A Xunta incumpre a súa promesa e cóbralles o canon da auga ás explotacións leiteiras

Protestas contra a Lei de Augas © SLG

O 9 de febreiro de 2011 o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, prometeu no Parlamento que o canon da auga non se cobraría a pozos e traídas veciñais. Ademais, o 27 de abril dese mesmo ano a Xunta asinou cos sindicatos Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias un acordo que eximía deste imposto ás explotacións agrogandeiras. Porén, nos últimos meses o Goberno galego foi incumprindo os seus compromisos en ambos os dous aspectos.

Hai uns meses o Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou o cobro do canon a unha traída construída e custeada pola veciñanza en 1968, nunha parroquia de Rois. E agora presenta probas de que o canon se lles está cobrando tamén ás explotacións gandeiras. O SLG esixe a retirada inmediata do canon da auga, "por impoñerlle un novo imposto inútil e innecesario aos sectores agrogandeiros, xusto agora que están nunha situación crítica por mor, precisamente, do aumento dos custes de produción".

A Consellaría remitiu este xoves unha nota de prensa na que acusaba o SLG de "faltar á verdade" e reafirmouse en que "non pagarán o canon da auga os usos agrarios e gandeiros, que ata ese momento si estaban suxeitos ao pagamento do canon de saneamento". Porén, o sindicato presentou probas de que Aquagest lle cobrou á Gandería Calvo Varela de Cardama (Oroso) 78 € adicionais no seu último recibo en concepto de canon da auga. E o SLG alerta de que esta situación podería estarse repetindo noutras comarcas e noutras explotacións que neste momento estarían recibindo as súas facturas correspondentes ao mes de xullo. Isto podería supoñer un cargo anual de 300 euros para cada explotación.

O SLG denuncia asi mesmo que a Consellaría de Medio Ambiente non levou a cabo ningunha acción para separar os recibos que gravan a usos agrogandeiros dos demais, ou para rexistrar quen queda exento e quen non. A este respecto, o sindicato lembra que miles de explotacións están a nome de persoas individuais e non de empresas ou sociedades agrogandeiras, polo que as entidades recadadoras non teñen xeito de saber se están exentas ou non. De calquera xeito, no caso denunciado polo SLG, cóbraselle a unha sociedade civil gandeira que figura como tal no recibo.

Captura da factura recibida polo gandeiro de Oroso © SLG
Xosé Manuel Calvo © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.