Novagalicia Banco demanda ex directivos polas súas millonarias indemnizacións

Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo

Novagalicia Banco emprende accións legais para depurar responsabilidades sobre as millonarias indemnizacións e a xestión de anteriores directivos da entidade. NGB decidiu presentar este venres ante o Servizo de Mediación Arbitraxe e Conciliación (SMAC) de Galicia unha demanda de conciliación contra ex directivos de Novacaixagalicia. Segundo un comunicado do banco, esta demanda persegue "a recuperación por parte do banco das indemnizacións percibidas polos exdirectivos" cando decidiron cesar nos seus cargos, e "é previa á posible presentación dunha demanda laboral ante o Xulgado do Social".

A demanda pola vía laboral é contra José Luis Pego, Gregorio Gorriarán Laza e Óscar Rodríguez Estrada polas súas enormes compensacións logo de abandonar a entidade. Entre os tres terían ingresado 30 millóns e pico de euros en concepto de indemnizacións e prexubilacións.

NGB persónase tamén na causa xudicial aberta na Audiencia Nacional contra catro ex directivos

Ademais, Novagalicia personouse tamén na causa xudicial aberta na Audiencia Nacional contra catro ex directivos e o ex copresidente de Novacaixagalicia que exercía de presidente do consello durante o primeiro ano e medio de existencia da entidade, "coa intención de defender os intereses do banco no citado procedemento xudicial", puntualiza a entidade galega.

A devandita causa aberta na Audiencia Nacional diríxese  contra o que fora presidetne de Ciaxanova, Julio Fernández Gayoso, por delitos de administracion ilegal ou apropiación indebida. Entres os demandados estaría tamén o ex directivo de Caixa Galicia, Javier García Paredes, quen non foi incluido na demanda laboral.

A denuncia contra ex directivos "marca o comezo dunha nova etapa na que NGB, unha vez investigado a fondo cada asunto, decidirá se é necesario iniciar outros procedementos para a recuperación de fondos ou a depuración de responsabilidades na xestión da entidade no pasado",destaca o comunicado remitido á prensa.

Os sindicatos están de acordo coa demanda, aínda que din que chega tarde

Segundo aclara a entidade, a presentación das demandas laborais e o seu resultado "non interferen nin nos personamentos nin en futuras posibles reclamacións da entidade por outras vías xudiciais e en todos os casos nos que o banco considere que deba defender os seus intereses".

Os sindicatos aseguran estar de acordo coa demanda. Clodomiro Montero, de CIG Banco, "congratulouse" da decisión de Novagalicia Banco, aínda que aclara que se fixo esperar demasiado.

Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo
Julio Gayoso, Alberto Núñez Feijóo e Mauro Varela © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.