Un metro cadrado de centro comercial por cada tres habitantes de Galicia

Interior dun centro comercial compostelán © As Cancelas

Quen tentase entrar en Compostela o pasado sábado dende a estrada N-634 tivo que armarse dunha importantísima dose de paciencia. O acceso á capital de Galicia pola estrada de Lugo atopábase completamente colapsado de vehículos, o mesmo que boa parte do norte da cidade. A causa estaba no novo centro comercial, aberto vinte e catro horas antes con máis de 150.000 metros cadrados de espazo de vendas e reclamos como un novo hipermercado ou dez salas de cinema. As luces da nova gran superficie comercial albíscanse dende moitos puntos de Santiago, a xeito de recordatorio do que é unha nova oportunidade para acceder aos produtos de coñecidas cadeas multinacionais, pero tamén un motivo de fonda preocupación para o sector do pequeno comercio e mesmo para o que ata o momento era o único centro comercial da cidade.

O que sucede en Santiago non é un feito illado. Ben ao contrario, todas as cidades galegas e tamén algunhas vilas medias viron alterada a súa vida comercial pola irrupción dun destes grandes establecementos, xa sexa coa forma dun único hipermercado ou nun espazo de maiores dimensións. Ao calor dos anos de bonanza económica o número destes centros multiplicouse ata chegar neste 2012, segundo datos do Anuario Económico que edita La Caixa, a 43 establecementos que, unha vez sumado o devandito centro compostelán, xa ocupan 997.538 metros cadrados ou, o que é o mesmo, un metros cadrado de centro comercial por cada tres habitantes de Galicia.

As grandes áreas ocupan xa máis de 900.000 metros cadrados de superficie

Trinta e seis das 43 grandes superficies comerciais sitúanse nas provincias atlánticas, 18 en cada unha. O rexistro encabézano as cidades da Coruña e Vigo, cada unha con 9 centros que ocupan 379.127  e 144.247 metros cadrados, respectivamente. Fronte a esta superpoboación de centros nas urbes coruñesa e viguesa o resto de cidades de Galicia non pasan dos tres centros comerciais, caso de Lugo, e a maioría teñen un ou dous, como Ferrol ou Ourense.

A multiplicación das grandes áreas prodúcese nun momento especialmente delicado para o pequeno comercio. O sector retallista, afogado pola crise e a falta de crédito, pero tamén por reformas legais como a liberalización total de horarios, ve como a clientela se despraza dende os centros das cidades aos grandes complexos para realizar as súas compras de todo tipo de produtos, dende alimentación ata tecnoloxía ou roupa. Neste contexto enmárcase a progresiva redución no número de empresas de comercio retallista. Segundo datos do Instituto Galego de Estatística en 2008 operaban en Galicia 35.661 destas empresas. Tres anos máis tarde, en 2011 -último dato dispoñible- eran xa un 7% menos, con máis de 2.200 peches.

En tres anos pecharon 2.200 empresas dedicadas ao comercio retallista en Galicia

Estas cifras danse nun contexto no que Galicia se sitúa nos postos de cabeza de todo o Estado no que a número de grandes áreas comerciais se refire. Só Madrid, Andalucía, Valencia, Catalunya e Canarias están por riba dos 43 centros comerciais galegos mentres que outras autonomías cunha autonomía sensiblemente máis dinámica quedan notablemente por baixo. Este é o caso, por exemplo, de Euskadi, con 31 centros comerciais que acumulan 20.000 metros cadrados menos que en Galicia. Tamén teñen menos centros e menos superficie outras autonomías máis extensas, como Castilla y León, que conta con 32 destas áreas comerciais e algo máis de 560.000 metros cadrados.

Grandes superficies comerciais
Autonomía Centros m2
Madrid 134 3.105.219
Andalucía 123 2.592.368
Comunitat Valenciana 64 1.686.938
Catalunya 55 1.356.959
Canarias 46 1.356.959
Galicia 43 997.538
Castilla y León 32 563.028
Euskadi 31 820.344
Castilla-La Mancha 25 476.474
Región de Murcia 23 600.645
Asturias 18 486.558
Extremadura 15 145.042
Aragón 14 519.825
Illes Balears 9 182.348
Navarra 8 192.541
Cantabria 6 126.649
La Rioja 4 101.311

 

Primeiros clientes dun centro comercial en Santiago © As Cancelas
Centro comercial na Coruña © Marineda City

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.