Un de cada cinco habitantes de Galicia vive na pobreza

Referencia á pobreza nunha imaxe de Castelao Dominio Público Castelao

No medio da barafunda post electoral galega e vasca o Instituto Nacional de Estatística (INE) fixo públicos este luns os resultados da súa enquisa de condicións de vida, un completo estudo demoscópico que radiografía diferentes aspectos socioeconómicos no conxunto do Estado e que deixa, tamén en Galicia, preocupantes resultados no que atinxe ás carencias dun bo número de persoas para contaren cun mínimo sustento no seu desenvolvemento vital. Nomeadamente, é posible afirmar que no ano 2011, ao que corresponde o inquérito, unha de cada cinco persoas habitantes en Galicia vivían por baixo do limiar da pobreza.

Segundo os datos amosados polo INE a taxa de risco de pobreza de Galicia está no 18,8%. Polo tanto, case o 20% da poboación do país está por baixo do limiar da pobreza ou, o que é o mesmo, non acada o 60% da mediana de ingresos ordinarios. Estas cifras sitúan a Galicia un chisco por baixo da media do Estado, situada no 21,8% e sensiblemente lonxe de niveis como os de Canarias (33,8%), Extremadura (31,9%) ou Andalucía (31,7%). Está afastada tamén, non obstante, dos territorios con menores niveis de pobreza, caso de Euskadi (10,8%), Asturias (9,9%) e Navarra (8,8%). A fotografía complétaa a evolución interanual, que reflicte tamén con clareza o impacto da crise económica: en 2010 a taxa de risco de pobreza en Galicia era do 16,8% e en 2009, do 19,1%.

Taxa de risco de pobreza
Canarias 33,8
Extremadura 31,9
Andalucía 31,7
Castilla-La Mancha 31,7
Murcia 26,4
Castilla y León 23,5
MEDIA DO ESTADO 21,8
Cantabria 20,3
Comunitat Valenciana  19
Galicia 18,8
Illes Balears 18,5
Aragón 16,6
Catalunya 16,6
Madrid 15,9
Euskadi 10,8
Asturias 9,9
Navarra 8,8

Máis do 60% da poboación galega ten xa dificultades para chegar a fin de mes

Pero a situación non só é mala para os homes e mulleres que xa atravesaron o devandito limiar da pobreza. A enquisa amosa tamén datos que permiten detectar o xeito en que as dificultades económicas impactan na vida das familias que aínda teñen ingresos en niveis máis ou menos ordinarios. Neste sentido, a suma das persoas que declaran ter "moitas dificultades", "dificultades" ou "certas dificultades" para chegar a fin de mes chegou xa ao 61,2% da poboación en 2011. En 2010 este indicador estaba no 59,8% e en 2009, no 59,7%. Ao tempo, nun 5% dos fogares admítense atrasos no último ano no pagamento de "gastos relacionados coa vivenda principal", como a hipoteca, o alquiler ou as facturas de servizos habituais. Este indicador baixa levemente a respecto de 2010 -estaba no 5,3%- pero sobe un punto se a referencia é o ano 2009 (3,7%) e os anteriores da mesma década.

Referencia á pobreza nunha imaxe de Castelao Dominio Público Castelao

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.