North Sea Giant, entregado por Metalships, ten un casco feito en Turquía
© RMK ShipyardGalicia perde o liderado estatal de contratación no sector naval
A paisaxe pode ser só industrial ou só decadente. Non tanto polo modismo dos gustos e as cores, senón pola curiosidade de preguntarse que sucede co sector da construción naval de Galicia. Á crise financeira, que limita brutalmente o acceso ao crédito, hai que sumarlle outros factores estruturais e que poden non remediarse co camiñar do tempo. A supresión do sistema de bonificación fiscal do que botaban man moitos estaleiros privados (coñecido como tax lease) non explica que este sector teña a meirande parte da súa industria auxiliar en expedientes de regulación de emprego, sen novos pedidos e con caída da competitividade.
Gerencia del Sector Naval, organismo público dependente do Ministerio de Industria, publicou esta semana o balance de actividade dos estaleiros de todo o Estado correspondente ao cuarto trimestre de 2011. Xa non é novidade, desafortunadamente, ver a cero o reconto de novos pedidos dos estaleiros galegos. Só Factorías Cardama, con tres contratos, libera ao sector galego de pechar o ano en branco (da estatística oficial de Gernaval). Os tres novos buques son para o Goberno de Angola. Con esta situación, Galicia vén de perder o liderado estatal en carteira de pedidos. A peche de 2010, e aínda co tax lease en vigor, os estaleiros galegos tamén perderan a primeira posición na actividade ponderada de construción naval.
Galicia pechou 2011 co 28% da carteira de pedidos en porcentaxe de CGT (baremo universal do arqueo bruto compensado, que fai referencia ao traballo necesario para elaborar un buque). Agora son os estaleiros vascos os que máis contratos conseguen, principalmente no exterior (38% CGT). En canto á actividade produtiva, o sector de Euskadi xa arrebatou o liderado a Galicia ao finalizar 2010 como se pon de manifesto na estatística oficial, cun índice de actividade ponderada tres puntos por riba do indicador galego.
Fanse ou non se fan barcos?
A produción de novos buques non parou en seco. A situación galega non é extrapolable ao conxunto do sector en todo o mundo. A confirmación dos contratos de barcos caeu de xeito abrupto, especialmente entre 2007 e 2009. O ano 2011, curiosamente, pechou en Europa cunha moi lixeira recuperación. En 2007 formalizáronse novos contratos por 276 millóns de toneladas de peso morto (TPM), que se converteron en 48,6 millóns TPM en 2009. O correctivo foi tanto para os estaleiros asiáticos como para os europeos ou latinoamericanos.
A evolución da carteira de pedidos (contratos xa formalizados, pendentes de entrega) foi máis sostida, o que aventura -de non revertirse a situación no que respecta a novos contratos- problemas de carga de traballo no futuro a nivel global. A reparación e a construción de plataformas é unha alternativa "atractiva" para moitas empresas especializadas, tanto de construción off-shore como auxiliares tradicionais.
Industria de síntese
A construción naval é unha industria de síntese, xa que os estaleiros constrúen o casco e as estruturas básicas e despois integran todos os compoñentes. É aquí onde entra a industria auxiliar. Firmas que chegan a aportar ata o 70% do total dun barco de nova construción, dacordo cos datos do Clúster Marítimo Español.
Tras as reconversións industriais, que derivaron nun proceso extenso de adelgazamento dos planteis dos grandes estaleiros, moitos destes traballadores constituiron firmas auxiliares ou se uniron a algunhas xa en funcionamento. Así houbo un trasvase de empregados dos estaleiros ás subcontratas e auxiliares. Desde o sector en Vigo, as voces máis críticas -que non abundan en público- sempre reclamaron un maior apoio para axudar á internacionalización das auxiliares, non subvencionar a actividade dos estaleiros. Sen venda ao exterior, as auxiliares do naval padecen o mesmo mal que moitos subsectores da economía española: cae o mercado interno e elas caen con el.
Só na provincia de Pontevedra, onde máis se concentran as auxiliares do naval, máis de 11.200 traballadores se viron afectados por un expediente regulatorio. Ata 6.902 eran da industria, un 32,6% máis que en 2010.
Fomentar a industria autóctona
En xuño de 2004 o Goberno de Lula da Silva promoveu a creación do Fundo da Marinha Mercante (FMM), "fundo de natureza contábil, destinado a prover recursos para o desenvolvimento da Marinha Mercante e da indústria de construção e reparação naval brasileiras", di a Lei Federal textualmente. Coa intención de promover o sector da construción e reparación naval do país, este fondo apoia as operacións financeiras sempre e cando o buque conte coa participación de empresas do Brasil en, cando menos, o 65% do proceso de produción.
A lei 10.893 establece, no artigo 26, que os recursos do FMM se crean para o "apoio financeiro reembolsável mediante concessão de empréstimo" a, sobre todo, "a empresa brasileira de navegação, até 90% do valor do projeto aprovado". Proxecto que pode ser tanto a construción dun novo buque como a reparación doutro.

