O día das Letras celébrase nas rúas... e na rede

Cartaz dedicado a Otero Pedrayo, elaborado por Rubén Prol © Rubén Prol

A Real Academia Galega, a Coordinadora de Equipos de Normalización, a CRTVG, Cultura Galega, a Fundación Barrié ou dous proxectos en GalegoLab presentan propostas ou contidos especiais ao redor do 17 de maio.

A Real Academia Galega dedícalle un coidado espazo ao homenaxeado na súa anovada web. Ademais da información que ofrece sobre Paz-Andrade, destaca o coidado traballo que procura homenaxear conxuntamente todos os autores e autoras que dende 1963 foron recoñecidos no Día das Letras, e que suman xa 50. A RAG, en colaboración coa Asociación Galega de Deseñadores, a AELG, a Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, a AGE, a Federación de Libreiros, a Asociación de Bibliotecarios e outras entidades elaborou un caderno que presenta 50 cartaces doutros tantos deseñadores e deseñadoras galegas, dedicados a cadanseu autor ou autora, e que ademais se acompañan de medio cento de textos elaborados por escritores e escritoras de todas as xeracións, de Marcos Calveiro a Bieito Iglesias, pasando por Chus Pato e Rosa Aneiros.

O caderno presenta 50 cartaces doutros tantos deseñadores e deseñadoras galegas, dedicados a cadanseu autor ou autora, e que ademais se acompañan de medio cento de textos obra de escritores de todas as xeracións

O caderno, de 56 páxinas, será publicado o 17 de maio polo xornal Faro de Vigo de xeito gratuíto. Contará, ademais, cunha edición adicional de mil exemplares, a cargo da Asociación Galega de Editores, que será repartida por colexios e bibliotecas de todo o país. Tamén se pode descargar directamente na web da Real Academia. O caderno inclúe o manifesto titulado As letras que nos fixeron, no que se pode ler: "As palabras e as imaxes son os lugares da cultura, esa é a masa que nos une".

 

Outras iniciativas

Pola súa banda, CulturaGalega dedica integramente a súa portada neste 17 de maio ao Día das Letras e á figura de Valentín Paz-Andrade. Alí pódense atopar unha relación de documentos sonoros coa voz do propio homenaxeado así coma noticias. E tamén a conta de Gmail de Paz-Andrade: o homenaxeado nas letras mantivo unha rica e abondosa correspondencia con moitos outros galeguistas do seu tempo, como Laxeiro, Osorio Tafall, Carlos Maside ou Isaac Díaz Pardo. Aquí poden lerse esas cartas (ou e-mails).

Cultura Galega permítenos ver a conta de Gmail de Paz-Andrade: o homenaxeado nas letras mantivo unha rica e abondosa correspondencia con moitos outros galeguistas do seu tempo, como Laxeiro, Osorio Tafall, Carlos Maside ou Isaac Díaz Pardo.

Tamén resulta moi interesante o especial que coma todos os anos realiza a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), que recolle os traballos realizados nos centros de ensino do país ao redor da figura e do traballo de Paz-Andrade. Alí pódense atopar varios vídeos, coma o documental sobre a vida e a obra do autor homenaxeado, realizado polos alumnos e alumnas do CPI Os Dices de Rois ou a interpretación que do empresario galeguista fan dende o IES as Barxas de Moaña. Por suposto, a páxina complétase con materiais didácticos, ligazóns e bibliografía.

De igual xeito a CRTVG presenta na súa páxina un especial dedicado ás Letras, na que destacan, sobre todo, os dez vídeos sobre Paz-Andrade: programas especiais, entrevistas, reportaxes, que permiten ver e escoitar o homenaxeado, por exemplo o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Ciencias ou as súas intervencións nalgúns programas da TVG en 1985, pouco despois da inauguración da televisión pública.

Outras iniciativas interesantes corresponden á Fundación Barrié, que co gallo da celebración das Letras lanza un concurso dirixido a todos os centros de ESO e bacharelato galegos, baseado na webquest Valentín Paz Andrade e o xornal Galicia, edición especial. O obxecto do concurso é a revitalización do xornal Galicia. Os participantes deben integrar contido nunha planilla, que representa a portada do periódico. Unha vez que os alumnos se dean de alta (a data límite é o 17 de maio), só terán que encher de novas esa maqueta e enviala antes do 8 de xuño. Haberá un premio aos mellores traballos individuais para o alumno ou alumna que destaque en calquera dos cinco roles que se asignan no traballo: Valentín Paz Andrade, Antón Villar Ponte, Manuel Antonio, Vicente Risco e mais Castelao. Tamén haberá un premio para o xornal mellor elaborado e maquetado no seu conxunto.

Tamén cómpre destacar dous proxectos abertos en Galegolab relacionados do Día das Letras. O primeiro deles é a segunda edición do agasallo sincronizado para o mundono que se ofrece unha a partitura dunha canción (Ti es dos meus) para que todas as persoas que queiran fagan unha versión, e a envíe en vídeo, que se recollen nunha canle de youtube. A segunda iniciativa consiste nunha lectura global en YouTube polos 50 anos das Letras Galegasna que se procuran 50 vídeos con distintas persoas lendo medio cento de fragmentos de obras escritas polos homenaxeados e homenaxeadas.

Cartaz dedicado a Otero Pedrayo, elaborado por Rubén Prol © Rubén Prol
Cartaz dedicado a Lois Pereiro, elaborado por Alberto R. Pérez © Alberto R. Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.