Ramón Domínguez

Unha ducia de de curtas para ver a noite do Samaín

Aínda que cada vez hai máis lugares onde se celebra o Samaín e máis festas ás que poder asistir, poucas cousas hai tan pracenteiras como unha noite de SMeP, a saber, Sofá, Manta e Peli. Se este ano tedes pensado pasar o Samaín na casa, propóñovos unha ducia de curtametraxes (case todas de animación) para gozar dunha terrorífica noite en familia. Vós poñedes os flocos de millo (ou, mellor, os Drakis) e eu encárgome do cine.

  1. 01

    Frankenweenie (1984)

    Por se non o sabiades, a nova película de Tim Burton está baseada na curtametraxe que o mesmo director fixera hai case 30 anos para Disney e que, tras rematala, foi despedido da compañía por considerar que malgastara cartos e que era terrorífica de máis para os rapaces. Déixovos a curta; se queredes ver a peli, teredes que ir ao cine.

  2. 02

    Vincent (1982)

    A historia dun neno de 7 anos que soña con ser Vincent Price e, ademais, a primeira curta de animación dirixida por Tim Burton empregando a técnica de animación stop-motion. Unha xoia!

  3. 03

    A lenda do espantallo (2005)

    Dirixida por Marco Besas e coa voz do recentemente falecido Sancho Gracia, narra a historia dun espantallo que o que máis desexa é ter un amigo. Outra visión do Frankenstein de Mary Shelley que, entre outros premios e mencións, gañou o Melies de Prata no Fantasporto 2006.

  4. 04

    Alma (2009)

    Moito máis amable nas formas que as anteriores, esta curta de Rodrigo Blaas é das que máis medo meten. A min polo menos déixame un mal corpo… Cando hai bonecas polo medio, desconfía!

  5. 05

    Nut (1997)

    Dirixida por Ángel F. La Parra, é a única produción galega desta selección. Narra a historia dunha nena teimunda que vive coa súa mascota e que un día, paseando polo bosque, coñece un osiño moi particular. A pesar de ter xa 15 anos, a min paréceme tan entrañable e deliciosa coma o primeiro día.

  6. 06

    Teddy’s nightmare (2007)

    Dirixida por Mateusz Staniszew, o osiño Teddy esperta no seu propio soño para entrar nun pesadelo do que non será doado escapar. Se cadra, unha das máis escuras da selección.

  7. 07

    A dama e a morte (2009)

    Nomeada ao Oscar e gañadora do Goya no ano 2010, A dama e a morte, dirixida por Javier Recio Gracia, é a primeira curta de animación en 3D estereoscópico realizada con esta técnica en España. Advertencia para os que nunca quedades ler os créditos do final: hai sorpresa!

  8. 08

    Granny O’Grimm’s Sleeping Beauty (2008)

    Outra curta nomeada ao Oscar dirixida por Nicky Phelan. A historia da Bela Dormente contada por unha avoíña de todo menos riquiña.

  9. 09

    Hasta los huesos (2001)

    Produción mexicana –tamén premiadísima– dirixida por René Castillo que conta a chegada dun home ao mundo dos mortos. E tampouco parece que sexa tan malo…

  10. 10

    Calaverita (2005)

    Outros mexicanos, neste caso os irmáns Raúl e Rafael Cárdenas. Na véspera do día dos Mortos, todos os nenos caveira saen das súas tumbas para gozar das súas ofrendas, aínda que hai un que, farto das tradicións, irá á cidade a descubrir unha nova maneira de festexar.

  11. 11

    This way up (2008)

    Humor británico da man de Adam Foulkes e Alan Smith, creada para o Sundance Film Festival e nomeada ao Oscar no ano 2009, narra un mal día na vida de dous traballadores dunha funeraria.

  12. 12

    Violeta, a pescadora do mar negro (2006)

    Anna Solanas e Marc Riba asinan este filme macabro e perturbador que deixo para o final, para cando os nenos xa estean deitados. Fermoso nome para unha historia tan tétrica.