Varela e Gayoso, relevados á fronte da Fundación Novacaixagalicia

Feijóo, con Gayoso e Varela, na sinatura da escritura de Novacaixagalicia © Conchi Paz

É unha sombra do que foi, pero aínda vive aínda que xa non ten á fronte aos mesmos protagonistas. A Xunta vén de culminar a declaración de interese galego da Fundación Novacaixagalicia, a entidade herdeira das fundacións das antigas Caixanova e Caixa Galicia ou, o que é o mesmo, da súa obra social, reducida á mínima expresión tras a fusión e a bancarización. Este trámite administrativo, imprescindible para que o ente fundacional poida desenvolver a súa actividade con normalidade, foi asinado o pasado 16 de outubro pola secretaria xeral da Consellería de Presidencia, Beatriz Cuiña, pero non apareceu no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata este martes, onde tamén figuran os nomes dos seus máximos responsables: Mauro Varela e Julio Fernández Gayoso. Así e todo, poucos días despois, o 25 destes mesmo mes, os antigos dirixentes foron relevados destes cargos.

Varela dimitiu en NCG polas súas declaracións sobre as preferentes e Gayoso está sendo investigado pola Audiencia Nacional

Afastados tanto de Novagalicia Banco como de Novagaixagalicia -a Xunta prevé converter a exinta caixa nunha fundación de carácter especial- os ex directivos ostentaban, segundo consta na resolución, a presidencia e a vicepresidencia do padroado inicial da fundación. O presidente era Varela, que dimitiu en NCG polas súas declaracións sobre as preferentes, e o vicepresidente era Gayoso, actualmente investigado pola Audiencia Nacional, que o obriga a presentarse ante o xuíz cada quince días pola millonaria indemnización que lle foi asignada e que cobrou ao desvincularse da antiga entidade financeira. 

Pero, segundo informa NCG, a efectos prácticos Varela e Gayoso xa non terán influencia ningunha na fundación fusionada. Así, cando sexa constituída formalmente, en Santiago o vindeiro día 1, o padroado estará encabezado por José Manuel Carballedo, actual presidente de quenda de Novacaixagalicia. O vicepresidente será o outro copresidente da antiga entidade financeira, José García Costas -máximo dirixente do estaleiro Barreras-. O xerente de NCG, Pedro Otero, realizará funcións de secretario e Gonzalo Ortiz, conselleiro da entidade, exercerá como vogal.

Segundo os estatutos depositados na Xunta o "obxecto" da fundación é o "impulso, a xestión e o desenvolvemento daquelas actuacións culturais (literarias, musicais, plásticas), cívicas, de investigación e desenvolvemento, socioeconómicas, ambientais e demais análogas de interese xeral" que, "por iniciativa propia ou por propoasta doutras institucións (...) considere necesarios ou convenientes para o desenvolvemento social, cultural e económico". Isto farao, sempre segundo este documento, "principalmente no ámbito da Comunidade Autónoma galega". Dada a "diversidade do obxecto fundacional" e atendendo á lexislación vixente, o protectorado desta fundación estará exercido pola devandita Consellería de Presidencia, que a considera de "interese cultural, cívico, asistencial, educativo, científico, de fomento da economía social e de defensa do medio natural de Galicia".

Gayoso e Varela (na imaxe, con Feijóo) comparecerán na comisión © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.