“A sororidade é unha arma de empoderamento que só pode facernos máis libres"

Begoña Caamaño Dominio Público Cedida

Morgana irmá, amiga, amante. Muller libre que escolle o afecto como patria. Ser loitador que non está disposto a renderse, nin a renunciar a saber. Así é a protagonista de Morgana en Esmelle, a nova novela de Begoña Caamaño. A escritora e xornalista realiza con esta obra a súa achega á revisión galega da materia de Bretaña. Pero, alén do ronsel de Cunqueiro, opta pola relectura dos mitos en clave feminista como o fixeron Xohana Torres ou María Xosé Queizán. Para propoñer unha reflexión sobre a sociedade que queremos, sobre o poder que devén tiranía se non ten límites, se non se asumen as consecuencias dos actos de cada quen.

Eu aposto polo achegamento entre mulleres, sobre todo cando as supostas rivalidades son falsas, ou froito das circunstancias e non da vontade de facer dano

Morgana en Esmelle amosa conexións coa túa novela anterior, Circe ou o pracer do azul. Como o achegamento entre as dúas mulleres que eran rivais nun principio.

Circe está máis centrada no achegamento entre Circe e Penélope do que o está Morgana entre Xenebra e Morgana. Pero si é certo que eu aposto polo achegamento entre mulleres, sobre todo cando as supostas rivalidades son falsas, ou froito das circunstancias e non da vontade de facer dano. O entendemento mutuo entre as mulleres, a sororidade, é unha arma de defensa e de empoderamento que só pode facernos máis fortes e máis libres.

O primeiro que pensamos ao comezar a ler unha novela arredor da materia de Bretaña é en Cunqueiro, Cabanillas... Pero se cadra o teu libro ten máis que ver coa reinterpretación dos mitos de Xohana Torres, María Xosé Queizán, Chus Pato...

Cunqueiro é un escritor delicioso, e unha das moitas cousas que temos que agradecerlle foi a súa transgresión dos mitos, pois demostrounos como podemos apropiarnos deles, facelos nosos, como el fixo con Merlín, convertido case que nun menciñeiro. A miña novela é, por iso, tamén unha homenaxe a Cunqueiro, pero ese non é o seu motivo fundamental. Os mitos non son só anécdotas, senón que perduran no tempo e marcan canons, estereotipos, fixan modelos de conduta. No caso de Circe a literatura clásica é fundamental, por iso.

"Cunqueiro é un escritor delicioso, e unha das moitas cousas que temos que agradecerlle foi a súa transgresión dos mitos, pois demostrounos como podemos apropiarnos deles, facelos nosos, como el fixo con Merlín, convertido case que nun menciñeiro"

En canto á materia de Bretaña, aos galegos cóllenos moi de perto, xa desde o celtismo de Risco. Ten que ver coa incorporación da cultura atlántica ao proxecto de construción europea desde a caída do Imperio Romano. O cristianismo funcionou como un elemento unificador de Europa, dos reinos que se estaban formando. A Europa Atlántica fora máis difícil de conquistar para os romanos. E o mito artúrico ten que ver con isto, que na novela está presente a través do enfrontamento entre Merlín e Viviana. Na interpretación máis habitual do mito Viviana representa o ancestral e Merlín o progreso, a nova ideoloxía, a nova orde. Partindo desa tensión dialéctica, quixen facer unha reflexión máis contemporánea sobre o poder e a ética.

De feito no libro asistimos á evolución dos proxectos de Viviana, Merlín e Morgana, que reflexionan sobre a súa soberbia, o seu fracaso...

A novela fala moito de culpas, pero non nun sentido cristián, senón no da responsabilidade, no sentido de ser conscientes das consecuencias dos nosos actos, das nosas decisións. É a antítese do que se chama agora “danos colaterais”, que é un bo exemplo de deshumanización das vítimas, de falta de asunción da responsabilidade. O abuso de poder convértese en tiranía. É o que pasa cando un teclea nun ordenador e muda a prima de risco e con iso esnaquiza un país, é o que fai o FMI... pero tamén o que ocorre na vida cotiá. A Merlín móveo o poder, e a Morgana a procura da felicidade. E ambos acaban reflexionando sobre o que fixeron, sobre as consecuencias dos seus actos.

"A novela fala moito de culpas, pero non nun sentido cristián, senón no da responsabilidade, no sentido de ser conscientes das consecuencias dos nosos actos, das nosas decisións"

A novela ten tamén moito de reivindicación do coñecemento, a través dos tres personaxes, non si? Viviana ten cousas en común, niso, coa Hélène Jans de Herba moura de Teresa Moure.

Si, é o coñecemento fronte á superstición, a tiranía. A ignorancia condúcenos á pobreza, á miseria e non só nun sentido económico. A falta de coñecemento leva á alienación, á falta de liberdade. Non é estraño que haxa conexións con Teresa Moure porque Teresa é tamén unha escritora feminista, e o feminismo é unha cosmovisión, un xeito de entender o mundo. Xa dicía Simone de Beauvoir que non se nace muller, senón que se chega a selo. Porque hai uns roles que son construción cultural, e o coñecemento é básico para liberarnos deles. 

"Xa dicía Simone de Beauvoir que non se nace muller, senón que se chega a selo. Porque hai uns roles que son construción cultural, e o coñecemento é básico para liberarnos deles"

Hai un forte contraste entre a nai de Morgana, Igraine, e a súa filla ou a súa irmá, Viviana. Igraine renuncia a ela mesma. Morgana e Viviana loitan polo que queren.

Igraine é unha muller arrasada, destruída, vítima dunha conspiración. É incapaz de sobrepoñerse e refúxiase no seu mundo interior. Morgana é todo o contrario, quere saber por que pasou o que pasou, e por iso volve a Esmelle. É unha loitadora que non renuncia a saber.

Tamén é unha novela de renuncias: Viviana e Merlín renuncian ao amor que os unía, Igraine renuncia aos seus fillos...  

É que a vida está chea de escollas, nunca podemos ter todo, e non creo que iso sexa nada dramático. Ao escoller algo deixas outra cousa, é así. E das renuncias tamén aprendemos. Viviana e Merlín deixan a un lado o seu afecto, e cando chega a hora da verdade, de render contas ante un mesmo, pensan no que perderon, claro. Morgana loita ata o final polo afecto de Artur, que é a súa causa. Ela tamén renuncia, porque marcha de Ávalon para volver con Artur e tentar recuperar a infancia perdida. Enfronta a vida con máis forza, con máis ansia que Xenebra, que tamén é unha vítima.

"Nunha conxuntura económica tan brutal como a actual, o estraño é que non estea a haber grandes revoltas. Pero non, seguimos así, amolados pero mantendo o sistema"

O libro remítenos a debates actuais. No fondo, é a escolla entre dous mundos. Ávalon, que representa o coñecemento, a igualdade, a xustiza... que defende Viviana, ou a monarquía forte baixo un rei único que proxecta Merlín, coa ideoloxía nova, o cristianismo, como elemento aglutinador. Di Merlín que o que o pobo precisa non é o coñecemento, senón fuxir da pobreza e ter garantida a paz e o non sometemento a un poder estranxeiro.

Si, porque quixen formular un debate contemporáneo. Sobre que modelo de sociedade queremos. Queremos ser cidadáns, comportarnos como persoas maduras e responsables dos nosos actos, ou simplemente deixar que nos leven pola man? Que é o que entendemos por democracia? Só pan e circo? Nunha conxuntura económica tan brutal como a actual, o estraño é que non estea a haber grandes revoltas. Pero non, seguimos así, amolados pero mantendo o sistema.

A novela está estruturada en capítulos que van alternando a voz de quen nos fala: das crónicas de Avalon á conciencia de Merlín ou o relato de Felipe... O capítulo final, o de Morgana, amosa un estilo diferente. Pensaches así a técnica narrativa para darlle axilidade ao libro?

Si, quixen alternar diferentes voces que nos achegan ao relato de distintas maneiras. A miña parte favorita é a final, na que por primeira vez nos fala Morgana. E si ten un estilo diferente.

"Os medios de comunicación de masas teñen ese efecto de facer que se esquezan as cousas importantes, como se xa non o fosen porque xa non están “de actualidade”. E unha sociedade que esquece é tamén unha sociedade que non pide responsabilidades aos causantes do mal"

Na liña das reflexións actuais, pregúntase Merlín se a memoria é unha beizón ou unha condena. Por que?

O da memoria é un debate actual si, e non só polo da memoria histórica. Parece que, como comezou a chover, xa ninguén lembra que arderon as fragas do Eume. Os medios de comunicación de masas teñen ese efecto de facer que se esquezan as cousas importantes, como se xa non o fosen porque xa non están “de actualidade”. E unha sociedade que esquece é tamén unha sociedade que non pide responsabilidades aos causantes do mal. A conciencia é necesaria, pero a memoria e a conciencia non sempre son agradables, como lles pasa a Merlín ou a Morgana. A memoria ten tamén que ver cos mitos, con de onde vimos.

Begoña Caamaño Dominio Público Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.