A 'troika' prevé impor 2.000 despidos en Novagalicia Banco

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

A troika impón os axustes. O rescate europeo de máis de 7.000 millóns de euros que recibirá Novagalicia Banco podería implicar o despido de máis do 20% do cadro de persoal da entidade financeira galega. Serían un 2.000 traballadores os que acabarían na rúa dun total de 9.250, ao que habería que engadir a supresión de numerosas oficinas.

Os despidos afectarían a máis do 20% dos traballadores de NCG Banco

Anúnciao hoxe Expansión, pero era algo que xa advertira o presidente de NCG Banco, José María Castellano, na súa última xuntanza cos representantes sindicais, onde avisaba de que tiña as mans atadas en canto aos axustes previstos. De feito, esa mesma troika esixirá tamén que os despidos se realicen aplicando estritamente a reforma laboral e cunha indemnización de 20 días por ano traballado e un máximo de doce mensualidades.

"Teremos probablemente un balance e un cadro de persoal máis reducido", admitira Castellano hai dúas semanas. O conto agora é saber cantos traballadores se verán afectados por ese axuste. Clodomiro Montero, responsable de CIG-Banca, cualifica estas novas noticias como "outro baile de cifras", pero aclara que a troika, "como contrapartida a esta liquidación, mal chamada rescate, imporá despidos masivos". "Nós xa advertimos do que se nos viña enriba, pero é difícil falar de números cando a dirección se nega a facilitar datos sobre as liñas mestras da reestruturación", engade, tras criticar que "non hai interlocución coa representación sindical" na entidade, polo que se "vulnera o dereito á negociación colectiva".

Os sindicatos quéixanse da falta de información por parte da entidade e piden que se sente a negociar

Novagalicia é a terceira entidade con máis necesidade de capital, logo de Bankia e Catalunya Bank, concretamente 7.176 millóns de euros tras os resultados feitos públicos por Oliver Wyman logo da auditoría da banca española que lle encargou o Goberno central. O resultado súmalle algo máis de mil millóns de euros ás previsións iniciais do propio presidente de NCG Banco.

Este plan de axuste aprobaríase xa a finais deste mes de novembro, logo de que sexa analizado conxuntamente pola entidade e a Comisión Europea. Os 2.000 despidos unirranse a case outros 2.000 que sufriu a entidade galega desde que comezara a reestruturación do sector financeiro e sumaranse tamén aos que suporá o actual ERE en NCG Banco e que implicará unhas 700 baixas e 1.400 suspensións de contratos.

CIG-Banca chamará ao resto de sindicatos a mobilizacións conxuntas contra os axustes e a falta de datos

Clodomiro Montero repara no feito de que o Goberno "primeiro pacte un rescate e logo negocie as condicións". "Primeiro pides un préstamo e agora discutes as condicións con quen cho deu", critica o responsable de CIG-Banca, que destaca que o que está a aprazar o rescate bancario é a discusión "sobre se o Estado se fai cargo do rescate ás entidades intervidas, o que cuantificaría como déficit público".

Montero advirte xa de que a CIG manterá negociacións co resto de sindicatos con representación en Novagalicia Banco para levar a cabo mobilizacións conxuntas contra os axustes e para reclamar tamén a información e negociación que polo momento se lle está a negar aos traballadores.

Castellano e César González-Bueno, dirixentes de Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública
Exterior dunha oficina de Novagalicia Banco © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.