David Lombao

Unha ducia de días de chuvia

Cada inverno adoita ser noticia que chove ou que vai frío. Alén da evidencia, o certo é que este está a ser un dos invernos con máis precipitacións da última década, e en localidades como Compostela xa se superaron os 400 litros acumulados por metro cadrado. Como neste país a chuvia non adoita ser novidade lanzámonos á procura de eventos relevantes que houbo que seguir cun paraugas na man.

  1. 01

    A primeira manifestación de Nunca Máis

    O 1 de decembro de 2002 aínda non existía a bandeira azul e negra que identificou o movemento de protesta tras a catástrofe do Prestige. Naquela xornada a intensa chuvia e os paraugas identificaron a loita entre berros de "nunca máis" e "incompetencia".

  2. 02

    A primeira Copa do Rei do Deportivo

    O 24 de xuño de 1995 o Deportivo da Coruña buscaba o primeiro título da súa historia fronte ao Valencia no Santiago Bernabéu. A intensísima chuvia que caeu ese día sobre Madrid obrigou a adiar os últimos minutos do partido ata tres días máis tarde, cando finalmente os coruñeses lograron aquela Copa do Rei.

  3. 03

    O referendo do Estatuto

    A Xunta preautonómica elixiu Anque chova, vota como un dos lemas da campaña do referendo do Estatuto de Autonomía. O 21 de decembro de 1980 en Galicia chovía e ía frío e os niveis de participación non se corresponderon, nin de lonxe, coas mobilizacións populares a prol da autonomía dos anos anteriores. Así e todo, houbo autonomía malia á chuvia.

  4. 04

    A inauguración da Cidade da Cultura

    O 11 de xaneiro de 2011 a Xunta reuniu ás forzas vivas do país e situou xunto a elas aos príncipes de Asturias para inaugurar a inacabada Cidade da Cultura. Aquel día chovía e o monte Gaiás estaba envolto nunha brétema que resultou especialmente metafórica.

  5. 05

    A reestrea da selección galega de fútbol

    O 29 de decembro de 2005 chovía en Compostela e, cando paraba de chover, a intensa néboa non melloraba moito o panorama. Malia á climatoloxía adversa siareiros e siareiras encheron o estadio de San Lázaro para asistir en directo á reestrea da selección galega de fútbol.

  6. 06

    O naufraxio do Prestige

    Entre o 13 e o 19 de novembro de 2002 a ferralla flotante do Prestige agoniou fronte ás costas galegas mentres as autoridades o paseaban en pleno temporal. O día do afundimento tamén chovía.

  7. 07

    A toma de posesión de Fraga en 1993

    O 10 de decembro de 1993 Galicia atopábase en plena pax fraguiana. No derradeiro mes do Xacobeo máis mediático o patrón da dereita española tomaba posesión por segunda vez da Presidencia da Xunta apoiado nunha cómoda maioría absoluta. Non faltaron as bágoas, a gaiteirada e a chuvia.

  8. 08

    As manifestacións pola lingua

    Foron múltiples as manifestacións que nos últimos anos reivindicaron a protección do galego. En varias delas as e os manifestantes tiveron que enfrontarse aos elementos, pero sempre lembraron que "aínda que se molle, a lingua non encolle".

  9. 09

    O día de lavar o coche

    Non ten explicación científica, pero adoita ser así

  10. 10

    O día que saes sen paraugas

    É posible que haxa algunha persoa ousada que nas últimas semanas optou por saír á rúa sen paraugas. As consecuencias pasan, as máis das veces, por unha boa molladura.

  11. 11

    Múltiples festas

    Neste país non se pode organizar unha festa ao aire libre sen contar coa posibilidade de que remate pasada por auga. Por iso, antes de anunciar as actuacións musicais ou o menú gastronómico cómpre aclarar que todo se vai desenvolver baixo unha "ampla carpa".