Soños de Triatlón nas Illas Mauricio

Samia Zahidi, triatleta adestrada no Club de Triatlón de Porriño Dominio Público Praza Pública

Os triatletas africanos máis novos participaron nunha competición nas illas Mauricio. Samia Zahidi, triatleta adestrada no Club de Triatlón de Porriño e de dezanove anos, competiu representando ó seu país natal, Marrocos. Participou xunto con outro representante masculino de vinte e oito anos, chamado Mehdi e residente en Francia.

Os triatletas africanos máis novos participaron nunha competición nas illas Mauricio. Samia Zahidi, triatleta adestrada no Club de Triatlón de Porriño e de dezanove anos, competiu representando ó seu país natal, Marrocos

Uns supostos patrocinadores árabes, en busca de novas promesas foron parar en Porriño, despois de investigar nunha base de datos en cada capital. Así foi como atoparon a moza marroquí. Ofrecéronlle ir convocada a un campionato de triatlón a nivel de toda África, unha competición que consta de mil cincocentos metros a nado, corenta quilómetros en bicicleta e por último, outros dez correndo.

Cando Samia chegou destacou coas súas palabras que “a xente falaba entre si en inglés ou francés, e xa había grupiños feitos como cando chegabas nova ao colexio”. Ademais, todos estaban cos seus respectivos representantes, mesmo Medhi, o outro participante de Marrocos. Polo tanto, todos levaban o material deportivo que lles deran estes, agás Samia, que non gozaba daquel respaldo económico e polo tanto ía equipada co seu propio material.

Isto era o reflexo dun forte contraste de riqueza e pobreza no campionato. Por un lado estaban os africanos brancos, que eran os mellor preparados tanto polo material como a preparación física. “Eran simpáticos. Sempre estaba soa e ao non saber inglés para comunicarse comigo, molestáronse a traducir nos seus smartphones ao español para que eu fose á festa que tiñan organizada nun iate privado”, recorda Samia.

A pesar dos seus esforzos, Samia quedou no penúltimo posto na proba dos mil cincocentos metros a nado. Na seguinte disciplina, a dos corenta quilómetros en bicicleta, viuse adiantada por todos os demais ciclistas con facilidade. Algún dos participantes ofreceulle axuda pero ela non a aceptou, xa que ía en contra do regulamento. Picou a roda. De novo quedou de penúltima, así que non puido presentarse á última etapa do triatlón, é dicir, aos dez quilómetros correndo.

Medhi, o outro participante marroquí, obtivo bos resultados nas probas de natación e a da ruta en bici. Pero case ao final da carreira a pé, ao decatarse de que non ía conseguir a vitoria, sufriu un ataque de ansiedade. O episodio foi tan forte que non era capaz de recoñecer aos que estaban ao seu arredor. Sufría fortes cambios de humor acompañados con berros en árabe que ninguén alí presente podía entender. Samia contounos que aqueles berros incomprensibles eran en realidade delirios nos que presumía de ter chegado a participar nos Xogos Olímpicos. “Xa vou ás Olimpíadas! Conseguino!”, repetía mentres o levaban en ambulancia.

Aqueles berros incomprensibles eran en realidade delirios nos que presumía de ter chegado a participar nos Xogos Olímpicos. “Xa vou ás Olimpíadas! Conseguino!”, repetía mentres o levaban en ambulancia

Os patrocinadores non quedaron en absoluto satisfeitos cos resultados dos seus rapaces, o cal non axudou a mellorar a situación. Ademais, Samia perdeu o avión de volta á casa e tivo que durmir no aeroporto, facéndose os patrocinadores responsables de axudala economicamente. "Estiven máis preocupada de que me puidesen roubar o pasaporte que das miñas ganas de durmir", sentenciou a moza marroquí.

Samia Zahidi, triatleta adestrada no Club de Triatlón de Porriño Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.