Segundo día de camiño pola carga de traballo en Navantia

Imaxe da marcha © Praza

"Medidas urxentes e compromisos reais". Esta é a reivindicación de arredor de 150 delegados sindicais de Navantia Ferrol-Fene e auxiliares, que este martes se botaron a andar para rachar o silenzo administrativo que existe respecto da supervivencia do sector naval. Os manifestantes chegarán hoxe ao concello de Oleiros arredor das oito da tarde. A marcha chegará este xoves á Coruña, momento en que se sumarán á protesta centos de traballadores que non están "dispostos" a deixar que o estaleiro quede sen actividade "por falta de compromiso da administración".

Segundo indicaron desde a CIG, mañá xoves a saída dos autobuses cos cadros de persoal de Navantia Fene, Navantia Ferrol e das compañías auxiliares será 7:30 horas "desde as portas dos estaleiros". Os delegados sairán de Oleiros ás nove "para se encontraren cos traballadores ás 10 horas na rotonda que hai despois da Residencia Hospitalaria" (rotonda Casabranca). Desde aí partirán todos en manifestación ata a Delegación do Goberno, onde está prevista unha xuntanza co delegado ás 10:30 horas. Despois haberá unha asemblea onde se informará do resultado da reunión, tras da cal regresarán a Ferrol.

O secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, atópase na Coruña e participará, indicaron fontes da central nacionalista, nas reivindicacións. De non mudar a situación actual, desde os estaleiros aseguran que están en perigo mil postos de traballo.

Imaxe da marcha dos delegados de Navantia e auxiliares © Praza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.