David Blanco, rei de Portugal

David Blanco © A Bola

Portugal confírmase unha vez máis como escenario de éxitos para o ciclismo galego, e tamén como reserva para que os corredores do norte do Miño poidan competir a nivel profesional, antes as dificultades que ás veces atopan para facelo nos equipos españois. O ciclista compostelán, de 37 anos, completa con esta vitoria un palmarés ao que poucos aspiran. Blanco gañou a Volta a Portugal de 2006, 2008, 2009, 2010 e 2012, un país no que debutou como profesional e desenvolveu até agora a meirande parte da súa carreira, agás as dúas tempadas que competiu no Kelme (2004 e 2005), finalizando décimo e décimo terceiro na Vuelta a España.

Foi na oitava etapa, con chegada ao alto da Torre, cando o galego se puxo de líder e asegurou o seu triunfo

Blanco foi de menos a máis nesta Volta. Comezou a destacar na cuarta etapa (Viana do Castelo - Senhora da Graça), na que foi terceiro, só por detrás de Rui Sousa e Sérgio Ribeiro. Pero foi na oitava etapa, con chegada ao alto da Torre, en Seia, cando o galego se puxo de líder e asegurou o seu triunfo. Blanco gañou a etapa raíña da Volta, con medio minuto sobre os seus grandes rivais, Sousa e Ribeiro e 49 segundos sobre Hugo Sabido, gañador en 2011, e a quen lle arrebatou o liderado.

Na etapa seguinte, unha contrarreloxo de 32 quilómetros en Leiría, Blanco foi cuarto, pero impúxose ao resto de favoritos para o triunfo final, sobre todo Hugo Sabido, segundo na xeral, a quen separou en 14 segundos máis. Por certo, unha contrarreloxo na que se impuxo outro galego, o estradense Alejandro Marque.

Blanco declarou que "se son algo, é grazas a Portugal. Eles déronme a oportunidade profesional e quérenme coma se fose portugués"

A etapa final, Sintra - Lisboa, foi unha festa para o galego, que con esta vitoria se converte no primeiro ciclista da historia en gañar cinco Voltas, desfancendo o empate que mantiña con Agostinho e Marco Chagas. Blanco declarou que "se son algo, é grazas a Portugal. Eles déronme a oportunidade profesional e quérenme coma se fose portugués".

Este domingo, nunha entrevista na Radio Galega, non quixo desvelar cal sería o seu futuro profesional ou se intentaría gañar o vindeiro ano a súa sexta Volta,  pero si asegurou que descarta regresar a un equipo ciclista en España.

David Blanco © A Bola

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.