unha comarca, pois do sector naval aínda dependen ao redor de 17 mil persoas. Segundo Ignacio Naveiras, voceiro do comité de empresa, nestes momentos a única actividade do estaleiro é o remate dun segundo buque para Australia. En setembro todo o cadro de persoal estará sen actividade e a industria auxiliar desaparecerá por completo.

No último ano e medio a industria auxiliar de Navantia perdeu case dous mil traballadores e a situación semella que vai continuar. A comarca de Ferrolterra ten unha taxa de paro próxima ao 30%. A construción dun dique flotante permitiría facer obras en buques de última xeración e só a súa fabricación daría emprego a unhas 900 persoas durante dous anos. O PP asegurou que o proxecto iría adiante, pero nas últimas semanas SEPI e Navantia deixaron clara a súa negativa, escudándose no rexeitamento da UE. Segundo a empresa estatal, construír esta infraestrutura iría contra as normas comunitarias, xa que as axudas estatais para o financiamento público necesario serían consideradas como ilegais pola UE. Outra promesa electoral popular son os floteis de Pémex, aínda no aire.

Hai dez días ante unha pregunta do BNG no Congreso, Cristóbal Montoro esforzábase en manter o discurso sostido polo PP nos últimos meses, afirmaba que a construción do dique flotante "non está descartada", aseguraba que os estaleiros da Ria de Ferrol "teñen carga de traballo para varios meses" e pediu que se saque este tema do debate político. Para Manuel Grandal, Montoro demostrou con estas declaracións "estar fóra da realidade e non coñecer en absoluto o sector". Os traballadores do naval ferrolán séntense "enganados" porque consideran que a comisión de seguimento, cuxa última xuntanza confirmou o veto á infraestrutura, "só se montou para gañar tempo de cara a unhas eleccións autonómicas".

 

O BNG pedirá no Congreso un plan específico para o naval

O BNG rexistrou as propostas de resolución con motivo do Debate de Política Xeral celebrado esta semana. Os nacionalistas piden un Plan de Actuación específico para impulsar o sector naval que contemple a construcción dun dique flotante nos estaleiros públicos de Navantia na Ría de Ferrol, o levantamento do veto sobre Navantia Fene, a presenza do sector na axenda exterior do Goberno para lograr contratos de buques, o desbloqueo das cuestións pendentes para poder aplicar o Tax Lease e a clarificación dos contratos con PEMEX.

Na mesma resolución o Bloque fai outras demandas relativas ao sector lácteo, ao pesqueiro, ou a grandes infraestruturas pendentes. E igualmente pide a derrogación da reforma laboral, das taxas xudiciais e do copago farmacéutico. Tamén demandan unha dotación orzamentaria a traspasarlles ás CC.AA para aumentar o gasto en sanidade, educación, servizos sociais e Dependencia

A manifestación ao seu paso pola Praza de España da cidade © Álvaro Seco
A manifestación, no seu remate na Praza de Armas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.