Marcos Pérez Pena

Unha ducia de praias nudistas

Estamos xa en xuño, achégase o verán e o tempo de tocar a area coa pel. Galicia ten algúns dos areais máis fermosos da Península e tamén algúns dos mellores espazos para practicar o naturismo. Moitos menos dos que debería haber, con todo, pois nalgúns puntos da costa só se permite o nudismo en lugares moi afastados ou nos que non é posible o baño. Ademais, tres décadas despois das polémicas ao redor das tetiñas free, segue sorprendendo o escaso respecto que algúns textís gardan en praias sinaladas como nudistas.

  1. 01

    Baroña

    Tamén coñecida como Praia de Area Longa, este areal é un dos máis coñecidos de Galicia, e un dos máis simbólicos por moitos motivos, tanto pola presenza do castro, como porque aquí tivo o seu centro a reivindicación dos activistas do naturismo nos anos oitenta. Accédese a el despois de camiñar uns dez minutos por un piñeiral, o que garante ademais (en parte) o respecto para a práctica do nudismo.

  2. 02

    Barrañán

    É a praia nudista da Coruña, ideal pola súa proximidade á cidade e polas facilidades de aparcamento. Na parte negativa, o vento e a perigosidade do mar. Iso si, coma todas as praias desta costa que pouco a pouco se vai convertendo en Costa da Morte, este areal do Concello de Arteixo destaca pola súa beleza

  3. 03

    Barra

    En Cangas, despois de pasar O Hío, está Barra, ao máximo de capacidade nos meses de verán. É a praia nudista por excelencia do Morrazo, con area fina, mar en calma e un amplo espazo de dunas e piñeiral.

  4. 04

    Bascuas

    A praia de Bascuas chama a atención porque é dos areais nudistas máis achegados a zonas urbanas e turísticas. A uns douscentos metros da estrada, entre Sanxenxo e A Lanzada, destaca pola súa comodidade e pola multitude de servizos. O único malo, quizais, o exceso de xente nos días máis calorosos do verán

  5. 05

    A Fontaíña

    Vigo tiña que ter unha praia nudista próxima, e foi A Fontaíña. Situada non extremo de Samil, chégase a ela despois de pasar o complexo deportivo da Xunqueira. Non é moi grande, pero si de fácil acceso e non é visible dende a estrada.

  6. 06

    Viñó

    Tamén en Cangas, Viñó é unha praia situada a carón de Barra, da que é continuación natural. Está un chisco máis illada e ten menos servizos.

  7. 07

    Praia de Figueiras

    Esta praia, na illa norte das Cíes aparece decote nas listas das mellores praias nudistas de España. E abofé que é bonita, coma todos os areais destas illas. Coidado coa temperatura da auga, iso si.

  8. 08

    Ponzos

    Na zona de Ferrol non hai moitas praias sinaladas como nudistas. O bo é que a costa, do Cabo Prior cara o norte é ampla e despoboada e ofrece moitas posibilidades para o naturismo. Entre os areais próximos á cidade e que, en principio (aínda que non se respecta demasiado) está sinalado como nudista, está Ponzos, a carón de Doniños.

  9. 09

    Praia de Castiñeiras

    Ou de Abelleira, Canelas, Con do Corvo, Agueira ou Borreiro. En realidade poden ser consideradas a mesma praia, pois están todas seguidas e en todas é frecuente a práctica do nudismo. A zona de San Vicente, na península do Grove, ofrece areais de todos os tipos para todas as persoas.

  10. 10

    Costa da Morte

    De igual xeito que comentabamos que na zona de Ferrol se podían atopar areais illados para a práctica do nudismo, podemos dicir o mesmo da Costa da Morte: Louro, Carnota, Praia do Rostro, Pedrosa en Camariñas ou a Praia das Torradas en Malpica non son estritamente nudistas, pero si que ofrecen espazos para a súa práctica.

  11. 11

    Praia dos Alemáns

    En Burela atópase a cala dos Alemáns. Pequena e sen servizos, pero que atraer os amantes do naturismo da comarca