A guerra de cifras polos empregos de Pemex no naval galego: 3.000 contra 900

Estaleiros de Fene e Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Feijóo presume de resultados no naval, mentres a oposición e os sindicatos lémbranlle que a contratación por parte de Pemex de cadanseu buque hotel nos estaleiros de Navantia, en Ferrol, e Barreras, en Vigo, é unha "boa noticia", pero para nada "unha solución definitiva" para un sector que nega ademais as cifras de emprego facilitadas pola Xunta e que acusa o Goberno galego de "inflalas" a menos dun mes para as eleccións.

O comité de Navantia xa advertira de que os quimiqueiros nunca foran destinados para o estaleiro da ría ferrolá

O presidente da Xunta sacou peito este xoves tras o Consello logo de xustificar a "substitución" dos dous quimiqueiros que prometera inicialmente para Navantia. "A negociación partiu da posibilidade de facer dous quimiqueiros", dixo Feijóo, que aclarou que logo de que os estaleiros avaliasen "os prezos e a capacidade competitiva na oferta", chegouse á "decisión" de substituílos polos buques hotel, xa que supoñían "máis man de obra", especialmente para as empresas auxiliares. Pero estes argumentos nin convenceron nin convencen os sindicatos.

O presidente do comité de empresa de Navantia, Ignacio Naveiras, xa asegurara nunha entrevista en Praza que a Xunta sabía de sobra "que os quimiqueiros de Pemex nunca foran destinados á ría de Ferrol" porque, como explicaba, ese contrato estaba pactado cos estaleiros coreanos, "cos que a instalación de Ferrol non pode competir".

Feijóo ataca con dureza a oposición, á que lle censura o seu "nivelazo"

Así, Feijóo presume dos buques hotel e aproveita a ocasión para lamentar "o nivelazo" da oposición por "minusvalorar" o acordo con Pemex, censurando especialmente o PSdeG por falar "dun barco pequerrechiño" e por acusalo de "mariachi". Para o presidente da Xunta, as acusacións dos socialistas son "un menosprezo" para os traballadores do naval e as súas familias que, lembrou, veranse beneficiadas por un investimento de 300 millóns de euros e 3.000 empregos ao longo duns dous anos.

Pero estes últimos datos non convencen nin á oposición nin aos sindicatos, que rebaixan a un máximo de 900 os postos de traballo para o naval de Galicia. O comité de empresa de Navantia lembra que "unha sinxela regra de tres" demostra que os datos están "magnificados e inflados". Así, o voceiro dos traballadores, Ignacio Naveiras, explica que se a carga de traballo do buque hotel é de 1,5 millóns de horas en 30 meses, o número de empregos xerados sería de 353, xa que cada operario realiza 1.700 horas anuais. "Quen queira vender a creación de emprego de forma demagóxica, terá que asumir esa responsabilidade; xogan co naval unha vez máis, utilizándoo como baza electoral", di.

Mentres a Xunta fala de 1.500 empregos para cada estaleiro, os sindicatos calculan uns 350 en Ferrol e non máis de 450 en Vigo

Ademais, Naveiras (CCOO) explica que vén de participar nunha xuntanza coa dirección de Navantia en Madrid na que, por primeira vez e en contra da lei sindical e dos dereitos dos traballadores, "asegura que ten unha cláusula de confidencialidade que non permite dar cifras" sobre o emprego ou traballo que xerará o acordo o que engade máis polémica ao anuncio e demostra, segundo o comité, "que a compañía está a ser politizada". Desde os responsables de CIG e UGT no comité tamén se asegura que o anuncio do acordo con Pemex é "unha utilización histórica perversa e sen parangón" e incluso acusaron a Xunta de "estar xogando coa xente".

Navantia négase a facilitar aos traballadores cifras sobre o número de empregos que creará o acordo con Pemex

Por outra banda, o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, asegura que os acordos son "unha boa noticia", pero "esaxerados", xa que proporcionarán "400 postos de traballo", tanto en Barreras como en Navantia, confirmando así o que xa advertira o secretario nacional do naval da CIG, César Rodríguez, que falaba de 450 postos de traballo como máximo para cada un dos estaleiros, ademais de lembrar que outras empresas como Vulcano ou Freire, "non teñen carga de traballo á vista".

E mentres, o presidente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais, (SEPI), Ramón Aguirre, asegurou na Radio Galega ter "a convicción" de que "antes de fin de ano" volverase a anunciar carga de traballo nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol. Segundo dixo, os anuncios de Pemex ou da armada arxelina son só "o inicio dunha etapa de recuperación constante". No entanto, nada falou sobre o dique flotante ou sobre a prevista reunión da comision de seguimento desta infraestrutura, que se mantén sen data e que mantén pechados no Concello de Ferrol a varios delegados sindicais en protesta.

Traballadores, nunha manifestación en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.