Unha concentración no Centro Comercial As Cancelas lembrará os mortos da industria téxtil de Bangladesh

Campaña de presión contra Wal-Mart Dominio Público Praza Pública

O pasado sábado 112 traballadoras e traballadores morreron no incendio da fábrica de roupa Tazreen Fashions en Bangladesh. Trátase do incendio máis grave na historia da industria téxtil daquel país, pero non se trata dun feito illado: Entre 2006 e 2009 morreron 414 traballadores en incendios de fábricas de roupa só en Bangladesh. E o pasado mes de setembro, outro incendio nunha fábrica de roupa de Paquistán levou a vida de case 300 persoas.

Para este mércores ás sete e media da tarde está convocada unha concentración diante do Centro Comercial As Cancelas para lembrar as vítimas desta catástrofe e denunciar as condición laborais destes traballadores e traballadoras

Para este mércores ás sete e media da tarde está convocada unha concentración diante do Centro Comercial As Cancelas para lembrar as vítimas desta catástrofe e denunciar as condición laborais destes traballadores e traballadoras. O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda xa anunciou que apoia este acto e que se unirá á concentración. AGE respalda ademais a Campaña Roupa Limpa e únese ao chamamento ás marcas internacionais, empresas provedoras e goberno de Bangladesh para que dunha vez por todas tomen medidas que preveñan máis mortes.

Moitas das mortes en Tazreen Fashions debéronse a que, ante a imposibilidade de escapar do lume, as traballadoras saltaron ao baleiro desde a azotea do edificio de seis pisos de altura, e moitas outras morreron abrasadas. Un dos bombeiros que participou na extinción do lume sinalaba que non había nin unha soa saída de incendios. Os primeiros informes indican que o lume debeuse a un curto-circuíto e neste senso o 80% dos incendios en Bangladesh prodúcense debido a cables defectuosos.

AGE respalda ademais a Campaña Roupa Limpa e únese ao chamamento ás marcas internacionais, empresas provedoras e goberno de Bangladesh para que dunha vez por todas tomen medidas que preveñan máis mortes

Segundo a web de Tazreen Fashions, entre os seus clientes figuran Carrefour, C&A, KIK e Walmart. A holandesa C&A xa confirmou a súa relación comercial coa fábrica incendiada. A Campaña Roupa Limpa xunto con sindicatos de Bangladesh e internacionais e outras organizacións de defensa dos dereitos laborais deseñaron un programa para mellorar a seguridade nas fábricas de roupa de Bangladesh que, ademais de incendios, sufriu outras traxedias relacionadas coa inseguridade das instalacións. A campaña denuncia que as marcas internacionais veñen demostrando a máis absoluta neglixencia ao non abordar seriamente os problemas de seguridade nas fábricas onde subcontratan a produción o que converte ás fábricas en trampas mortais para os traballadores.

O acordo establece un plan de traballo exhaustivo que inclúe inspeccións independentes e transparentes dos edificios, formación e creación de comités de traballadores

Empresas como PVH (propietario das marcas Tommy Hilfiger e Calvin Klein) e a alemá Tchibo xa se comprometeron mediante a firma dun Memorando de Entendemento. O acordo establece un plan de traballo exhaustivo que inclúe inspeccións independentes e transparentes dos edificios, formación e creación de comités de traballadores sobre temas de saúde e seguridade e a participación real dos sindicatos locais nas fábricas. A Campaña Roupa Limpa reclámalles ás empresas que se sumen inmediatamente a este programa para que se poida por en marcha canto antes.

Campaña de presión contra Wal-Mart Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.