David Lombao

Unha ducia de remudas na política galega

Nos últimos días o Goberno galego viviu remudas en varios postos clave. Estes recambios non son, nin de lonxe, os primeiros de relevancia da historia política do país. Repasamos algúns dos máis senlleiros.

  1. 01

    A máis convulsa

    En 1987 a moción de censura que desaloxou do poder a Alianza Popular de Gerardo Fernández Albor deu lugar a un dos episodios máis convulsos da historia política do país. Os populares tentaron frear a aprobación da moción cunha denuncia contra quen despois sería vicepresidente do tripartito, Xosé Luís Barreiro Rivas, demanda pola que remataría condenado. Nun daqueles tensos plenso Mariano Rajoy, que defendía a postura de AP, asegurou que abandonaría a vida política "posiblemente, dentro de pouco".

  2. 02

    A do tripartito

    Tras unha dura campaña electoral -na que a dirección federal do PSOE amosou un certo desleixo fronte á maquinaria do PP-, Manuel Fraga lograba a maioría absoluta nas eleccións de 1989. A comezos de 1990 o patrón da dereita española organizou un multitudinario acto para celebrar a súa toma de posesión.

  3. 03

    De Xelmírez a Fonseca

    Na súa primeira década de existencia o Parlamento de Galicia viviu dúas mudanzas. A súa primeira sede provisional estivo no Pazo de Xelmírez, propiedade do Arcebispado compostelán. Dende alí pasou ao Pazo de Fonseca, da Universidade, onde desenvolveu as súas sesións ata 1989. O último deputado en intervir no recinto universitario foi Camilo Nogueira.

  4. 04

    De Fonseca ao Hórreo

    Tras unhas laboriosas obras o Parlamento estreou década e sede. Aínda que xa se celebraran algunhas sesións no remate da lexislatura do tripartito, foi na primeira do Goberno de Fraga na que toda a actividade do lexislativo se desprazou definitivamente ao antigo cuartel. O cambio non estivo exento de polémica, xa que na oposición non gustou que o presidente da Xunta visitase antes o edificio que os propios deputados.

  5. 05

    Na lei electoral

    Pouco despois de chegar á Xunta, en 1992, Fraga executou a súa propia remuda sobre a lei de eleccións e o Regulamento parlamentario. Entre protestas da oposición, o líder conservador constrinxiu as quendas de intervención da oposición e incrementou o limiar para obter representación parlamentaria do 3% ao 5%.

  6. 06

    Á fronte da oposición

    As eleccións de 1997 foron as do célebre sorpasso do BNG sobre o PSdeG. Os nacionalistas convertéronse na segunda forza da Cámara e Xosé Manuel Beiras, en líder da oposición.

  7. 07

    No PSdeG

    O pau sufrido polos socialistas nas eleccións de 1997, con Abel Caballero á fronte, provocou en que o que fora candidato tivese que dar un paso atrás. Nese contexto, o liderado parlamentario e despois, tamén do partido, foi asumido por Emilio Pérez Touriño.

  8. 08

    De Fraga ao bipartito

    As eleccións do 19 de xuño de 2005 foron as da perda da maioría absoluta por parte do PP despois de tres lustros. Ese resultado permitiu a conformación dunha maioría alternativa, a coalición de PSdeG e BNG.

  9. 09

    No liderado do PPdeG

    A perda do Goberno en 2005 precipitou o relevo na presidencia do PPdeG, que culminaría no congreso de 2006. Antes desa cita, á que Feijóo chegou como único candidato, houbera máis aspirantes: Enrique López Veiga, Xosé Cuiña e mais os que foran vicepresidentes de Fraga: José Manuel Barreiro e o propio Feijóo, que temporalmente compartiron liderado na oposición.

  10. 10

    Na alcaldía de Santiago

    Un dos concellos politicamente máis calmos do país, o de Santiago, foi un verdadeiro fervedoiro durante o pasado mandato. A dimisión de Gerardo Conde Roa polo seu delito fiscal apenas nove meses despois de gañar as eleccións por maioría absoluta desencadenou un caótico panorama no que a cidade chegou a ter tres alcaldes en tres anos.

  11. 11

    De amizades e tendencias

    Hai varios casos de remudas de ideas, amizades e tendencias na política galega. Un dos máis senlleiros é, probablemente, o de Francisco Vázquez. O exalcalde da Coruña pasou de amosarse partidario á autodeterminación de Galicia a proclamar posicións encadradas no nacionalismo español. Na súa última aparición pública reclamou o salto de Feijóo á política estatal "polo ben de España".

  12. 12

    As últimas

    As, ata agora, últimas remudas de relevancia na política galega foron no propio Goberno. A pasada semana Feijóo ditaminou unha crise de goberno na que a principal damnificada foi a exconselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. A 'limpeza' continuou esta semana coa saída dos delegados da Xunta en Ourense e Vigo