As eólicas galegas terán que conformarse con pequenos parques singulares

Aeroxenerador eólico de Iberdrola © Iberdrola

O decreto do Goberno aprobado o pasado venres, que suprime sine die as primas para as novas instalacións de enerxía renovable, é "a fin" do concurso eólico da Xunta de Galicia. Dura sentenza e "realidade inapelable" que "debe asumir" o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. Isto é o que pensan fontes do sector consultadas por Praza que, en calquera caso, non se amosaron sorprendidas pola decisión do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. "É algo que xa se lle pedira a Miguel Sebastián", indican. "E xa está feito". A escenificación dun plan eólico que pretendía canalizar unha inversión de máis de 3.500 millóns de euros queda sen data de estrea. O pano da cuarta parede, de confirmarse as estimacións empresariais, non vai volver a abrirse.

A reforma lexislativa é o primeiro Real Decreto Lei de 2012. A norma cancela calquera viabilidade dos novos parques eólicos nun escenario de nulo financiamento bancario. "As grandes eléctricas xa sabían que isto ía pasar", opina José Antonio Diéguez, responsable da asociación Ventonoso. Diéguez apunta tamén a outras "pistas" como o feito de que fondos de capital risco xaponeses e norteamericanos se teñan retirado de inversións vinculadas ao sector eólico durante todo o ano pasado. De feito o ministro alemán de Economía, o liberal Philipp Rösler, apostou o pasado día 18 que calquera incentivo ás renovables tiñan que ser retiradas. Con todo, "as grandes eléctricas non van ter problema", condena Diéguez. 

Golpe a Galicia

Segundo as fontes consultadas, Galicia é a comunidade máis afectada pola supresión das primas á enerxía renovable. Durante o ano 2011 instaláronse en Galicia cero megavatios eólicos, moi lonxe do 119 que se puxeron en marcha en, por exemplo, 2009. "As pequenas eólicas xa quixeron apurar a Sebastián a reformar o regulamento" porque "sabían que co PP no Goberno ía ser peor". O caso é que, calquera que fose o plan industrial a poñer en marcha, a inviabilidade predomina sobre calquera postura optimista que se queira poñer sobre a mesa. "Este decreto impón o control absoluto das eléctricas no mercado eólico", refrendan as mesmas fontes. As grandes compañías poden subsistir sen primas porque, entre outras cousas, o decreto non é retroactivo. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.