Das carrilanas ao soño olímpico do bobsleigh

Bárbara Iglesias facendo bobsleigh © Xoán Escudero

Unha galega que destaca no bobsleigh, ese deporte no que un espectacular vehículo lánzase a velocidades de vertixe a través dun tubo de xeo. Unha moza de Arcade que vive a máis de 1.700 quilómetros de distancia da pista máis cercana da disciplina. E unha muller á que lle valeu a súa experiencia nas carrilanas para se converter na primeira piloto española en competir neste deporte. A historia de Bárbara Iglesias, de 21 anos, é a que conta El tiempo futuro, un documental dirixido por Xoán Escudero e que agora vén de poñer en marcha unha campaña de micromecenado para poder facer fronte aos gastos necesarios para rematalo.

A fita de Y la nave, producida por Sika Lamas e Analía G. Alonso, fai un repaso polos esforzos e a traxectoria de Bárbara na persecución do soño olímpico, así como pola súa participación como membro da selección española de bobsleigh en diferentes campionatos en Austria ou Alemaña. A moza de Arcade pouco sabía do bob -así se chama o vehículo- pero foi o que logo sería o seu adestrador, Javier Pintado, o que lle cambiou a vida.

'El tiempo futuro' conta a fazaña de Bárbara Iglesias, que pasou das carrilanas a destacar no bobsleigh malia ter a pista máis cercana a máis de 1.700 quilómetros

O técnico tamén practicaba carrilanas e sabía da afección de Bárbara por deportes de inercia, unha experiencia que lle valeu para ser a elixida para probarse como futura compoñente do equipo feminino de bobsleigh de España, ata daquela inexistente no Estado. Pouco ou en nada se parecían as disciplinas. Nada tiña que ver o asfalto ou os camiños co tubo de xeo. Pero a rapaza lanzouse.

Bárbara e a súa compañeira asturiana, á que acababa de coñecer, metéronse nunha furgoneta camiño de Austria. Logo de 25 horas de viaxe, montouse por primeira vez nun bob. Non foi tan mal a cousa, malia non saber practicamente nin como frear ese estraño vehículo. Máis dun ano despois, a parella formada por ela e Cristina Ibaseta acadou o 12º posto no Mundial júnior, xa co apoio que non tiveran da Federación Española de Deportes de Xeo, que aínda segue sen sufragarlles todos os gastos.

Unha campaña de 'crowdfunding' busca financiamento para rematar o documental

“É un deporte moi minoritario e a federación tamén é moi pequena; se deportistas olímpicos importantes teñen dificultades, imaxina o seu caso”, conta Xoán Escudero, director do documental, que espera que a campaña de crowdfunding axude a “darlle o empaque” necesario a unha fita case rematada pero que precisa algunha rodaxe máis e rematar a posprodución.

“A xente adoita pensar que é un documental deportivo, pero realmente é un documental sobre as persoas que logran facer esta fazaña”, engade o director, que explica que nesta Fórmula Un dos deportes de inverno “hai equipos que teñen mecánicos, condutores e masaxistas” competindo contra  Bárbara e a súa compañeira, “para as que chegar ao lugar da competición é tan importante como para o conxunto alemán acadar o terceiro posto”.

"Para o equipo de Bárbara, chegar ao lugar de competición é tan importante como para os alemáns conseguir o terceiro posto"

No documental participan importantes figuras dos deportes de inverno, entre eles Ander Mirambel, olímpico español de esqueleton, ou Kaillie Humphries, dobre campioa olímpica de boblsleigh, así como Javier Pintado Piquero, o adestrador do equipo español e descubridor de Bárbara.

A historia retrotráenos irremediablemente á película Nacidos para el triunfo, na que se contaba a aventura dun equipo xamaicano que logrou participar nos Xogos Olímpicos de Calgary malia a lóxica inexistente tradición deste deporte de inverno nun lugar onde non hai inverno. En Galicia haino, pero nin hai neve suficiente, nin tanto frío nin moito menos tradición. O que si sempre houbo foi corredoiras e carrilanas. E iso foille suficiente a Bárbara para ser xa o referente dun descoñecido deporte e aspirar a participar nos Xogos de 2018. Ese é o seu soño.

Bárbara Iglesias © Xoán Escudero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.