O Financial Times acusa a Rajoy de evitar a petición de rescate para non prexudicar o PP

Rajoy, chegando á xuntanza do Consello Europeo © Consello Europeo

"For the good of Spain, not the party". Así de claro é o titular do editorial que hoxe publica o Financial Times e no que lle reclama ao Goberno español que dea o paso de pedir oficialmente o rescate para a súa economía, como xa fixeron Irlanda, Grecia e Portugal. Sobre todo tendo en conta a súa aparente inevitabilidade, que as esixencias e condicións impostas serían moi semellantes ás actuais e, en cambio, tería acceso a liquidez sen depender das poxas de débeda, con intereses moi elevados.

O xornal interpreta que a resistencia de Rajoy a solicitar a axuda europea ten que ver coa sensación de que a petición significaría "a meirande humillaciónn para España dende 1975". Pero tamén afirma que o Goberno evitar daer este paso para non prexudicar os intereses particulares do Partido Popular, para o que o rescate sería "unha catástrofe", segundo o texto. O xornal non cita as inminentes eleccións en Galicia e Euskadi, pero nos últimos días foron moitas as análises que interpretaron que o adianto electoral en Galicia e o adiamento da petición de rescate estaban relacionados, como un intento de axudar á vitoria popular nas eleccións galegas.

Nos últimos días foron moitas as análises que interpretaron que o adianto electoral en Galicia e o adiamento da petición de rescate estaban relacionados

O Financial Times denuncia que detrás de todas as decisións adoptadas por Rajoy dende o novembro pasado está a "sombra" dos cálculos para beneficiar (ou non prexudicar cando menos) os intereses do PP, por exemplo na xestión das crises de Bankia, CAM ou Novagalicia Banco. O texto tamén fai referencia ás crecentes "tensións" coas rexións e fala dos "instintos centralistas" de Rajoy, que estarían detrás da súa estratexia para reducir o autogoberno das comunidades con máis débeda, como Catalunya.

O editorial conclúe que Rajoy afondou as súas dificultades cunha política de comunicación "incoherente" que erosiona o apoio ao seu Goberno e tamén a confianza dos investidores. E recoméndalle que tome exemplo de Portugal, onde -di- o seu Goberno fala cunha soa voz, convencendo os cidadáns de que toma as decisións "polo interese xeral".

Rajoy, chegando á xuntanza do Consello Europeo © Consello Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.