Ezequiel Mosquera: “A UCI non persegue a dopaxe, persegue os cartos”

Dominio Público Praza Pública

Ezequiel Mosquera (Teo, 1975) segue a sufrir un calvario. Castigado con dous anos de suspensión polo Comité de Competición da Federación Española, a UCI quere agora aumentarlle a sanción económica a un ciclista que non deu positivo ningún e que denuncia “o atropelo” dun proceso cheo de irregularidades. Pídenlle uns 50.000 euros máis, ata os 325.000,  por un contrato de imaxe ao que hai pouco a UCI consideraba que non tiña dereito. Entre recursos ás autoridades deportivas, agarda unha batalla xudicial longa, pero non cala. Farto do “circo” que arrodea ao ciclismo, fala claro. Contra todo e contra todos. Ata onde pode. Cando morde a lingua, achega datos facilmente interpretables. “Que a xente xulgue por si mesma”, di. 

Un ex compañeiro seu do Xacobeo di que é máis feliz agora, retirado, que cando corría como profesional. Disque sufría demasiado, enténdeo?

Enténdoo perfectamente. Eu agora gozo aínda máis cando saio coa bici, pero é un hobby. Antes tamén o gozaba porque estaba facendo algo grande, pero pásalo moi mal. A miseria que se pasa no ciclismo profesional é moita. A xente non pode imaxinar as penitencias que se pasan sobre unha bicicleta e o difícil que é levar ese día a día. É algo do que te liberas.

Sofre máis enriba da bicicleta ou con todo este longo proceso que provocou a súa sanción?

No ciclismo súfrese moito mentalmente, pero o sufrimento físico é atroz. O sufrimento psicolóxico é puntual, pero con esta situación sufro día a día. Érgueste pola mañá cunha mala hostia que che apetece andar a tiros. Vaite minando.

Segue igual de enfadado que cando coñeceu a sanción?

Enfadado estou máis aínda. Estaba convencido de que isto se solucionaba en cuestión de meses, dous ou tres como máximo. Nalgún momento trato de non pensar nisto, pero non podo, sobre todo polo que pasei eu e máis a miña familia. Eses momentos non se poden describir.

"A Álvaro Pino dixéronlle no TAS que no peor dos casos recibiría unha sanción entre un e tres meses. E iso no caso de que fose culpable! Pero non o son, porque todo iso do enmascarador de EPO é mentira"

A prensa fala de “atropelo” ou “abuso” a Mosquera. Como explicaría aos afeccionados o que ocorreu?

Diríalles que, poñéndonos no caso de que sexa culpable, todo o proceso foi un atropelo. Estiven catorce meses esperando pola sanción, filtrouse o meu caso xusto no momento no que se coñecía outro caso de dopaxe moi famoso e logo a resolución chegou cando os protagonistas deste outro caso foron defenderse a Suíza (no Tribunal de Arbitraxe, TAS). Os atropelos son moitos, desde falsificar sinaturas ata utilizar procedementos non habituais. Cada paso que daban era maquiavélico. Ao propio Álvaro Pino dixéronlle no TAS que a substancia que en teoría me detectaran era menor, que podería seguir correndo e que no peor dos casos recibiría unha sanción entre un e tres meses.  E iso no caso de que fose culpable! Pero non o son, porque todo iso do enmascarador de EPO é mentira.

Insiste en que é inocente?

Que veñan aquí á Universidade de Santiago, que analicen e que vexan se todo o que contaron é verdade. O que pasa é que iso vén así nas escrituras e xa podes dicir misa. Moita xente que coñece o ciclismo a fondo sabe cousas que eu tamén sei e que non vou dicir publicamente porque me comprometo xuridicamente. Xa estou aburrido de predicar no deserto, terá que ser un xuíz o que decida.

Empregouse o seu caso para tapar ou quitarlle importancia ao de Alberto Contador?

Só lle pido á xente que mire as datas do día no que se filtrou a noticia e do día no que sacaron a resolución, 14 meses despois e a semana antes de que toda a Federación fose a Suíza a apelar a sanción a Contador. Estou farto de falar dese circo.

Pero entende que a afección desconfíe de vostede e do ciclismo en xeral?

Enténdoo perfectamente porque eu mesmo, se estivese no outro lado, que pensaría? Pero no ciclismo hai moitos intereses que a xente non coñece. O que sae nos medios é moi pouco parecido coa realidade. Non digo que no ciclismo non haxa trampas, pero hai as mesmas que noutros deportes que se xestionan moito mellor. Isto necesita cambiar, pero en varios ámbitos, non só no dos ciclistas, que xa levamos paus bastantes.

Pero o seu ex compañeiro, David García, recoñeceu que se dopara...

El mesmo recoñeceu o que fixo pero tamén o que eu non fixen, e aí están os controis para demostralo. El acaba a sanción en marzo e eu teño desde novembro dous anos máis, ou sexa, tres. Todo por poñerme chulo. A realidade é esa: se non queres unha cunca de caldo, tomas dúas.

E as sospeitas sobre Álvaro Pino non prexudicaron o equipo?

E mesmo nos dicía que lle tiñan ganas, pero inculcábanos todo o contrario do que se vende. Podería ter unha personalidade de moi cabrón e ditador, non o nego, pero sempre nos inculcaba o contrario do que se di. Débenlle moitas desculpas a Pino porque lin moitas atrocidades sobre el e sei que todo era ao revés. Se un ciclista decide doparse é pola súa conta e risco e asume as consecuencias. Se un director ou un mánager organiza dopaxe para todo un equipo, vai ao cárcere. Non é unha broma. A xente non pode pensar que Pino se ía arriscar a iso, é falar por falar. Eu non sei o que pasou en Phonak ou Kelme, pero si sei o que pasou no Xacobeo e a doutrina non tiña nada que ver co que se conta. El padeceu os ataques de moita xente e dígoo convencido e con pena. Non se pode ser tan cruel con el e aínda por riba mentir.

Disque a sanción económica que lle piden é a máis alta da historia do ciclismo.

Non sei exactamente se é a máis alta, pero o que me dá a impresión é que eu era o único que declaraba todo o que gañaba. Houbo xente con contratos máis altos ca min que non recibiu multa ningunha. Esa é unha maneira de que a xente entenda que aquí non se persegue o tramposo, senón a recadación.

Nun artigo recente chamábase á UCI “empresa recadadora”, está de acordo con esa definición?

A xente que xulgue por si mesma cos datos que estou dando. Esa multa só se aplica cunha sanción de dous anos. Se me sancionasen con 23 meses e 29 días, non habería sanción económica. Non digo nada máis.

Quen lle decepcionou máis: o mundo do ciclismo ou o da política?

Houbo de todo. No mundo do ciclismo dei con xente boa, que me apoiou e que se colocou ao meu carón sempre, pero tamén dei con xente mala, retorcida e incualificable. No ámbito da política... Que che vou contar. Nunca me quixen mesturar nese mundo nin politizar o tema, pero si que houbo xente que me defraudou, obviamente.

Foi a dopaxe a escusa para acabar co equipo ciclista galego? Recibiu o apoio necesario?

O único que digo é que o que faltaba para que o equipo seguise era un millón de euros. Sen crise ou con ela, un millón de euros gástase en calquera cousa. Antes de que pasase nada, este equipo xa non existía. Incluso gañando a Vuelta a España se cadra non seguía. Calquera equipo co noso rendemento e co noso orzamento tería conseguido un patrocinador.

"[Na Vuelta] a idea era que non falaramos moito, que había que calar. Antes de pasar o que pasou, alí xa non había equipo"

Por que non apareceu ese patrocinador?

Non sei, pero antes de empezar a Vuelta o discurso foi que eran vitais os resultados nesa carreira para atopar un patrocinio. Isto díxoo o secretario xeral para o Deporte diante de todo o equipo, ademais de dicirnos que “había que sufrir en silencio” cando xa nos debían cartos. A idea era que non falaramos moito, que había que calar. Antes de pasar o que pasou, alí xa non había equipo.

Varios ex corredores do Xacobeo acusan o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, de ser un dos principais impulsores da desaparición do equipo.

Aprecio tíñanos pouco. Non eramos algo de agrado. Si é certo que houbo temas, como o despido do médico do equipo, que a calquera político lle incomodan e que non se soubo xestionar desde dentro, pero para un político, sabendo levalo, non era problema ningún. Lete apareceu o último día da Vuelta, no podio. Oportunismo? Se cadra si, pero non me paga a pena entrar neste tema.

Sentíronse enganados pola Administración?

Os corredores fomos os que máis puxemos da nosa parte. A min chegáronme a deber uns 140.000 euros e non executei o aval depositado no equipo porque mo pediron así. Pedíannos máis e máis esforzo mentres nos debían 5 ou 6 nóminas. Iso non o atura calquera ciclista. De feito, os que non eran galegos eran os primeiros en intentar baixarse do carro. E si, aínda me deben cartos.

Pesou que a iniciativa de crear o equipo galego xurdise dun goberno doutra cor política?

Sen politizar o caso, moitas das cousas que pasaron non terían pasado antes de 2009. O trato cambiou radicalmente con respecto aos primeiros anos. Renovei aquí en 2008 rexeitando ofertas moito máis grandes porque para min era a hostia estar nun equipo galego, sendo líder, coa afección que tiñamos detrás... A idea era construír un Euskaltel galego e iso xa me motivaba dabondo. A día de hoxe, se sei como ían ir as cousas, non me tería quedado por nada do mundo. Os compañeiros e a xente coa que coincidín foron como unha familia, no bo e no malo, e gardo moi bo recordo de todas as vivencias, pero a realidade é que foi unha decisión errada renovar aquí. Un non pode predicir o futuro.

Moitos corredores lamentan agora non ter buscado o beneficio persoal naquela Vuelta de 2010 en lugar de loitar polo ben dun equipo que xa esmorecía. Compréndeo?

Por suposto, esa situación amoloume moito. Eu asinei contrato con outro equipo na sexta etapa e tiña o futuro garantido. Podía baixarme na seguinte etapa, pero a miña obsesión era que o equipo seguise e para conseguilo disque había que conseguir bos resultados. Todos colaboraron deixándose a pel porque eu só non podería facer nada e todos estaban nos momentos decisivos arredor de min. Estou falando de xente que gañaba 30.000 euros anuais e que loitaban contra outros gregarios que cobraban 200.000. O compañeirismo era impresionante. Cando o equipo desaparece e ves que quedan na rúa os que se partiron o lombo por ti... Como é posible que llelo paguen así?

Mosquera, nun adestramento en 2011 co Vacansoleil Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.