O canto épico de Paz-Andrade aos galegos como pobo nómade

Presentación do libro © Consello da Cultura Galega

“E Galiza, a esquecida,/ arredada e viúva/ dun Reino polos outros devorado”

Luís Seoane e Valentín Paz-Andrade compartían unha mesma arela de afrontar o tema da emigración desde unha perspectiva épica. Seoane escolleu cantar á loita dos heroes con nome e apelidos. E Paz-Andrade optou polos seres anónimos esquecidos, por un protagonista colectivo que é un pobo cuxa identidade se forxou, en boa medida, na súa historia nómade. Así o explica a profesora da Universidade de Barcelona María Xesús Lama no estudo introdutorio de Canto do pobo disperso, o poemario inédito de Paz-Andrade que o Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de tirar do prelo como contributo á celebración do Día das Letras.

Paz-Andrade escribiu esta obra en 1955, durante unha estadía en Colombia

Paz-Andrade escribiu esta obra en 1955, durante unha estadía en Colombia. Ese mesmo ano foi publicado o seu primeiro poemario, Pranto matricial, en Edicións Galicia de Bos Aires como homenaxe a Castelao. O feito de que unha das catro versións deste libro aparecese entre os papeis de Luís Seoane proba, -segundo lembra o presidente do CCG, Ramón Villares, no limiar da obra que agora ve a luz-, unha posible intención de editar este texto en Bos Aires. Pero non foi así, finalmente. A Fundación Luís Seoane gardou unha das versións, a que leva o título Canto do pobo disperso. As outras tres foron atopadas na casa do autor, dúas delas co encabezamento Os sete salmos da remigración. O volume preparado polo Consello da Cultura inclúe tamén o facsímile desta obra, con manuscritos e mecanoescritos.

O mito do celtismo, tan desenvolvido polos integrantes de Nós e en especial por Vicente Risco, é unha das primeiras referencias que se atopan nos poemas

Emigrar e “remigrar”. Ir e volver. É o cerne da epopea que conta Canto do pobo disperso, ao xeito dos clásicos da antigüidade ou da tradición romántica de finais do XVIII. O mito do celtismo, tan desenvolvido polos integrantes de Nós e en especial por Vicente Risco, é unha das primeiras referencias que se atopan nos poemas. Un pobo loiro que emprende a viaxe desde as estepas cara ás illas atlánticas, ata chegar a Galiza, fin de terra, “Ribeira Antiga”. Pero o periplo non remata e, séculos despois, o mesmo pobo nómade volve partir, esta vez para América. “E foi de novo andar, andar o sino, seguindo do vogar das caravelas/ as galaxias de escuma”. Mais a viaxe esgaza a alma, sen quebrar a identidade. “E Galiza, a esquecida,/ arredada e viúva/ dun Reino polos outros devorado,/ matria lonxana do romance ledo/ e da lei da anduriña,/ abatido solar/ de xentes e castelos abatidos...,/ caladamente heroica,/ escomenzou a súa/ doorosa desfilada transmariña”, di o segundo dos poemas.

Sinala ademais María Xesús Lama no seu estudo que o poemario establece un paralelismo entre o pobo galego e o xudeu, no sentido do éxodo na procura da terra prometida. “A terra prometida en que se asenta este pobo viaxeiro é o chan galego, e dende aquí un novo movemento migratorio só pode ser contemplado como diáspora ou dispersión desmembradora”, -por iso o título-, subliña. O pobo “remigra” non só non sentido de emigrar varias veces, senón tamén no de retornar. “Esta idea elabórase no poema final do conxunto titulado A volta, onde se establece definitivamente a forza dun novo trazo identitario transcendente que consiste na íntima unión dos dous elementos que protagonizan o canto: o pobo e a Terra”, sostén. 

Galicia é entendida neste poemario, segundo apunta Ramón Villares no limiar, como “lugar de chegada ou de terminis da historia europea”

Galicia é entendida neste poemario, segundo apunta Ramón Villares no limiar, como “lugar de chegada ou de terminis da historia europea”, desde unha “visión mítica, pero positiva, do papel de Galicia na historia universal, en canto suxeito activo da vida desenvolta no destino americano”. No acto de presentación do libro, o presidente do CCG asegurou que Valentín Paz-Andrade era un “intelectual moderno” -no sentido de Gramsci-, un adiantado ao seu tempo que estivo sempre cos sectores máis “progresivos” do país. A directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Rosario Álvarez, insistiu pola súa banda na visión optimista da emigración achegada por Paz-Andrade, con esa óptica da terra como espazo de encontro entre Oriente e Occidente, e salientou a “edición respectuosa co orixinal” de Lama. Sinalou, tamén, que o volume inclúe, como apéndice, un poema inacabado.

Alfonso Paz-Andrade salientou o compromiso do seu pai con “Galicia como tarefa”

Como representante da familia do homenaxeado, Alfonso Paz-Andrade salientou o compromiso do seu pai con “Galicia como tarefa”, -que é o título dun dos seus ensaios-. “Denunciou con emoción a escravitude do agro, a servidume dos mariñeiros, o expolio do que Galicia estaba sendo obxecto”, asegurou, e fíxoo con “valentía e pragmatismo”, confiando nos galegos como “un pobo con capacidade de internacionalización”, que foi quen de enfrontarse á emigración e con ela á integración “noutras culturas”. Nun momento de “crise económica, social e cultural”, -engadiu-, a obra de Valentín Paz-Andrade “pode ser de moita utilidade”. No ano 30, -recordou-, o seu pai “deu unha conferencia na que defendía a autonomía”, pois xa daquela se decataba de que non había outra solución, e “no ano 29 Galicia recibira do Estado 126 millóns, e achegara 130“.

Alfonso Paz-Andrade © Consello da Cultura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.