Goles por un Sáhara libre nos campos de Galicia

A selección do Sáhara contra a Sarriana CC-BY-SA Sogaps

Dous goles de Mohamed Daf e un de Hassanna Nazy déronlle este xoves a vitoria ao Sáhara por 3 a 1. Non foi nun partido oficial, porque a selección saharauí de fútbol non está afiliada a ningunha federación nin ten dereito a competir oficialmente. É tan só un dano colateral da penosa situación que viven a República Árabe Saharauí Democrática e o seu pobo, dividido entre os campos de refuxiados e os territorios ocupados por Marrocos, sometido e obrigado a unha eterna reivindicación da súa independencia, tamén a través do deporte.

A selección do Sáhara gañou onte á Sarriana e disputará dous partidos máis esta fin de semana en Vigo e en Padrón

Foi a Sarriana quen onte perdeu contra o Sáhara Occidenal nun encontro amigable no que o resultado era o de menos. O partido forma parte da xira que a selección saharauí está a realizar polo Estado e que a trouxo esta fin de semana a Galicia, onde aínda disputarán dous encontros máis: un na tarde deste venres en Vigo (17 horas), no campo de Candeán, contra unha selección de ex xogadores do Celta, e outro o sábado a partir das 18 horas en Noia contra un combinado de futbolistas da comarca.

Organizados pola Delegación Saharuí en Galicia e pola Asociación Solidariedade Galega Co Pobo Saharauí (Sogaps), os partidos son un chanzo máis na tarefa de "sensibilización política" da situación "que sofren os habitantes do Sáhara", tal e como lembra Maite Isla, presidenta da Sogaps que acompaña a selección na súa xira polo país. "É obvio que estes encontros teñen unha intención que vai moito máis aló que o fútbol; son rapaces extraordinarios que saben perfectamente cal é a súa misión aquí", explica. O seu propósito non é outro que denunciar a problemática no seu país, os abusos de Marrocos e a falta de liberdade.

Os partidos teñen como obxectivo a "sensibilización política" da situación que sofre o pobo saharauí

Os saharauís traen, ademais, demandas concretas como o apoio político á súa loita e á ampliación da Minurso (Misión das Nacións Unidas para o referendo no Sáhara Occidental) para incluír o control dos dereitos humanos das zonas ocupadas. Iso foi o que o delegado saharauí en Galicia, Habibulah Mohamed, e a propia Maite Isla reclamaron nas diferentes visitas ás institucións. En Vigo, foron alcalde Abel Caballero e o concelleiro de Deportes Manel Fernández os que escoitaron e apoiaron as súas demandas, ao igual que a Deputación de Lugo, na que o vicepresidente Antonio Veiga levou a cabo a recepción oficial ao equipo.

Veiga amosou o seu “apoio e recoñecemento a unha selección que, como a galega, non está afiliada a ningunha confederación de fútbol”. “Cremos en que pobos como o galego ou o saharuí merecen, ao igual que outros países, poder gozar dunha representación de deportistas que defendan a camisola coa súa bandeira, como desexan milleiros de seareiras e seareiros”, asegurou nunha recepción oficial que se realizará tamén en Ponteareas e Noia.

A Deputación de Lugo e o Concello de Vigo xa amosaron o seu apoio á loita do Sáhara pola súa liberdade

O presidente da Comunidade Saharauí en Europa, Hametu Mohamed Ahmed; o presidente da Comunidade Saharauí en Galicia, Mohamed Maatalah; así como o subdelegado da Delegación da República en Galicia, Mohamedu Elhiba, son outros dos persoeiros que acompañan unha selección que destaca no campo con vitorias pero que, sobre todo, xoga os partidos para chamar a atención sobre o sufrimento do seu pobo. Marca goles pola liberdade.

A selección do Sáhara, recibida na Deputación de Lugo CC-BY-SA Sogaps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.