0 Gardados para despois

Barra libre para as piscifactorías na costa galega desde outubro

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Pódese desenvolver acuicultura en todos os ámbitos de protección ambiental". Deste xeito resume a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o abano de posibilidades que se abre para os, nas súas palabras, "emprendedores" do sector acuícola na costa de Galicia. A fin das restricións para a construción de piscifactorías chegará en dúas fases. A primeira delas comeza "de inmediato" e afecta a dous dos catro estratos nos que a Xunta divide desde agora o litoral. Dende a celebración do Consello da Xunta deste xoves, nas zonas 1 e 2, "de escasa protección" medioambiental e que abranguen unhas 15.000 hectáreas, poderanse "iniciar plans empresariais" que sempre, segundo Quintana, serán "equilibrados" e garanten a "protección do medio".

Despois de máis dun lustro de debates sobre as zonas que debían ou non ser restrinxidas e tras "o traballo en silencio de case tres anos", o Goberno galego resolve abrindo por completo a man un asunto que, por exemplo, lle custou múltiples protestas ao bipartito de PSdeG e BNG. Sinxelamente, non haberá ningún punto da costa galega que estea vetado á acuicultura, só "serán distintas as esixencias" dependendo do lugar no que un "emprendedor", reitera, queira mercar terreos -coa regulamentación da anterior Xunta o sistema era concesional- para cultivar peixes.

Cales serán estes requisitos? Segundo o avance da Xunta, terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental as "instalacións de acuicultura intensiva con capacidade de produción superior a 500 toneladas anuais" e tamén as que afecten "directa ou indirectamente á Rede Natura cando así o decida o órgano ambiental" xa que neses espazos protexidos tamén poderá haber piscifactorías. A Unión Europea permíteo, especifica o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Con estas condicións de partida, na propia rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta xurdían varios interrogantes. Poderá, polo tanto, haber unha piscifactoría en Cabo Touriñán? A partir de outubro, si. A empresa Pescanova "ten terreos adquiridos" nese emprazamento do Concello de Muxía e "segue cumprindo cos requisitos". Touriñán é unha zona "de nivel 4", a de maior protección dentro do novo Plan Director de Acuicultura Litoral -que ten a forma xurídica de plan de incidencia supramunicipal- pero, malia isto, a multinacional pesqueira poderá instalarse alí se o considera conveniente para os seus intereses.

Protección da paisaxe

Fronte á barra libre que haberá dende outono no que se refire aos emprazamentos acuícolas para "non seguir perdendo a marcha dun sector estratéxico", a Xunta fai especial fincapé en que incrementa os requisitos para a integración das plantas na paisaxe, os cales detalla nunha Guía de Sustentabilidade e Integración Paisaxística elaborada por técnicos da Consellería de Medio Ambiente e do departamento de Mar. Nese documento, o Goberno galego detalla o xeito en que deben construírse as factorías acuícolas para ficaren máis ocultas na paisaxe mediante, por exemplo, cubertas vexetais ou materiais tradicionais. Segundo a Xunta, estas esixencias non farán economicamente inviable ningún proxecto. En calquera caso, ese "equilibrio económico" será "problema dos emprendedores", di Feijóo.

"Veremos se somos quen de levantar este país no ámbito da acuicultura", subliña o presidente, nun contexto no que "o 40% do peixe consumido no mundo será criado en cautividade" en poucos anos. "Imos ver se acertamos co diagnóstico", di. En calquera caso, proclama, Feijóo da por "rematada" a "parálise" que, na súa opinión, o bipartito causou no sector acuícola galego.

Lapelas Versión despregada

Emprazamento en Rede Natura

O documento de inicio do Plan Director de Acuicultura, presentado no mes de marzo de 2011, recollía xa a posibilidade de emprazar plantas acuícolas en espazos protexidos por Rede Natura. Nese momento o Goberno galego indicou que ía "establecer unha clasificación das zonas do noso litoral, de xeito que se produza o menor impacto ambiental posible". Así, dividiu a superficie de costa en catro grandes bloques: zonas sen protección, espazos con solo rústico "de especial protección", os protexidos polas normas autonómicas e os que forman parte da Rede Natura 2000 (ou hábitats prioritarios, LIC, ZEPA, etc.)

Para as zonas máis protexidas, a Consellería do Mar (agora tamén o Medio Rural) avanzou a posta en marcha de "un ou varios plans sectoriais de incidencia supramunicipal". Isto é o que vén de aprobarse por parte do Consello da Xunta. "En dito plan terase en conta a normativa sobre a protección dos hábitats e máis a Rede Natura 2000", apuntaba ese documento inicial. Mais a Xunta decidiu obviar este paso e dar o visto e prace á instalación destas infraestruturas ao longo de todo o litoral.

En calquera caso, o borrador xa evidenciaba que ía ser posible levantar plantas acuícolas en lugares de especial protección: "deberán respectar, no posible, as zonas dos Parques Naturais, no seu entorno e nas zonas incluídas na Rede Natura 2000 e outras figuras de protección medioambiental".

Colectivos ecoloxistas xa prevén denunciar ante a UE: "Non poden facer o que lles pete"

Acabado de saír de San Caetano semella que o novo plan acuícola xa puxo rumbo cara a Bruxelas. Será, con toda probabilidade, da man de varios colectivos ecoloxistas e montado nunha denuncia. O coordinador xeral de Verdegaia, Xan Duro, non dubida que a súa organización, xa sexa en solitario ou coas demais da Federación Ecoloxista Galega, denunciará ante a Unión Europea un documento que culmina "a desmontaxe da legalidade xurídica do territorio" e que, malia aos "subterfuxios legais", colisiona coa Rede Natura, di.

Tamén dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), que xa se opuxera con dureza ao plan acuícola do bipartito, se anuncian mobilizacións inminentes se este plan se pon en marcha sen modificacións. Como Duro, o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, ve no documento da Consellería do Mar o "último chanzo" do "derrubamento da lexislación ambiental", esencialmente da aprobada polo bipartito, pero tamén da dos gobernos de Manuel Fraga.

En declaracións a Praza Pública, Eirexas detalla que, ante a imposibilidade de derrogar o conxunto de normas que puñan restricións á acuicultura, o actual Executivo lle foi "facendo buracos", xa fose "coa declaración de interese público de primeira orde" para a acuicultura, que equipara as piscifactorías a centros de Salvamento Marítimo, instalacións de seguridade do Estado ou portos refuxio, ou co cambio legal que reinstaura o sistema de compra venda para os terreos das factorías, no canto de concesións administrativas, tal e como dispuxera o gabinete de PSdeG e BNG.

En opinión de Eirexas a finalidade última non é outra que lograr que "as multinacionais como Pescanova poidan facer o que lles pete en calquera sitio do litoral, xa sexa en Touriñán, en Corrubedo, nas Illas Atlánticas ou onde sexa", e facelo co "beneplácito da Administración". Non obstante, desde Adega teñen claro que, cando menos polo momento, o novo plan director da acuicultura é "un brinde ao sol". A falta de financiamento público, tanto da Xunta como da UE fará que, a curto prazo, ningunha empresa se embarque nun proxecto acuícola de grandes dimensións na costa galega.

O ano 2010, un mal ano

A produción acuícola superou, en 2010, as 222.000 toneladas en produtos de consumo, segundo os datos do Anuario da Acuicultura, recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Respecto do ano 2009, o volume de produción caeu en máis dun 5,8%. Recolléronse menos quilogramos tanto de bivalbos (especialmente mexillón) como de algas e peixes. Só a produción de ollomol en piscifactoría foi máis cuantiosa durante o último exercicio do que se teñen datos (2010) en relación co ano anterior.

Datos xerais de acuicultura
  Kg % Euros % Euros/Kg
Algas 156 0 109 0 0,70
Bivalbos 215.681.208 96,81 106.642.004 63,68 0,49
   Mexillón 212.030.271 95,17% 86.625.095 51,73 0,41
   Ostra plana 862.136 0,39 3.993.684 2,38 4,63
Polbo 7.630 0 32.197 0,02 4,22
Peixes 7.094.889 3,18 60.779.758 36,30 8,57
   Rodaballo 6.652.870 2,99 57.014.301 34,05 8,57