Xurxo Borrazás

Unha ducia de cousas que son legais, por incríbel que pareza

Cada vez semella máis certa a cita de aquel fumador de charutos chestertoniano, que “a democracia é a peor forma de goberno que existe, se exceptuamos todas as demais que se levan probado”. Desde logo perfecta non é, e se cadra hai que replantexar quen decide que formas de goberno se proban no futuro. A día de hoxe…

  1. 01

    A débeda

    En democracia é perfectamente legal que os fondos voitre che reclamen 3.000 millóns a conta de 300 que che emprestaron hai sete anos. Quen dixo que o aumento da débeda era mala? Mala para quen?

  2. 02

    Privatizar a Mesquita de Córdoba

    É legal mercar a Mesquita de Córdoba por trinta euros, chamarlle catedral e cobrar entrada. Se vós o intentades igual non podedes, pero legal é.

  3. 03

    Os desafiuzamentos

    É legal que, se quedas no paro e non podes pagar a hipoteca, o banco quede coa casa que xa levas medio pagada e ti vaias coa familia debaixo dunha ponte cunha débeda suplementaria.

  4. 04

    A represión policial

    É legal que te deteñan e mallen en ti e te multen por acodir a unha manifestación legal ou por xuntarte cos amigos nun parque, dependendo do que se fale ou dos pins que levedes.

  5. 05

    A perda do dereito á saúde

    Na democracia grega é legal que, se tes a desgracia de quedar sen traballo ano e medio, enriba perdas o dereito á atención sanitaria.

  6. 06

    Os xuízos políticos

    É legal meter no cárcere a 40 nacionalistas vascos durante dous anos, a ver se aprenden, e que despois a Audiencia Nacional diga que non teñen nada que ver co terrorismo.

  7. 07

    A impunidade

    É legal que os imputados en causas de corrupción continúen nos seus cargos, representando á cidadanía á que roubaron.

  8. 08

    A represión aos sindicalistas

    É legal que sobre centos de sindicalistas ou persoas que pasaban por alí penda a ameaza de 120 anos de cárcere por exercer o dereito á folga.

  9. 09

    Os privilexios

    É legal que os eurodeputados se autoconcedan un fondo de pensións que lles pagamos os contribuíntes, para completar os 8.000 euros do soldo, as dietas, os complementos e a pensión.

  10. 10

    As SICAV

    É legal que as grandes corporacións paguen o 1% de impostos e os traballadores o 20 ou o 30%.

  11. 11

    A persecución dos whistleblowers

    É legal que Julian Assange leve anos pechado no centro de Londres, que Manning estea no cárcere, Snowden fuxido, Falciani agochado e Guantánamo á vista de todos.

  12. 12

    Mudar a lei electoral a conveniencia

    Polo visto tamén é legal dar un “pucheirazo electoral” e eliminar os votos necesarios para que sigan a gobernar os mesmos: o 50%, o 60%, o 70%... O que faga falta. E que viva Churchill!