Pedro Nimo, o atleta rebelde que renuncia a representar a España e Galicia

Pedro Nimo, nunha carreira na Coruña CC-BY-NC-SA dietadeporte

Pedro Nimo dixo basta. O recoñecido atleta galego renuncia a “toda bolsa e axuda pública” e a competir representando a España ou Galicia, “farto” da falta de apoio, pero tamén froito dunha ampla reflexión na que denuncia o sistema político, xudicial, empresarial e ata de xestión de deporte no Estado.

Faino nunha carta aberta na que o último gañador da prestixiosa Clásica Behobia-San Sebastián anuncia que renuncia “a toda bolsa ou axuda pública como atleta”, ao tempo que renuncia tamén “a participar en calquera competición nacional ou internacional coas seleccións da miña comunidade ou o meu país”.

Pedro Nimo renuncia "a toda bolsa ou axuda pública" e "a participar coas seleccións de España ou Galicia"

“Nin represento a esta Galicia nin a esta España na miña carreira deportiva, nin me sinto representado no civil por unhas persoas que, lonxe de se ruborizar ou dimitir ante a mala conduta evidente, crécense amparados na (in)xustiza”, explica o atleta, que pide que non lle pidan “implicación, nin emprender, nin sacrificio”. “Que deixen de pedir neste sentido... Que pidan 47 millóns de perdóns aos cidadáns de a pé, pois estes son e somos os que teremos que saír adiante, os que cargaremos co morto”, asegura nunha denuncia chea de reproches ao sistema en xeral.

Pedro Nimo, no entanto, xa aclara que non deixará o deporte, xa que prevé participar na vindeira maratón de Londres. Esa será a última vez que compita representando a Galicia e España. Pero desde agora centrarase “ao cento por cento en intentar sacar adiante” o seu negocio para, despois, “estar en todas e cada unha das manifestacións ou plataformas de loita pola dignidade dun pobo e unha cidadanía que non atura máis incompetencia”.

O mellor atleta galego di que estará "en todas as manifestacións ou plataformas de loita pola dignidade dun pobo que non atura máis incompetencia"

“Son as autoridades as que deben demostrar estar á altura do pobo, este xa demostrou estar moi por riba dos que nos gobernan e representan”, engade quen se compromete en “ser o primeiro en organizar carreiras e marchas que loiten polos dereitos mínimos”. “Pode que algunhas persoas continúen nas súas situacións de confort, alleos aos seus cidadáns, pero as chamadas dalgún político dicíndome que teño razón e que loite anímanme moito; significa que aínda hai esperanza”, insiste.

O atleta galego máis importante do momento abrangue todas as temáticas na súa denuncia. No ámbito deportivo, Pedro Nimo di estar “farto de ver” como “xestos profundamente humanos, solidarios e cheos de sentimento” son exemplos para deportistas e sociedade pero “non son acompañados dos mesmos valores por parte dos que rexen o deporte”.

"Ao tempo que temos trabas para recibir axudas, clubs de fútbol non pagan á Seguridade Social ou teñen vantaxes fiscais"

Ademais, denuncia a falta de axudas e “as trabas” que moitos deportistas atopan “á hora de obter bolsas, onde outros teñen facilidades incluso sen reunir os suficientes méritos deportivos”. Así, asume que se reduza a duración e contía das axudas aos deportistas “se non hai para comida”, pero advirte de que ao tempo “vemos como clubs de fútbol benefícianse de vantaxes fiscais, non pagan á Seguridade Social ou fano cando poden ou queren”. “Nun escenario así, aínda temos o descaro de pedir uns Xogos Olímpicos mentres moitos dos nosos deportistas case non poden chegar a fin de mes”, asegura.

Cada unha das reflexións de Pedro Nimo revelan a decepción cun sistema político e cuns gobernantes, tamén baseado en experiencias persoais, tanto no ámbito empresarial como no deportivo ou incluso nun problema coa xustiza pola expropiación dunha finca. O atleta di estar farto, como a sociedade, “do declive moral da casta política que lonxe de pedir perdón aos cidadáns ante as evidencias de falta moral, ética e capacidade (…) seguen a malversar os cartos de millóns de cidadáns sen parámetro ningún máis có enriquecementeo persoal”. Aínda así, aclara que segue “crendo na existencia de políticos válidos, con conciencia social e capacitados como xestores”.

Nimo di estar farto de que "nos gobernen moreas de imputados penais" ou de que "dimitir sexa un tabú"

Nimo di estar farto de “falsas promesas”, de que “falen de melloría cando non se percibe na rúa nin nas estatísticas do Inem”, de que “nos gobernen moreas de imputados penais”, de que “ninguén devolva nada do que se levou” ou de que “dimitir sexa unha palabra tabú”. Ademais, carga contra a xustiza pola súa “politización” e asegura que “o problema radica nun sistema que se parece ao das castas na India”. “E aquí hai dúas: a do poder económico e político-xurídico e a do resto de cidadáns; a primeira é forte e intoccable; a segunda, submisa e cansa, ten que pagar os delitos dos outros malia ser o 92%”.

 

"Farto da mentira inxustificada e da falta de humanismo"

Pedro Nimo di chegar a este “desánimo” tras unha morea de situacións “como cidadán, atleta e emprendedor”. “É o cúmulo de humillacións persoais e dos que me arrodean, é a mentira inxustificada, a falta de humanismo e conciencia, a falta de valores e a necesidade de durmir coa conciencia tranquila a que me leva a estoupar”, explica.

O atleta ten unha tenda de deportes e quéixase de que segue "esperando" polas axudas prometidas aos emprendedores

Porque Nimo tamén expresa a súa desesperación polos atrancos que sofre como responsable dunha tenda de deportes en Compostela. “Alentado polas noticias de axudas a novos emprendedores, abrín unha tendd de deportes e club de corredores... Pero ata o día de hoxe, as axudas aínda as estou esperando”. “Non sei se sobrevivirei no mercado nin se poderei mater os meus empregados ou aumetar o persoal, pero o que si sei é que non quero máis promesas falsas”, explica.

Pero o atleta ataca tamén un mercado laboral no que “cada vez é máis habitual atopar xornadas laborais de 15 horas” e alerta de que “non se pode competir desde o pqueno negocio que neriquece os barrios cos grandes monstros tanto físicos como virtuais”.
“Esta é unha crítica ao sistema en xeral e ao político en concreto, sendo consciente de que son parte do mesmo; é unha crítica ao mal goberno que rexe as nosas vidas, a que alzar a voz non sirva de nada porque na violencia e odio négome a crer”, reflexional. “É  unha crítica a que ninguén diga mea culpa e que só vexamos reproches mutuos, é unha crítica de alguén farto, dun 'basta xa' sen rastas, dun 'acabouse!”, remata quen recoñece temer represalias por “vivir na política do medo” e que asegura que houbo medios que lle confesaron non poder apoiar as súas palabras. “Isto sóame a ditadura ou república bananeira”, conta.

“Esta é unha crítica ao sistema en xeral e ao político en concreto, sendo consciente de que son parte do mesmo"

“Non me plantexo correr por outro país, xa que iso é algo que só faría por diñeiro; no bo e no malo, sinto a miña terra, a miña xente a os meus costumes; tocan esforzos e sacrificios, toca perda de privilexios, pero debe ser para todos por igual”, reclama quen di “ser consciente de que nada é comparable á situación de milleiros de familias que non poden acceder aos dereitos máis mínimos como unha vivenda digna, un traballo ou un prato de comida”. “Eles si teñen dereito a unha queixa en toda regra”, finaliza.

Pedro Nimo, nunha carreira na Coruña CC-BY-NC-SA dietadeporte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.