Cinco anos sen selección galega

Once inicial da reestrea da selección galega en 2005 © R. Aguete

Roberto; Jonathan Aspas, Rubén, Piscu, Roberto Lago; Pablo Álvarez, Cabanas, Borja, Falque; Julio Álvarez e Nacho Novo. Eses foron os once xogadores que formaron no equipo inicial da última selección galega. O pasado venres hai cinco anos remataba o soño cun combinado que disputou catro partidos amigables por cada Nadal dos que o goberno bipartito permaneceu na Xunta. Uruguai, Ecuador, Camerún e Irán foran os rivais dun conxunto que permanecía imbatido pero que xa non existe. 

Este ano, como en anteriores, e tras a negativa da Administración e da Federación Galega de Fútbol a organizar o que ía camiño de se converter na tradicional festa do fútbol galego, o colectivo Siareiros Galegos volve reivindicar a oficialidade da selección cun encontro amigable contra Occitania na que participarán maioritariamente xogadores amateurs ou de categorías non profesionais. Só a teimosía da afección permite manter vivo o lume dun equipo que, máis aló da evidente reivindicación política de moitos, permitiu tamén dar visibilidade e poñer nos focos unha canteira galega daquela moi esquecida. Tamén no fútbol feminino, cando por iniciativa da Xunta, futbolistas como Verónica Boquete berraran ben alto que elas tamén estaban alí.

Só a teimosía da afección permite manter vivo o lume do equipo galego

"Temos que elixir e a verdade é que aquel equipo da selección galega custou un millón de euros, e eu non estou para gastar un millón de euros niso; estou para intentar investir no deporte base e non para inventar outras cuestións", xustificaba Núñez Feijóo -obviando moitas veces o patrocinio empresarial co que contaba o acontecemento- cada vez que se lle preguntaba pola ausencia da Irmandiña, á que outros membros do seu Goberno acusaron de ser utilizada politicamente polo nacionalismo pasando por alto, entre outros aspectos, a presenza de dirixentes populares animando a selección no palco de autoridades.

Feijóo obviou os patrocinios empresarial para xustificar o veto con argumentos económicos

O caso é que naquel decembro de 2005, coa reestrea da selección galega de fútbol logo de décadas de ausencia, Fernando Vázquez -que volveu reivindicar a selección hai poucas semanas- e Arsenio Iglesias rebuscaban entre a elite para lograr xuntar xogadores dabondo que formasen parte do histórico equipo. Foi así durante os catro anos que durou a efémera experiencia dun combinado que chegou a convocar futbolistas fillos de emigrantes (como Ricardo Cabanas, internacional por Suíza), nados no país case por casualidade (como o andaluz Antonio Barragán) ou con exitosas carreiras no estranxeiro (como o dianteiro do Glasgow Rangers Nacho Novo). As horas baixas polas que pasaba a canteira galega facían difícil lograr tan sequera conformar unha convocatoria con deportistas da terra.

Un amplo abano para elixir

Nada que ver co complicado que sería agora elixir entre a morea de futbolistas galegos que despuntan na elite. Deportivo e Celta, pero tamén o Lugo e outros moitos clubs do país, contan con maioría de xogadores da terra. Noutros conxuntos da Liga e tamén no estranxeiro, o acento galego destaca máis ca nunca.

Os planteis de Celta e Deportivo abondarían para conformar un equipo. A Yoel, Hugo Mallo, Toni, Álex López, Johnny, Vila ou Oubiña uníronselles neste ano os xuvenís Costas e Santi Mina, que chaman á porta da elite tras o descarte doutro galego. Algo semellante ocorre no Deportivo, onde Pablo Insua, Álex Bergantiños, Juan Domínguez, Luís Fernández e Juan Carlos forman pate da columna vertebral dun conxunto no que Uxío, Dani Iglesias ou Bicho xa contaron con minutos nesta tempada. Tamén están Pita, Mallo, Seoane, José Juan, Manu, Pablo Álvarez ou Iago Díaz no Lugo.

Unha morea de futbolistas galegos despuntan na elite do fútbol, tanto nos principais equipos do país como no estranxeiro

Pero hai moitos máis. Diego López podería ser nesa hipotética selección un dos estandartes. Titular no Real Madrid -e metido sen querelo na polémica que arrodea a Casillas- é un dos poucos futbolistas que se manteñen na elite daquel once inicial de 2005 en San Lázaro. Jonathan Pereira, dianteiro do Villarreal, reestreouse goleando na Primeira División, mentres o Rayo Vallecano forma habitualmente con Roberto Trashorras, Rubén e Iago Falque no seu once titular. Tamén son titulares os porteiros Roberto (Granada) ou Diego Mariño (Valladolid), o mediocentro Fran Rico (Granada) e o mediapunta Diego Castro, no Getafe, onde tamén se atopan os galegos Mosquera, Borja ou Roberto Lago.

A Federación Galega traballa na recuperación da Irmandiña para 2014

No estranxeiro, Joselu, en Alemaña; Dani Abalo, en Bulgaria; Rodrigo, en Portugal; Lucas Pérez, en Grecia; e, como non, Iago Aspas, que forma parte dun histórico como o Liverpool e que representa como poucos a rendibilidade, deportiva e económica, de coidar os diamantes que saen da terra. Rafinha, hispano-brasileiro criado en Vigo, destaca no Celta, mentres que Thiago, o seu irmán, é clave no Bayern campión de todo.

Pero non será posible xuntalos. Polo menos neste ano. Pilar Neira, adestradora da Irmandiña e "incansable loitadora" polo recoñecemento da selección galega, confía en que esta sexa a última tempada na que o partido de Nadal siga en suspenso e a Federación Galega de Fútbol traballa xa para tentar recuperar a Irmandiña en 2014. Non hai moito, os lectores de Praza animáronse a elixir o que sería o seu once inicial de Galicia nun hipotético encontro. O resultado foi este: Diego López; Hugo Mallo, Pablo Insua, Túñez, Roberto Lago; Borja Oubiña; Álex López, Juan Domínguez; Thiago Alcántara, Iago Aspas e Rodrigo. Daría gusto velos xogar. De momento, haberá que seguir agardando.

Once inicial da Irmandiña no Galicia-Irán © Vieiros
Partido organizado polos Siareiros en Ourense © Siareir@s Galeg@s

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.