A Xunta recorta nun 4% o soldo dos empregados públicos

Xuntanza da conselleira de Facenda con sindicatos e patronal © Conchi Paz

Cumpríronse as peores expectativas. Os empregados públicos terán que afrontar unha redución media do 4% do seu salario no vindeiro ano 2013, segundo explicou este venres a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, logo da xuntanza mantida cos sindicatos UGT, CCOO e CIG e máis co presidente da patronal. Con este novo axuste, o Goberno galego pretende aforrar 125 millóns de euros ao tempo que agrava a situación dos funcionarios, logo duns últimos anos asumindo rebaixas salariais e de condicións laborais.

Haberá unha rebaixa media do 40% nas pagas extras dos funcionarios

Así, Muñoz explicou que os empregados públicos verán recortadas o próximo ano un 40% as súas dúas pagas extras, unha rebaixa que se aplicará a través dos complementos específicos. A Xunta sostén que, deste xeito, os empregados públicos, en lugar de perder unha paga extra completa, como este ano, ingresarán o 60% en cada unha delas, o que lles suporá "recuperar" un 3% respecto de 2012, pero perder un 4% con respecto a 2011.

A xustificación desta nova medida de axuste -que incumpre a palabra dada por Núñez Feijóo durante os últimos meses- intentáa dar a conselleira, que acalara que a supresión da paga en 2012 provocou unha rebaixa do 7% no salario, que agora se verá compensada en parte mediante o recurso de pagar as dúas extras, pero reducidas.

Os recortes serán "progresivos": os que menos cobran perderán un 2% e os que máis até un 6%

Segundo a titular de Facenda, a recuperación de fondos respecto deste ano será "progresiva", de modo que recobrarán máis porcentaxe quen menos ingresa. Así, os salarios máis altos recuperarán ao redor dun 1%, fronte ao 5% ao que chegarán os máis baixos. En definitiva, os funcionarios con menor soldo perderán un 2% respecto do que deberían cobrar se se lles ingresasen as dúas extras completas e os de maiores retribucións, até un 6%.

Ademais, e ao tempo que se anunciaban estes novos recortes, varios representantes sindicais iniciaron un peche no edificio da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), onde se celebrou a reunión entre os sindicatos e o director xeral de Función Pública, José María Barreiro Díaz, para coñecer o recorte salarial .

A Policía desaloxou os delegados sindicais que se pecharon na EGAP logo de que a Xunta ameazase con denuncialos

Non lles durou moito a iniciativa, xa que media hora despois foron desaloxados pola Policía e logo das ameazas dos propios dirixentes da Xunta, que lles advertiron que poderían ser denunciados "por secuestro ou detención ilegal" e que chamaron ás forzas de orde pública. Así o recoñece Emilio Doforno, coordinador da área autonómica de CCOO e un dos presentes no peche, que acusou os directores xerais de acudir á xuntanza "sen documentación, contando mentiras e anunciando medidas contrarias ás promesas de Núñez Feijóo".

Fóra, ao redor de 300 traballadores concentráronse ás portas coincidindo co comezo da xuntanza e varios delegados sindicais trataron de entrar no edificio para coñecer as novas medidas salariais. A Policía Autonómica impediu a súa entrada e houbo varios momentos de tensión. Os sindicatos xa anunciaron novas mobilizacións, que non se deterán con motivo das festas do Nadal. "Nós non imos coller vacacións; os traballadores públicos imos seguir manifestándonos e loitando", aseguran. A primeira protesta terá lugar o vindeiro xoves, cando o Consello da Xunta aprobe o anteproxecto de Orzamentos para 2013.

Manifestación de empregados públicos ante a EGAP Dominio Público @montiagudo
Xuntanza da conselleira de Facenda con sindicatos e patronal © Conchi Paz
Delegados sindicais pechados na EGAP Dominio Público @ccoogalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.