Os escritores premian a Fernández Paz, Pilar Pallarés e Riveiro Coello

Agustín Fernández Paz © Agustín Vilabarros

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou onte a súa Cea das Letras e entregou os seus galardóns, entre os que destacaron os premios a Agustín Fernández Paz, Pilar Pallarés ou Antón Riveiro Coello nas categorías de literatura infantil e xuvenil, poesía e narrativa. 

Non foi unha sorpresa que Fernández Paz, co seu Fantasmas de luz, fose un dos galardoados tras as votacións secretas dos escritores e escritoras e tampouco que Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, resultase gañadora na categoría de narrativa. Pilar Pallarés, cunha dilatada e recoñecida traxectoria, volveu triunfar, desta vez co premio ao seu novo libro Leopardo son. O galardón á mellor obra dramática recaeu en Raúl Dans por Chegamos despois a unha terra gris.

 

Fernández Paz, Pilar Pallarés, Riveiro Coello e Raúl Dans foron algúns dos premiados

En canto aos premios honoríficos, os membros da AELG recoñeceron o labor dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino, así como os servizos dos concellos por contribuíren á difusión literaria. José Luís Sampedro foi galardoado como Escritor Galego Universal e, aínda que non estivo presente por motivos de saúde, si enviou unha emotiva carta na que lembraba as súas orixes galegas ou a súa relación de afecto e admiración por personaxes como Xosé Manuel Beiras, Carlos Taibo ou Manuel Rivas. 

José Luis Sampedro foi galardoado como Escritor Galego Universal

Nunha categoría na que ademais dos membros da AELG tamén participan os xornalistas do Colexio Profesional, Bieito Iglesias foi o premiado pola súa traxectoria de Xornalismo Cultural. Cunha importante e prolífica carreira en xornais e con premios como o Blanco Torres, Bieito Iglesias é un dos máis importantes articulistas do país.

As crebas de Miro Villar foi escollido como mellor blog literario mentres que Ramón Gutiérrez Izquierdo foi recoñecido pola súa tradución dos Sonetos de Shakespeare. O mellor ensaio foi, segundo os votantes da AELG, Vivir, unha aventura irrepetíbel, a biografía de Mª do Carme Kruckenberg, de Mercedes Queixas Zas

 

Agustín Fernández Paz CC-BY-SA Santos-Díez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.