O problema está nos ingresos públicos, non no gasto

Ingresos públicos en 2011, en porcentaxe sobre o PIB Dominio Público Praza Pública

O goberno de España, coa soga do rescate xa no pescozo, parece decidido a cumprir con fartura as esixencias de redución de déficit que lle impón a Unión Europea, pero traballando única e exclusivamente polo lado da minoración do gasto público. Os funcionarios e empregados públicos volverán ser os sacrificados. Unha análise d'A Furada do Trasno.

Efectivamente, en 2011 o déficit público español (-8,5%, posteriormente corrixido até o -8,9% do PIB) está entre os máis cuantiosos da UE-27, só superado por Irlanda (-13,1%) e Grecia (-9,1%). Convén lembrar, con todo, que o problema do déficit público español non está no lado do gasto público. Aínda que é unha demagoxia que cala fácil na opinión pública, o desequilibrio das contas do estado non se orixina porque a estrutura política (autonomías, deputacións, municipios, senado) sexa demasiado custosa, nin porque estivésemos gozando dun modelo de estado do benestar economicamente insustentable.

O noso verdadeiro problema está no lado dos ingresos públicos. En primeiro lugar, pola significativa redución da actividade económica, consecuencia da caída vertixinosa da demanda interna, provocada, en gran medida, polo cinco millóns de parados. E en segundo lugar, polo noso modelo fiscal.

O gasto público español, medido en porcentaxe do PIB, non pode cualificarse de desmesurado, nin moito menos. No gráfico 1 pode observarse que para 2011, en España representa o 43,6% do PIB, moi inferior ao de Dinamarca (57,9%), Francia (55,9%), Finlandia (54%), Bélxica (53,3%), Suecia (51,3%), Eslovenia (50,9%), Austria (50,5%), Holanda (50,1%), Grecia (50,1%), Italia (49,9%), Reino Unido (49%), Portugal (48,9%), Hungría (48,7%), Irlanda (48,7%), Chipre (47,3%), Alemaña (45,6%) e ao mesmo nivel que o de Polonia, Malta e República Checa.

Así pois, a pesar do considerable gasto que se deriva das prestacións sociais para atender ao enorme número de parados, o noso marabilloso estado do benestar, en sanidade, educación, dependencia, pensións, etc. está entre os máis baixos da Unión Europea, ao nivel dos países máis pequenos e pobres da antiga Europa do Leste. Só teñen menor gasto público que España, Eslovaquia, Romanía, Lituania, Letonia, Estonia e Bulgaria.

 

Un volume de ingresos ridículo

Se agora fixámonos no lado dos ingresos, gráfico 2, en 2011 os ingresos do estado en España supuxeron o 35,1% do PIB. Un volume de ingresos ridículo se se compara con Dinamarca (56%), Finlandia (53,2%), Hungría (52,9%), Suecia (51,4%), Francia (50,7%), Bélxica (49,4%), Austria (47,9%), Italia (46,1%), Holanda (45,5%), Alemaña (44,7%), Portugal (44,7%), Eslovenia (44,5%). Inferior, mesmo a Luxemburgo (41,4%), Chipre (41%), Grecia (40,9%), República Checa (40,3%), Malta (40,2%), Estonia (39,2%). En realidade, os ingresos públicos españois só superan, e por pouco, aos de Lituania (32%), Romanía (32,5%), Eslovaquia (32,6%) e Bulgaria (33,1%). É dicir, só nestes países páganse menos impostos que en España.

O problema da baixa recadación do sistema fiscal español non está no IRPF, senón na fraude fiscal, na economía mergullada e na caída de ingresos que se deriva da picada da burbulla inmobiliaria

Pero o problema da baixa recadación do sistema fiscal español non está no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas. Ao contrario, España está entre os países onde máis pagan os asalariados, aínda cando os nosos soldos son moi inferiores á media europea. O problema está na fraude fiscal, na economía mergullada e na caída de ingresos que se deriva da picada da burbulla inmobiliaria, especialmente no imposto de transmisións patrimoniais e no IVE. E tamén, como diciamos antes, da menor actividade económica consecuencia da menor demanda interna.

Doutra banda, a pesar do incremento experimentado nos últimos anos, desde o 40% do PIB en 2008 ao 68,5% en 2011, o nivel de débeda pública española, como se ve no gráfico 3, segue sendo inferior ao da maioría de países da nosa contorna. Así, en Reino Unido está no 85,7%, en Francia 85,8%, Alemaña 85,2%, ou Italia 120,1%. E moito menor que o tres países xa rescatados: Portugal 107,8%, Irlanda 108,2%, Grecia 165,3%.

Á vista de todos estes datos, que o equilibrio das contas públicas se busque só pola redución do gasto público e pola maior presión fiscal sobre os asalariados, a través do IRPF, ou sobre o consumo, a través do IVE, supón, no mellor dos casos, un inxusto dobre castigo ás clases medias que pagarán máis e terán menos prestacións sociais. No peor, se son traballadores públicos, corren o risco de acabar perdendo o seu emprego. Cando, en realidade, como xa comentamos aquí, o problema económico español está na débeda privada, sobre todo a dos bancos.

Gasto público en 2011, en porcentaxe do PIB Dominio Público Praza Pública
Ingresos públicos en 2011, en porcentaxe sobre o PIB Dominio Público Praza Pública
Débeda pública 2008-2011, en porcentaxe sobre o PIB Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.