"Nos Xogos, a miña medalla vale o mesmo que a de Nadal”

José Antonio Hermida, na presentación do seu equipo © hermidabike.com

José Antonio Hermida (Puigcerdá, 1978) é outra das bazas galegas para Londres 2012. “Falo galego e meus pais son galegos”, xustifica este ciclista de montaña nado e criado en Cataluña. Campión europeo e do mundo de campo a través en varias ocasións, a última en 2010, xa coñece o que é a gloria olímpica logo de obter a medalla de prata en Atenas hai oito anos. Agora, afronta os seus cuartos Xogos Olímpicos co obxectivo de poñer un broche de ouro á súa prolífica carreira e celebrar de novo un triunfo simulando un pistoleiro. De aí lle vén o alcume a Pepiño Pistolas, que responde á entrevista en galego, pero que podería elixir. Fala seis idiomas.

Son os Xogos Olímpicos o desafío máis bonito para un deportista?

Os Xogos, sobre todo polo carácter mediático que se lles dá,  son un fito importante na carreira dun deportista. Pensas moito neles, pero ao final non deixan de ser unha carreira como outra calquera e no noso caso aínda máis. É como unha proba da Copa do Mundo porque en todas as competicións participamos os mesmos. No atletismo, por exemplo, a diferenza entre competir nun Mundial ou nun Europeo é moi grande porque o nivel elévase cando están todos; no entanto, en mountain-bike dominamos os europeos, así que os que nos imos xogar as medallas somos os mesmos que nos xogamos todo durante toda a tempada. Sempre somos os mesmos.

"En Londres, xógaste todo nunha carreira e dependes do circuíto e do clima"

Tanto esforzo para xogalo todo nunha carreira...

Iso é o que ten este deporte. Xógaste todo nun día, pero pasa noutras disciplinas. Imaxínate ao que adestra durante catro anos para correr os cen metros lisos. Se a cagas nese día, é un desastre. Unha competición regular como a Copa do Mundo dáche unha marxe para errar, pero aquí estás exposto a moitos problemas porque dependes do tipo de circuíto ou do clima que faga. Isto non é natación nin atletismo, onde as piscinas ou o tartán son iguais en todo o mundo. Pero tamén é a grandeza do meu deporte e o que crea expectación. Tes que estar centrado, pero unha picada nunha roda estrágao todo.

Agora que chegan os Xogos si se sentirá recoñecido, pero séntese igual durante todo o ano?

Iso é un clásico, non é algo novo dos Xogos Olímpicos. Pasa con Fernando Alonso tamén porque cando gañaba había moita marea azul, pero agora xa non hai tanta, aínda que estea en Ferrari. É normal no público. No entanto, os que son fans deste deporte ségueno igual. É certo que a nivel mediático terá máis repercusión, pero isto tamén é bo porque a xente decátase de que unha medalla de Rafa Nadal vale o mesmo que unha dun taekwondista, que unha miña ou que unha de David Cal.

Poderemos incluílo entre as bazas galegas para Londres, verdade?

Si, en certa maneira si porque falo galego e meus pais son galegos. Os cataláns dirán o mesmo porque falo catalán tamén e nacín en Cataluña, pero supoño que non se amolarán no caso de que o compartamos, non? Tamén é certo que o catalán aprendino na escola, pero o galego aprendino na casa, nunca fun a clase para poder falalo.

É máis dura a bicicleta de montaña ou o ciclismo en estrada?

Comparar durezas é moi difícil. Os ciclistas de estrada adestran ou corren 30 ou 40.000 quilómetros  ao ano e nós facemos entre 25 e 30.000, pero nun terreo moito máis duro porque son terreos de lama e montaña, un firme moi inestable. Fan máis quilómetros, pero nós con moito máis desnivel. É verdade que o desgaste dos ciclistas de estrada é maior que os de montaña porque vinte e un días nun Tour ou os adestramentos longos que fan son moi duros... Nós corremos só fins de semana, de maneira moi intensa, pero durante dúas ou tres horas. O resto da semana, adestramos. É difícil comparar. Ademais, cando che gusta algo, non lle atopas dureza ningunha. Por exemplo, para min o maratón sería a disciplina máis dura do mundo porque non me atrae nada. 

"Sufro a misma vixilancia antidopaxe que os ciclistas de estrada, pero é menos mediática"

Pero creo que no control da dopaxe sofren a mesma dureza...

A bicicleta de montaña está lexislada pola UCI tamén e os ciclistas seguimos os mesmos controis que os de estrada. Non me é alleo cando falan dese tema porque á miña casa veñen de súpeto, sen avisar, a controlarme e teño vampiros polas mañás cedo moitas veces. Ademais, ao ser un dos mellores do mundo, estou igual de controlado que Valverde, Contador ou Óscar Freire. Fago entre vinte e trinta controis ao ano, teño que dicir onde estou sempre e estou sometido ao control de localización. A vixilancia é a mesma aínda que a nivel mediático non o sexa tanto. 

O feito de ser español tamén é un factor en contra neste aspecto?

O feito de ser español era un handicap porque tiñas máis controis dos normais. Hai un mes corrín en Andalucía e en dez días fixen sete. Moita xente é moi cruel con isto porque os controis dos franceses ou os alemáns sempre son perfectos, pero cando os fan os españois non o son tanto. Se todos os deportistas de España pasamos controis antidopaxe, se cadra os dos españois aínda son mellores que os do resto.

Que opinión lle merece o tema de Contador?

O tema de Contador é difícil porque é compañeiro e hai que estar ao seu lado, pero por outra banda hai unha normativa que seguir. A el descubríuselle unha substancia e, igual que hai a quen  sancionan sen dopaxe ningunha, para esa substancia hai unha norma e unha sanción. É complicado porque nin unha parte nin a outra souberon desvelar a verdade ao público. Nin uns demostraron que fora por causa dun filete nin os outros que houbese unha transfusión de sangue. O que a xente si pode pensar que lle puxeron seis meses máis do habitual de sanción para prexudicalo. De todos os xeitos, o ocorrido non é positivo para o ciclismo nin para o deporte porque nos toman como o pito dun sereno. Xestionouse moi mal a imaxe do ciclismo.

"Nin Contador demostrou o do filete, nin os da UCI a transfusión; non souberon desvelar a verdade"

Vostede foi acusado por algún medio de estar implicado na operación Puerto cando ao final todo quedou en nada e ata lle tiveron que pagar unha indemnización. O dano está feito igual?

Cando aparecen noticias deste tipo saen en grande nos medios, pero cando se demostra que non é verdade e o tema desaparece, non aparece en páxina ningunha. Ese é o problema. Sempre o dixen;  ata que un día un xuíz decida o peche dun diario durante cinco ou seis días, ademais de poñerlle unha multa, a xente seguirá publicando cousas de maneira impune, sen respectar os dereitos nin a presunción de inocencia. Seguirá así ata que alguén esperte. Ao Barcelona, por exemplo, unha emisora de radio acusouno de dopaxe. Ao final tivo que pagar 200.000 euros que se cadra lle compensaron por ser líder de audiencia durante varios días. Ao final é unha cuestión de cartos. Se atacasen ao carto, igual pensábano antes.

Sería unha medalla de ouro o broche definitivo á súa carreira?

Só o feito de participar xa sería un fito porque serían os meus cuartos Xogos Olímpicos e iso xa son números importantes. Desde logo, se gañase o ouro, conseguiría o broche ao cerrar co único título que me falta tras gañar mundiais e europeos en todas as categorías. No entanto, hai que ser agradecido e non egoísta. A gloria olímpica xa a toquei en Atenas e incluso en Sidney. Síntome un privilexiado porque cando empecei neste deporte non pensaba chegar tan lonxe. O obxectivo é o podio, pero a miña carreira non quedaría deslucida por non logralo. O principal é ter forzas para loitar entre os cinco primeiros.

Daquela, sacaría Pepiño as súas pistolas?

(Ri) Non, só as sacaría se fago podio, se acado unha medalla. Iso faise en momentos especiais.

Hermida, co maillot de campión do mundo © hermidabike.com
Hermida, durante un adestramento © hermidabike.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.