A raia galego-portuguesa: máis unha costura que unha fronteira

A fronteira entre Calvos de Randín e Tourem © turismoenportugal.blogspot.com

"Non hai que contemplar as fronteiras como liñas divisorias senón como rexións de convivencia e intercambio, de osmose e hibridación, nas que se crea un tipo de cultura peculiar con trazos característicos comúns a diferentes áreas fronteirizas. A raia galego-portuguesa contemplada non como un límite senón como unha costura". O Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega presentaron este xoves un libro que reflexiona sobre a fronteira entre Galicia e Portugal desde unha perspectiva histórica, antropolóxica e lingüística.

Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa, coordinado por Xulio Sousa, Rosario Álvarez e Marta Negro, ten a súa base nun simposio multidisciplinar, celebrado en 2013 en Compostela, no que participaron 21 especialistas nos campos da historia, antropoloxía, xeografía, comunicación e lingüística. Así mesmo, fai referencia a dúas efemérides: o 75 aniversario da publicación do traballo de Hans Schneider sobre o galego raiano na Limia Baixa, unha das obras pioneiras da dialectoloxía galega, e o 150 aniversario da fixación definitiva do trazado da raia seca entre Galicia e Portugal, a través do Tratado de Límites.

O libro está encabezado por un traballo do profesor de Historia da USC, Carlos Baliñas, que pon en cuestión a idea, "moi estendida tanto no ámbito político como académico", de que a separación política, tamén cultural e lingüística, de Galicia e Portugal na Idade Media "foi un avatar circunstancial da historia consecuencia dunha imposición política das elites gobernantes". O historiador sinala que "xa desde comezos do século XI comeza a falarse de dous territorios diferenciados e que son identificados como tales tanto polas elites gobernantes como polos seus poboadores" e engade que "o proceso de diverxencia política e territorial foi transcendendo máis tarde a outros ámbitos da vida cultural, social e económica dos dous territorios".

Mentres, Luís Manuel García Mañá, fai un repaso pola historia da fronteira entre Galicia e Portugal, os seus conflitos e o seu proceso de fixación, e sobre a súa indefinición, que se mantivo durante séculos, até o Tratado de Límites de 1864. García Mañá afonda no Couto Mixto e tamén nos chamados "pobos promiscuos", situados na mesma raia fronteiriza e integrados por habitantes galegos e portugueses, que acabarán por ser integrados en Portugal. Estas aldeas, Soutelinho, Cambedo e Lamadarcos, tiñan mesmo casas construídas na mesma liña divisoria, até o punto de ter unha porta para Galicia e outra para Trás-os-Montes.

O autor analiza tamén o traballo da Comisión Mixta de Lindes, que atopou problemas á hora de establecer a pertenza dalgúns lugares a un ou outro estado debido á falta de acordo entre a veciñanza. Este tema tamén é tratado pola antropóloga Paula Godinho, que analiza os conflitos no treito de fronteira situado entre aldeas de Chaves e de Vilardevós. Para Godinho, a distancia entre a lexislación e as necesidades locais era "inconmensurable", o que levou a poboación rural a converterse en dinamitadora da orde social debido ás alteracións sufridas no seu modo de vida coa nova demarcación territorial.

 

A lingua

Outros textos céntranse no aspecto lingüístico. Soraya Suárez e Irene Santos presentan os resultados dun estudo realizado en 21 localidades rurais dos concellos de Lobios, Muíños, Calvos de Randín, Baltar, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós, na raia seca ourensá. As autoras buscaban coñecer a percepción identitaria e lingüística dos galegos e galegas que viven preto desta zona fronteiriza. Destacan "a avaliación positiva xeral que realizan sobre a fala local e tamén sobre o xeito en que empregan esta variedade como forma de identificación e contraste con respecto da variedade falada polos portugueses". Aínda que 14 persoas consideraron que a súa forma de falar se identificaba máis coa doutros sitios de Galicia, outras sete opinaron que se asemellaba máis á variedade dos seus veciños portugueses.

Pola súa banda, Elisa Fernández Rei, Lurdes de Castro Moutinho e Rosa Lídia Coimbra un estudo dialectométrico para determinar áreas xeolingüísticas que comparten unha entoación próxima, a pesar de estaren en bandas distintas da devandita fronteira, preguntándose se a fronteira política que separa Galicia de Portugal constitúe tamén unha fronteira prosódica entre galego e portugués. A investigación completouse cun estudo perceptivo que amosou "a dificultade dos falantes dunha e doutra beira do Miño en identificar a prosodia dalgunhas variedades, nomeadamente as das Rías Baixas, e adscribilas como galegas ou como portuguesas".

Finalmente, Helena Pousa, estudosa da variación lingüística na raia mollada, centrouse na "permeabilidade da fronteira" e na comunicación entre comunidades fronteirizas, destacando a afinidade léxica no espazo fronteirizo do Miño, desde Salvaterra e Monção até a súa desembocadura.

A fronteira entre Galicia e Portugal tivo na ponte de ferro sobre o Miño un dos seus símbolos Dominio Público Praza Pública
A fronteira entre Calvos de Randín e Tourem © turismoenportugal.blogspot.com
Acto de Ponte nas Ondas! na fortaleza de Valença CC-BY Ponte nas Ondas
Capa do libro © Consello da Cultura Galega
Presentación do libro, este xoves © Consello da Cultura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.