A RAG escollerá as Letras 2015 entre Carvalho Calero, Filgueira Valverde, Xela Arias, Manuel María e Celestino Fernández de la Vega

Fachada da Real Academia Galega © CCG

Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde, Manuel María, Xela Arias ou Celestino Fernández de la Vega. Un destes autores collerá o relevo de Díaz Castro para as Letras Galegas do vindeiro ano, tal e como o confirmaron fontes da Real Academia Galega a Praza Pública. A decisión tomarana os académicos este sábado, día no que se reunirán en pleno na sede da institución na Coruña. Cada unha das propostas conta co aval de tres membros numerarios da entidades e o resultado darase a coñecer tras unha rolda de votacións eliminatorias, de xeito que en cada quenda a proposta menos apoiada quedará descartada.

Cinco candidaturas

Na listaxe de opcións que xa analizan os académicos atópase Carvalho Calero, proposta habitual que non chega a materializarse. Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago 1990), filólogo e escritor, converteuse no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega e está considerado como o gran pensador e referente do reintegracionismo. Entre a súa ampla obra ensaística cómpre destacar Historia da literatura galega contemporánea (1963). Cultivou tamén, ao longo da súa traxectoria, a poesía, a narrativa e o teatro.

Xela Arias (Lugo 1962-Vigo 2003) é a única muller da relación de propostas. Tradutora e poeta, Arias estivo vinculada á editorial Xerais dende os seus comezos. A súa andaina literaria principiou en 1986, ano no que lanzou Denuncia do equilibrio, un poemario innovador co que foi finalista do Losada Diéguez. En 1990 publicou Tigres coma cabalos, obra en colaboración co fotógrafo Xulio Gil. En 1996, publicou Darío a diario. O seu derradeiro libro, Intempériome, viu a luz en 2003. Como tradutora, trouxo ao galego obras de Fenimore Cooper, Fernández Flórez ou James Joyce.

A terceira proposta é a de Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra 1906-1996). Historiador, divulgador e escritor, Filgueira Valverde vinculouse dende novo a proxectos culturais e do país. Dese xeito, formou parte do nacemento do Seminario de Estudos Galegos. Tamén se involucrou na creación do Museo Provincial de Pontevedra e militou no Partido Galeguista, que acabaría por abandonar polos acordos da formación coa esquerda. Tras o golpe militar, apoiou os insurxentes e chegaría a ser alcalde de Pontevedra entre 1959 e 1968. Xa en democracia, foi conselleiro de Cultura con Fernández Albor e presidente do Consello da Cultura Galega entre 1991 e 1996.

Outro dos nomes que será discutido na reunión da RAG é o de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña 2004). O poeta estreouse na escrita en 1950 con Muiñeiro de brétemas, título co que se abriu a corrente poética Escola da tebra, caracterizado pola angustia da época logo da guerra e por unha vertente social. Pouco despois virían outros títulos seus como Morrendo a cada intre, Advento ou Mar maior. Ademais da poesía, Manuel María cultivou o teatro, o ensaio e a narrativa e, ademais, trátase, a día de hoxe, dun dos autores máis musicados en Galicia.

A relación de candidatos ás Letras Galegas 2015 péchase con Celestino Fernández de la Vega (Friol 1914—Lugo 1986). Destacado pensador e galeguista antes da guerra, acabaría instalándose en Lugo tras o conflito cunha praza na administración do Goberno Civil. Nesta cidade, participou en parladoiros constantes con Ánxel Fole, Pimentel ou Ramón Piñeiro. Tamén nesa época contactou con Manuel María e outros autores. É un dos fundadores do grupo Galaxia, colaborador xornalístico en diversos medios e entre as súas obras máis relevantes podemos destacar Abrente e Solpor da Paisaxe (1958), editada nun volume colectivo en homenaxe a Otero Pedrayo, e O segredo do humor (1963), onde o lugués expón a súa particular concepción do "humor" (punto intermedio entre o lado serio do cómico e o ridículo do serio). Tamén se dedicou á tradución, como no caso de obras de Martin Heidegger e Julius Pokomy, en colaboración con Piñeiro.

Xosé Filgueira Valverde © http://www.ahlm.es/
Xela Arias © Culturagalega.org
Manuel María © Letra en Obras
Celestino Fernández de la Vega © terrasdefriol.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.