"A lingua é adictiva"

Dores Tembrás CC-BY Xosé Bocixa

A optimista reflexión do escritor Marcelino Fernández Mallo, que di que cando unha persoa decide comezar a usar o galego "despois non pode parar", convídanos a pensar sobre a normalización do idioma e os ataques que vén recibindo nos tres anos de goberno de Alberto Núñez Feijoo nun vídeo elaborado por Xosé Bocixa en conversa con Lois Dieguez, Xurxo Souto, F. Xosé Fernández Naval, Antía Otero, X. R. Freixeiro Mato, Dores Tembrás, Estibaliz Espinosa, Pilar Pallarés ou Ánxeles Penas.

Bocixa recolleu durante meses as opinións que distintas autoras e autores galegos teñen sobre a situación do idioma galego, da falta de apoios da administración autonómica (ou directamente dos ataques recibidos pola Xunta), o proceso de normalización, a necesidade de achegamento ao portugués, as estratexias para a recuperación de falante e as perspectivas de futuro. 

Xurxo Souto é optimista e asegura crer "na resposta cívica", cunha "confianza absoluta na xente nova", pois “canto máis nos encirraron, máis nos puxemos a actuar”

As súas voces camiñan entre o desasosego e a rabia ao asistir aos pasos atrás que nos últimos tres anos se deron nun proceso de normalización que nos últimos trinta acadara algúns froitos positivos, principalmente no que atinxe á introdución do galego no ensino. “Nestes anos sempre se foi avanzando. Pero agora estase iniciando un proceso en contra das disposicións legais, que indican que o galego debe irse normalizando”, afirma Freixeiro Mato e Lois Diéguez advirte de que “se eliminan a lingua no ensino, todas as xeracións posteriores serán analfabetas na súa lingua”. En calquera caso, Xurxo Souto é optimista e asegura crer "na resposta cívica", cunha "confianza absoluta na xente nova", pois “canto máis nos encirraron, máis nos puxemos a actuar”.

As autoras e autores entrevistados denuncian a situación de discriminación que vive o galego, pois como sinala Fernández Naval, para un rapaz hoxe en día “é imposible, no seu país, vivir en galego o 100% do tempo”, o que dá lugar a numerosas situacións de "esquizofrenia", como apunta Antía Otero e ao que é o cerne do problema, para Ánxeles Penas: "o galego é unha lingua prescindíbel, pódese facer unha vida completa sen coñecelo". 

As autoras e autores entrevistados denuncian a situación de discriminación que vive o galego, pois como sinala Fernández Naval, para un rapaz hoxe en día “é imposible, no seu país, vivir en galego o 100% do tempo”

“Calquera persoa que teña un complexo do seu idioma non é unha persoa libre”, salienta Lois Diéguez. Mentres que Estíbaliz Espinosa establece a comparación entre a protección que ten calquera especie animal ou vexetal nunha situación de ameaza da súa supervivencia e a que deben ter a linguas: "a lingua é unha criatura viva, e dálles igual que morra, que esmoreza”.

En canto ao futuro, ademais do imprescindible apoio público, que anteriormente existía, pero que sempre foi insuficiente: "Ningún presidente convidou os cidadáns a falar en galego", lembra Fernández Mallo, propóñense estratexias. Estíbaliz Espinosa recomenda "non vencellar a defensa da lingua cunha ideoloxía política". E outros autores fan fincapé na necesidade de que Galicia mire cara á lusofonía, ao portugués e sobre todo a Brasil, como sinala Fernández Naval. Este achegamento debería darse principalmente na grafía: “a escrita apréndese na escola e é fácil de fixar”, di Fernández Mallo. E un e outro concordan en que se en Catalunya se dispuxese desta oportunidade de relación cun xigante coma o país sudamenricano “estarían traballando todos: empresas, goberno, cidadanía, en achegarse a esa sociedade emerxente, Catalunya sería o primeiro socio comercial de Brasil”.

Outros autores fan fincapé na necesidade de que Galicia mire cara á lusofonía, ao portugués e sobre todo a Brasil, como sinala Fernández Naval

Outras estratexias resúmense en algo moi sinxelo: "falar", como sinala Tembrás, ou como apunta Fernández Mallo, neofalante recoñecido, que recomenda facer presión sobre as empresas e os empresario, para que comecen a empregar o galego, e afirma que "unha lingua é adictiva, é unha droga benigna, cando empezas a falala despois non queres parar".

Dores Tembrás CC-BY Xosé Bocixa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.