Os investidores privados de Novagalicia Banco quedan sen nada

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

O FROB vén de confirmar o agardado. Nun comunicado emitido a última hora deste mércores, ratificou que a recapitalización de Novagalicia Banco provocará que os seus actuais accionistas queden sen participación ningunha na entidade. Nin Novacaixagalicia, caixa fusionada e xermolo do banco, nin os investidores galegos que acudiron á chamada de Castellano e Feijóo pintarán nada.

Novacaixagalicia perde a oportunidade de manter a obra social e os investidores galegos ven esvaecerse 70 millóns de euros

O FROB queda, xa que logo, co 100% do capital. A caixa, que tiña o 6,8% do capital, desaparece do mapa e perde a oportunidade de manter a obra social, mentres que os investidores privados (co 2,6%) ven como se esvaecen os 70 millóns que puxeron en Novagalicia como parte dun compromiso persoal cun sistema financeiro galego que desaparece aos poucos.

Confirmáronse así os peores presaxios, os que xa adiantara o ministro De Guindos a semana pasada e que foron ratificados polo propio FROB, que non dá outra opción máis que a xudicial a estes investidores para recueprar algo dos seus cartos. Xusto a operación acordeón, esa que non desexaba ninguén -e moito menos os traballadores de Novacaixagalicia- foi a que se confirmou. A entidade déixase a cero, xa que o seu capital ten unha valoración negativa (foi taxado en -3.091 millóns). Os 251 millóns da caixa e dos investidores (181 e 70) desaparecen para que se inxecten logo os case 5.500 millóns do rescate europeo a través dunha ampliación de capital.

A quita aos afectados polas preferentes levarase a cabo no primeiro trimestre de 2013

Ademais, tamén se converterán en capital os 1.162 millóns en participacións preferentes que o Estado comprara á entidade hai dous anos para facilitar a fusión das caixas. O FROB adianta tamén que a quita para estas participación, así como para as subordinadas aplicarase no primeiro trimestre de 2013, aínda que non aclara en canto quedará. Segundo adiantara De Guindos, os afectados perderán de media o 40% dos cartos.

O capital social de Novagalicia será de 1.480 millóns de euros

Logo de coñecerse o futuro dos investidores e o control da entidade, os case 5.500 millóns do rescate chegarán nos vindeiros días e despois de que se aclarase a venda de activos ao banco malo.

Así, o capital social de NGB situarase en 1.480.523.979 euros tras a execución das operacións previstas para a inxección das axudas europeas na entidade. De acordo coa resolución publicada este xoves polo FROB no Boletín Oficial do Estado (BOE), a valoración do banco galego arroxa unha cifra de 3.091 millóns de euros en negativo. O valor liquidativo, o que custaría liquidar NCG Banco, sería de 13.079 millóns de euros, segundo os cálculos dos mesmos tres valoradores independentes que analizaron á entidade.

Por outra banda, a banca nacionalizada traspasará o luns á Sareb (a sociedade inmobiliaria público-privada, coñecida como banco malo) 37.109 millóns de euros en activos tóxicos vinculados ao ladrillo: préstamos morosos a promotores, bens inmobles que se tiveron que quedar por falta de pago (chan, edificios a medias, pisos...) e participacións accionariais vinculadas a ese sector. A cambio recibirán débeda con aval do Estado coa que obter liquidez do Banco Central Europeo. Os afectados son Bankia, Catalunya Banc, Banco de Valencia, NCG e o seu participado o Banco Gallego.

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB
Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.