Feijóo pide "un trato diferenciado" para os investidores de NGB que perderían os cartos

Feijóo e Castellano © Xunta

“A Xunta ten claro que aqueles que investiron nun banco nacionalizado con garantía do Estado teñen que ter un tratamento específico do seu investimento”. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, intenta agora reivindicar os dereitos dos preto de vinte investidores privados que achegaron uns 70 millóns de euros que agora perderán tras a recapitalización anunciada polo FROB.

Feijóo pide "un trato diferenciado" para os investidores que inxectaron cartos "de boa fe" en NGB

Porque o FROB confirmou nun comunicado que a recapitalización de Novagalicia Banco provocará que os seus actuais accionistas queden sen participación ningunha na entidade. Agora, o presidente da Xunta intenta saír ao seu rescate e pide “un trato diferenciado” para aqueles empresarios galegos que “de boa fe e con garantía do Estado” inxectaron cartos en Novagalicia Banco, polo que reclama que se realice “unha peza separada” na decisión “xeralizada” que se adoptou en todas as entidades nacionalizadas.

“Esa é a opinión que manteño aquí e en calquera outro lugar e que tentarei trasladar aos responsables do FROB”, engadiu Feijóo, que lembra que “en poucas destas entidades houbo un investimento de capital despois da nacionalización”. “Pero en Novagalicia si que se produciu”, asegurou.

Ademais, Feijóo engadiu que “lamentablemente” o valor dos activos en toda a banca nacionalizada “é espectacular” e que no caso de NGB, “de más de 5.000 millóns de euros en inmobles” e “milleiros de millóns de deuros” en preferentes que se usaban como core capital, cando realmente non era capital saneada, senón “un trasvase, en moitos casos de depósitos, a preferentes”.

Feijóo e Castellano © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.