Madrid e a Xunta danlle o golpe definitivo ao sector eólico galego

Vista dun parque eólico en Galicia CC-BY Ignorant Walking

"É o golpe definitivo ao sector eólico galego". Así de simple. E a afirmación chega non só da oposición, senón tamén de expertos e da propia patronal en Galicia. O pleno do Congreso aprobou o pasado xoves o real decreto lei de medidas urxentes no sistema eléctrico -aprobado antes polo Goberno- e deu un pau que sentencia case de vez o potencial económico que os muíños de vento tiñan no país. O Consello de Ministros confirma este venres unha lexislación que pode supor a morte do sector.

Logo da suspensión temporal das primas ás renovables, a obsesión do Goberno por conter o déficit tarifario a costa das enerxías alternativas levouno a practicamente eliminar esta gratificación. Se antes a actualización da devandita prima seguía o IPC, a partir de agora empregarase a inflación subxacente (sen ter en conta a variación nos combustibles, alimentación, comunicación ou transportes), o que supón que se pase do 3,5%, segundo a última referencia, a un 0,47%.

As perdas inmediatas dos parques eólicos pola reforma normativa pode elevarse ao 40%

Segundo os empresarios eólicos de Galicia, a nova medida pode costarlle aos parques eólicos do país perto de 400 millóns de euros de aquí a 2020. As perdas inmediatas, incluíndo o incremento da fiscalidade, poden elevarse ao 40%, segundo a propia patronal, pero tamén segundo advirten expertos como Rosa María Regueiro, doutora en Economía pola Universidade de Santiago, profesora de Economía Aplicada da UdC e autora d'A propiedade do vento galego. "É un parón brutal para o sector porque se cambia o marco de partida que había cando se aprobou o último concurso eólico; ademais, afecta moito máis agora, sobre financeiramente, porque acceder ao crédito é moi complicado", aclara.

"É un parón brutal para o sector porque se cambia o marco de partida que había cando se aprobou o último concurso eólico"

A situación levou a Asociación Eólica Galega (EGA) a emitir esta mesma semana un duro comunicado no que buscou, sen éxito, evitar que o Congreso ratificase o real decreto lei, no que reclamou unha reunión "urxente" co conselleiro de Economía para "que se rectifique a política do Ministerio de Industria" e logo de pedir "unha postura firme" á Xunta ante a política enerxética marcada por Madrid.

Non lle fixeron caso ningún e o panorama é negro, moi negro. Desde a patronal advirten de que moitos parques eólicos poden quedar en mans dos bancos ao non poder pagar os seus préstamos, ao tempo que varios expertos -que a través dun manifesto xa pediran a recuperación das primas ás renovables- avisan que "as empresas pequenas desaparecerán ou serán absorbidas polos grandes grupos". "Cando o sector estaba maduro, suprimíronse as primas, cando o lóxico, en todo caso, sería que se conxelasen ou se fosen reducindo pouco a pouco e non suprimilas de golpe", di Regueiro.

As empresas pequenas "desaparecerán ou serán absorbidas" e moitos parques "poden quedarn en mans das entidades financeiras"

Pero as críticas van moito máis aló. Se o sector eólico está perto do seu pasamento en Galicia é porque leva anos agonizando. A inseguridade xurídica derivada da anulación do concurso do bipartito deu comezo a unha situación que se agravou coa crise económica. "Seguramente o concurso eólico do bipartito non era perfecto, pero a Xunta de Feijóo anulouno, apareceu unha nova lei, presentáronse recursos e as primas desapareceron... E agora chega esta bomba de Madrid", critica Rosa María Regueiro, que cre que aínda máis grave que a suspensión temporal destas primas é a nova actualización que elimina a base do IPC.

"Por desgraza, podemos dicir que xa non temos sector eólico en Galicia"

"Por desgraza, podemos dicir que xa non temos sector. As empresas que hai en Galicia son pequenas e as súas capacidades e o seu peso son moi inferiores ás que dominan o sector, que non teñen intereses en Galicia nin son galegas; a situación é moi delicada", sentencia Regueiro, que advirte da oportunida perdida por Galicia coa "inseguridade xurídica" creada desde a Administración autonómica e que botou por terra milleiros de empregos.

"Se Feijóo e Guerra non se tivesen cargado o concurso eólico de 2009, en Galicia poderían estar traballando 10.000 persoas máis no sector", dicía o economista Manuel Lago nunha entrevista en Praza. Rosa María Regueiro coincide na afirmación, ao igual que a patronal, que cualificou a política da Xunta no sector de "improvisada, errática, sen criterio e incoherente".

Porque ademais do liderado de Galicia na produción de enerxía, o país tamén é líder na fabricación de compoñentes eólicos ou en formación no sector. O potencial eólico e de biomasa está aínda pendente de desenvolver, pero ficou paralizado pola desaparición das primas e a supresión do anterior concurso eólico. A nova normativa que vén de aprobar o Goberno central semella tan só o tiro de graza. Cando menos, quedará paralizado. Falta ver se será capaz de resucitar.

Parque eólico na comarca do Ortegal CC-BY-SA Oleg Zaytsev

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.