"As remeiras sentímonos máis recoñecidas en Euskadi que en Galicia"

Andrea Oubiña, remeira de Rianxeira-Mecalia CC-BY M. G. P.

Nin a crise, nin as dificultades, nin competir en territorio inimigo. Nada pode coas remeiras galegas na Bandeira da Concha, a mítica regata de traiñeiras que, por quinta vez consecutiva, viaxou cara a Galicia. A embarcación Rianxeira-Mecalia conquistou a pasada fin de semana en Donosti un novo título malia os esforzos das embarcacións vascas por conseguir un galardón que en categoría feminina só fala galego desde que se instaurara a competición para mulleres.

E entres as campioas destacan dúas: Sandra Sánchez e Andrea Oubiña, as únicas remeiras que poden presumir de ter gañado todas as bandeiras da Concha. Desde que Rías Baixas empregou a denominación de Galicia e até a actualidade, co nome de Rianxeira-Mecalia. "Claro que é un orgullo ter competido e vencido en todas", destaca Oubiña, unha rapaza do Grove que pertence ao club de Meira e que no verán aparta durante uns meses as súas obrigas co seu equipo para adestrar e pelexar na Liga Euskotren e na mítica regata donostiarra.

A embarcación galega nútrese de rapazas de diferentes clubs e vilas que se unen no verán para adestrar e competir

Ela e as súas compañeiras, residentes na Guarda, Ferrol, Boiro, Moaña, Bermeo ou Altea, percorren milleiros de quilómetros e fan múltiples esforzos durante o verán para poder adestrar e competir contra equipos vascos, aqueles que contan cunha estrutura ben definida e, sobre todo, con moito maior apoio económico, tanto de patrocinadores como das administracións. "No inverno cada unha de nós adestramos no noso club ata o mes de xuño. Eu fágoo en Meira e outras en Tirán ou Robaleira, por exemplo", explica Oubiña, que non dubida en reclamar máis apoio para o seu deporte en Galicia.

"Somos máis recoñecidas en Euskadi que aquí, onde hai xente que non sabe nin que deporte practicamos", di Oubiña

"Teño que compaxinar o deporte coa Universidade; vivo en Pontevedra, remo en Moaña e son do Grove... Cando volvo á miña casa as fins de semana, téñome que desprazar para ir adestrar a Meira. Paso máis tempo indo e vindo que adestrando", explica Oubiña, que recoñece que a crise está a afectar, e moito, ao remo galego. "Temos menos axuda porque os patrocinadores bótanse para atrás", conta  unha remeira que aclara as diferenzas de apoio a este deporte no País Vasco.

As remeiras piden máis apoio económico, reducido pola crise, e máis atención dos medios de comunicación

"Sentímonos máis recoñecidas en Euskadi que aquí. En Galicia incluso hai xente que nin sabe que deporte practicamos, pero alí calquera persoa che aplaude e recoñece o teu esforzo, sexas do equipo que sexas", asegura Andrea Oubiña, que puido comprobar unha vez máis os milleiros de persoas que seguiron a Bandeira da Concha desde a costa de San Sebastián. Alí, onde as admiran, pero onde tamén hai quen as acusa de ter formado "unha selección galega" que lles permite competir coas remeiras vascas. "Os seus clubs tamén son seleccións, porque non todas as remeiras son da vila onde compiten, senón que fan os equipos escollendo as mellores", deféndese.

"Vivo en Pontevedra, adestro en Meira e son do Grove; paso máis tempo indo e vindo que adestrando"

Todo, sen ter en conta as diferenzas en canto apoio popular, mediático ou económico entre Galicia e Euskadi. "Non gañamos cartos e grazas que nos dá para o gasoil das viaxes", lembra Oubiña, que conta tamén como a prensa vasca "céntrase tanto nas traiñeiras como nos deportes maioritarios". "Aquí falan de fútbol e pouco máis; nada que ver co que ocorre no País Vasco", sentencia a remeira, que nin tan sequera é capaz de asegurar a presenza da embarcación galega para a vindeira Liga Euskotren e para a Bandeira da Concha. "Teremos que falalo e chegar a un acordo", remata unha das mellores representantes do remo galego, o mesmo que colocou a Tirán no terceiro posto da Olimpíada das traiñeiras en categoría masculina. Galicia calidade.

Andrea Oubiña, remeira de Rianxeira-Mecalia CC-BY M. G. P.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.