0 Gardados para despois

María Yáñez

Unha ducia de fitos da animación galega

O cinema galego de animación está estes días de noraboa polos premios Goya que acadaron a curtametraxe Birdboy e a longametraxe Engurras, que ademais se reestrea nas salas de cine este venres. Non son os primeiros, nin serán os últimos. Velaquí 12 mostras de como a animación, infantil ou adulta, amateur ou profesional, indie ou comercial, longa ou curta, é un dos nosos maiores potenciais artísticos. E, de paso, un feixe de pelis para ver en familia a fin de semana

  • Unha emocionante historia sobre a vellez

    Adaptando o célebre e premiado cómic homónimo de Paco Roca, Engurras é unha produción de Manuel Cristóbal para Perro Verde Films (Galicia) e Cromosoma (Cataluña) dirixida por Ignacio Ferreras que aposta por abrirse un oco no mercado internacional cunha historia para adultos sobre a vellez animada en 2D. O tema e a factura non poden estar máis alonxados da animación mainstream (historias para rapaces ao estilo Pixar), e aínda así é unha película de vocación comercial que, co pulo que lle deron agora os Goya á mellor película de animación e ao mellor guión orixinal (no que participaron o propio Roca e o coruñés Ángel de la Cruz, entre outros), pode obter un gran éxito de público que sumarlle ao grande aplauso que lle deu a crítica. Reestréase esta fin de semana na Coruña (Cines Yelmo Rosales 3D), Santiago (Multicines Compostela), Carballo (Multicines Bergantiños), Vigo (Multicines Norte) e Vilagarcía (Multicines de Arousa). O cómic, por certo, vén de editalo en galego El Patito Editorial

    Engurras (tráiler en castelán)

  • O singular mundo de Alberto Vázquez

    Un dos nosos debuxantes de estilo máis persoal, e recoñecido internacionalmente, é Alberto Vázquez (A Coruña, 1980). Ademais do seu traballo como ilustrador en ducias de publicacións (os lectores de El País Semanal recoñecerán o seu estilo nos debuxos que acompañan os artigos de psicoloxía), é autor de 8 álbumes de banda deseñada, entre eles Psiconautas, o libro que deu orixe a Birdboy. A curtametraxe, que empezou sendo un ensaio para unha futura longa baseada neste cómic, ademais de gañar o Goya deste ano á mellor curta de animación, foi preseleccionada para os Oscar, aínda que non chegou a ser finalista. Na produción participaron entre outros os estudos Cinemar, Uniko, Postoma e Abrakam, de Pedro Rivero, o bilbaíno codirector da curta que xa dirixira outra produción galega en 2007, A crise carnívora

    Birdboy (curtametraxe)

  • A longa travesía do mago de Tui

    Hai case 9 anos que Xerais publicou Bieito Dubidoso, a novela do daquela novísimo Roque Cameselle (Vigo, 1981), sobre un neno-mago que vivía en Tui na época do bispo Xelmírez. En paralelo iniciábase a produción da longametraxe de animación desta mesma historia, que por fin se culminou o ano pasado e que aínda non se estreou nas salas comerciais. Tamén foi seleccionada para competir este ano nos Goya, mesmo chegou a ser finalista, pero a última hora a Academia de Cine decidiu retirala da competición, por non axustarse a presentación da documentación solicitada ás bases do premio. Superada esa polémica decisión, chegaremos a ver algún día O Mago Dubidoso nos cines? 

    O mago dubidoso (fragmento)

  • A sinfonía pictórica de Miguelanxo Prado e Nani García

    No 2006 estreouse De Profundis, a primeira longametraxe asinada polo noso debuxante máis laureado e máis internacional, Miguelanxo Prado. Era unha produción moi peculiar, cunha animación feita a partir de pinturas en óleo e a partitura do tamén coruñés Nani García, un dos grandes nomes da nosa música contemporánea, tanto polas bandas sonoras (tamén asina a de Engurras) coma no ámbito do jazz. A fita non ten diálogos, só música, e é unha homenaxe ao mar chea de cores e matices e moi evocadora. Pódese ver enteira por 1.95 euros en Filmin

    De profundis (trailer)

  • Agardando polo Apóstolo

    O apóstolo, de Fernando Cortizo, foi outra das grandes apostas dos últimos anos na nosa animación. A que prometía ser a primeira longametraxe galega de animación en stop-motion 3D, producida pola pequena compañía independente Artefacto Producciones, tivo unha preestrea en Santiago por todo o alto no verán do 2010: en plenos fastos do Xacobeo, cun Auditorio de Galicia cheo de VIPs e coa Real Filharmonía interpretando en directo a banda sonora composta entre outros por Philip Glass. Mais de momento non se volveu ter noticia de cando se estrará nos cines, nin de como será a distribución. Mentres, podemos gozar do trailer, que promete, e das anteriores curtas de Cortizo, como Leo e O coidador de gatos, esta última cunha deliciosa banda sonora de Josh Rouse.

    O apóstolo (tráiler)

  • A ferrolá que desde Londres chegou a Sundance

    Peque Varela (Ferrol, 1977) marchou para Londres con 19 anos para estudar cinema, unha afección que naceu o día que seu pai levou á súa casa unha cámara de vídeo. 1977 foi o proxecto que Peque Varela realizou para graduarse na National Film and Television School. Nos seus oito minutos relata a vida dunha rapaza na procura da súa identidade sexual nunha vila pequena e de mente pechada. A curta foi seleccionada en 2007 para participar no Festival de Sundance, pero tamén no Festival de Cinema de Dresden, no Festival de Curtas de Clermont Ferrand, Animadrid, o Festival Internacional de Curtas de Sao Paulo e no Festival Internacional de Chicago. 1977 foi continuada por Gato encerrado, unha historia aínda máis impactante e complexa, que acadou os mesmos recoñecementos.

    1977 (curtametraxe)

  • A todo trapo coa tropa

    Coproducida por Continental Animación e Abano Producions, e con guión da escritora ferrolá Lola Beccaría, A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol (Álex Colls, 2010) é unha das longametraxes galegas que mellor se ten posicionado no mercado internacional. Foi vendida a países como Francia, Alemaña, Italia, Corea, Israel, Perú, Bolivia, Ecuador, Tailandia, Indonesia ou Rusia, onde chegou a estrarse con 164 copias, segundo informa Fapae. Prevese a próxima estrea de A tropa de trapo na selva do arco da vella, a segunda longametraxe do que xa á unha franquía multisoporte: ten serie de televisión (emitida actualmente pola TVG), libros dos que venderon centos de miles de exemplares, e que prevé expandirse ao mundo dos xoguetes e das aplicacións para móbiles e tabletas. 

    A tropa de trapo (tráiler)

  • Picasso, Saramago e Radiohead en stop-motion

    O caso de Juan Pablo Etcheberry é bastante peculiar no noso panorama. Trátase dun artista autodidacta que escribe, realiza, edita e postproduce os seus propios traballos. E a quen nunca lle meteu medo lidiar con grandes mitos da cultura nas súas curtametraxes. En Minotauromaquia (2004) atreveuse a meter a Pablo Picaso nun laberinto que era o do seu proceso creativo, e valeulle o recoñecemento en medio cento de festivais. Tres anos despois realizou A flor máis grande do mundo adaptando un relato de José Saramago, e estivo a piques de gañar o Goya con esta curta, que traemos aquí. O seu último traballo é De tripas y corazón, no que lle fai un videoclip animado aos mesmísimos Radiohead

    A flor máis grande do mundo (curtametraxe)

  • A delicada animación en plastilina de Algarabía

    Virginia Curiá e Tomás Conde levan case 20 anos facendo animación en plastilina co seu estudo Algarabía Animación. Desde que coincidiran na Escola de Imaxe e Son da Coruña a comezos dos 90, a súa paixón por este material levounos a facer ducias de curtametraxes, pezas de publicidade, cabeceiras e cortinas de televisión... Entre os seus traballos máis populares están as curtametraxes pertencentes á colección A lingua animada, que estaban todas baseadas en relatos breves da nosa literatura, ou a serie educativa E por que?, baseada en deseños de Xan López Domínguez. A súa curta máis recente é O soldadiño de chumbo, e así describen este proxecto: "Cando Chelo Loureiro (Continental) nos puxo sobre a mesa o cnto de H.C. Andersen, preguntámonos: Que pasaría se o soldadiño chegase ao Museo Galego do Xoguete de Allariz?"

    O soldadiño de chumbo (tráiler)

  • Da edición infantil á animación

    OQO Editora decidiu pasar do papel á pantalla, convertendo a historia de Fiz, o coleccionista de medos, de Fina Casalderrey e a ilustradora Teresa Lima nunha curta de animación. O festival Brasil Stop Motion 2011 concedeulle o Premio Especial do Xurado a esta e a outras cinco curtas da serie Os contos do Camiño, para nenas e nenos entre 3 e 7 anos. Entre elas, Os sete cabritos e A pota que trota. Ademais, OQO Filmes ten xa no seu haber outra serie titulada Caracois, para cativos aínda máis pequenos, entre 2 e 4 anos. 

    Fiz, o coleccionista de medos

  • O comezo dunha industria que non puido ser

    Dygra Films acadou tres premios Goya no 2003 con O bosque animado, que levou tamén o galardón á mellor canción orixinal, e outro con O soño dunha noite de San Xoán no 2005. Foi unha empresa pioneira e exitosa, estandarte da animación galega, como o era Bren Entertaintment, produtora de títulos como O Cid: a lenda, Pinocho 3000, Pérez, o ratiño dos teus soños, Donkey Xote ou Copito de nieve (actualmente nas salas). Entre as dúas ano tras ano se fixeron con case todos os Goyas de animación nos últimos anos. Porén, tamén é o lado amargo desa historia de construción dunha industria cultural que se apuntaba e que tivo de rebaixar as súas expectativas. Dygra desapareceu en 2009, con importantes débedas. Filmax, o grupo do que forma parte Bren, presentou o ano pasado concurso de acreedores. Porén, outras empresas galegas continúan dedicándose á animación, con éxitos equiparables aos anteriores, como Perro Verde Films ou Continental. Será  que quizais teña máis futuro apostar por un tipo de animación diferente, máis singular, que tratar de imitar as producións norteamericanas? Polo de agora aprézase un cambio de modelo ou cando menos de estilo, e así o confirman os éxitos de Engurras e Birdboy.

    O bosque animado (tráiler)

  • Animando as nosas viñetas máis populares

    O personaxe máis famoso de Ourense, co permiso de X.L Baltar e de X.M. Piñeiro, pasou das páxinas de La Región ás pantallas televisivas no ano 2000 grazas ao traballo Lhosca Arias, que xa fora pioneiro no ano 1994 ao crear a primeira peza de animación feita en Galicia, unha curta en stop-motion chamada Lumi. A serie do Carrabouxo foi todo un fito non só para a animación, senón para a nosa cultura popular, como tamén o é que, 12 anos máis tarde, cheguen ás pantallas da TVG os personaxes debuxados máis queridos polo público galego: Os Bolechas. Aínda que estes non o fan en debuxos animados senón en monicreques de trapo, ao estilo dos Muppets ou dos Lunnis

    O Carrabouxo